Reino Armenio de Cilicia
Կիլիկիայի Հայկական Թագավորություն (hy) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Tarso Kozan | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | Middle Armenian (en) lingua latina francés antigo Grego medieval (pt) | ||||
Relixión | cristianismo, Igrexa católica armenia e Igrexa apostólica armenia | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 40.000 km² | ||||
Bañado por | Mar Mediterráneo | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 1199 | ||||
Disolución | 1375 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía | ||||
O Reino armenio de Cilicia (armenio medio: Կիլիկիոյ Հայոց Թագաւորութիւն, Kiligio Hayoc' T'akavorut'iun), tamén coñecido como Armenia Cilicia (armenio: Կիլիկեան Հայաստան, Kilikyan Hayastan), Pequena Armenia, Armenia Menor ou Nova Armenia,[1] e anteriormente coñecido como Principado Armenio de Cilicia (armenio: Կիլիկիայի հայկական իշխանութիւն), foi un estado armenio formado durante a Alta Idade Media por refuxiados armenios que fuxían da invasión selxúcida de Armenia.[2] Estaba localizado na rexión de Cilicia ao noroeste do Golfo de Alexandretta, fóra das Terras Altas de Armenia (Grande Armenia) e era diferente do Reino de Armenia da antigüidade.
O reino tivo a súa orixe no principado fundado contra o 1080 pola dinastía rubénida, unha suposta rama da maior dinastía Bagratuni, que en varias épocas ocupara o trono de Armenia. A súa capital estaba orixinalmente en Tarso, e máis tarde trasladouse a Sis.[3] Cilicia era un forte aliado dos cruzados europeos, e víase como un bastión da cristiandade en Oriente. Tamén serviu como punto focal para a produción cultural armenia, xa que Armenia propiamente dita estaba baixo ocupación estranxeira nese momento. A importancia de Cilicia na historia e na condición de Estado armenio tamén está testemuñada pola transferencia da sede do Catolicós da Igrexa Apostólica Armenia, líder espiritual do pobo armenio, á rexión.
En 1198, coa coroación do príncipe León II, da dinastía rubénida como rei de Armenia, a Armenia de Cilicia converteuse nun reino polo que pasou a ser León I, rei de Armenia.[4][5] En 1226, a coroa pasou á dinastía rival,a Hetumida, a través do segundo marido de Isabel, filla de León, Hetum I. Mentres os mongois conquistaron vastas rexións de Asia Central e Oriente Medio, Hetum e os seus sucesores intentaron crear unha alianza armeno-mongol contra inimigos musulmáns comúns, sobre todo os mamelucos. Nos séculos XIII e XIV, os estados cruzados e o ilkhanato mongol desintegáronse, deixando ao reino armenio sen aliados rexionais. Despois dos incesantes ataques dos mamelucos en Exipto no século XIV, o reino armenio de Cilicia, entón baixo o dominio da dinastía Lusignan e sumido nun conflito relixioso interno, caeu finalmente en 1375.[6]
As relacións comerciais e militares cos europeos trouxeron novas influencias occidentais á sociedade armenia de Cilicia. Moitos aspectos da vida de Europa occidental foron adoptados pola nobreza, incluíndo a cabalería, as modas na roupa e o uso de títulos, nomes e idiomas franceses. Ademais, a organización da sociedade cilicia pasou do seu sistema tradicional para achegarse ao feudalismo occidental.[7] Os propios cruzados europeos tomaron prestados coñecementos dos armenios, como elementos da construción de castelos e da arquitectura da igrexa.[8] A Cilicia armenia prosperou economicamente, co porto de Ayas servindo como centro para o comercio leste-oeste.[7]
As primeiras migracións armenias a Cilicia
[editar | editar a fonte]Cilicia baixo Tigranes o Grande
[editar | editar a fonte]A presenza armenia en Cilicia remóntase ao século I a.C., cando baixo Tigranes o Grande, o Reino de Armenia expandiuse e conquistou unha vasta rexión no Levante. No 83 a.C., a aristocracia grega da Siria seléucida, debilitada por unha cruenta guerra civil, ofreceu a súa fidelidade ao ambicioso rei armenio.[9] Tigranes entón conquistou Fenicia e Cilicia, acabando efectivamente co Imperio Seléucida. A fronteira sur do seu dominio chegaba até Ptolemaida (actual Acre). Moitos dos habitantes das cidades conquistadas foron enviados á nova metrópole de Tigranakert (en latín: Tigranocerta). No seu apoxeo, o Imperio armenio de Tigranes estendeuse desde os Alpes Pónticos até Mesopotamia, e dende o Caspio até o Mediterráneo. Tigranes invadiu ao sueste ata a capital parta de Ecbatana, situada no actual oeste de Irán. No 27 a.C., o Imperio Romano conquistou Cilicia e transformouna nunha das súas provincias orientais.[10]
Migración masiva armenia baixo o Imperio bizantino
[editar | editar a fonte]Despois da división do Imperio Romano en metades no ano 395, Cilicia incorporouse ao Imperio Romano de Oriente, tamén chamado Imperio Bizantino. No século VI d.C., as familias armenias trasladáronse a territorios bizantinos. Moitos serviron no exército bizantino como soldados ou como xenerais, e ascenderon a destacados postos imperiais.[11]
Cilicia caeu ante as invasións árabes no século VII e incorporouse enteiramente ao califato ortodoxo ou califato Rashidun.[10] Non obstante, o califato non logrou un punto de apoio permanente en Anatolia, xa que Cilicia foi reconquistada no ano 965 polo emperador bizantino Nicéforo II Focas. A ocupación polo califato de Cilicia e doutras áreas de Asia Menor levou a moitos armenios a buscar refuxio e protección máis ao oeste no Imperio Bizantino, o que creou desequilibrios demográficos na rexión.[10] Para protexer mellor os seus territorios orientais trala súa reconquista, os bizantinos tiveron que realizar, en gran medida, unha política de transferencia masiva e traslado de poboacións nativas dentro das fronteiras do Imperio.[10] Nicéforo expulsou así aos musulmáns que vivían en Cilicia, e animou aos cristiáns de Siria e Armenia a establecérense na rexión. O emperador Basilio II (976–1025) intentou expandirse cara o Vaspurakan armenio no leste, e á Siria dominada polos árabes cara ao sur. Como resultado das campañas militares bizantinas, os armenios estendéronse, dende Cilicia, por Capadocia e cara ao leste até as zonas montañosas do norte de Siria e Mesopotamia.[12]
A anexión formal da Grande Armenia ao Imperio Bizantino en 1045 e a súa conquista polos turcos selxúcidas 19 anos despois provocaron dúas novas ondas de migración armenia a Cilicia.[12] Os armenios non puideron restablecer un estado independente na súa terra natal trala caída da Armenia Bagrátida, xa que permaneceron baixo ocupación estranxeira. Trala súa conquista en 1045, e no medio dos esforzos bizantinos para repoboar aínda máis o leste do Imperio, a inmigración armenia a Cilicia intensificouse e converteuse nun importante movemento sociopolítico.[10] Os armenios chegaron a servir aos bizantinos como oficiais militares ou gobernadores, e recibiron o control de importantes cidades na fronteira oriental do Imperio bizantino.[12]
Os selxúcidas tamén xogaron un papel importante no movemento da poboación armenia cara a Cilicia. En 1064, os turcos selyúcidas liderados por Alp Arslan avanzaron cara a Anatolia capturando Ani na Armenia dominada por bizantinos. Sete anos máis tarde, conseguiron unha vitoria decisiva contra Bizancio ao derrotar ao exército do emperador Romano IV Dióxenes en Manzikert, ao norte do lago Van. O sucesor de Alp Arslan, Malik-Shah I, espandiu aínda máis o Imperio Selxúcida e impuxo impostos severos aos habitantes armenios. Despois da solicitude do asistente e representante do Catholicos Gregorio II o Martirófilo, Parsegh de Cilicia, os armenios obtiveron un indulto parcial, pero os gobernadores sucesores de Malik continuaron cobrando impostos.[10] Isto levou aos armenios a buscar refuxio en Bizancio e en Cilicia.
Algúns líderes armenios establecéronse como señores soberanos, mentres que outros mantivéronse, polo menos de nome, leais ao Imperio. O máis exitoso destes primeiros señores da guerra armenios foi Filaretos Brachamios, un antigo xeneral bizantino que estivo xunto a Romano IV Dióxenes en Manzikert. Entre 1078 e 1085, Filareto construíu un principado que se estendía desde Malatia ao norte até Antioquía ao sur, e desde Cilicia ao oeste ata Edesa ao leste. Convidou a moitos nobres armenios a establecérense no seu territorio e deulles terras e castelos.[13] Pero o estado de Filareto comezou a desmoronarse mesmo antes da súa morte en 1090, e finalmente desintegrouse en señoríos locais.[14]
Así, ao remata-lo século XI, existían seis principados relevantes na zona:
- Lampron (máis aló de Namrun, actual Camliyayla) e Babaron (Candir Kale), no extremo meridional das Portas Cilicias, baixo o control do antigo xeneral bizantino Oshin, fundador da dinastía Hetumida.
- No nordés, o principado de Constantino I de Armenia, fillo do señor das montañas Rubén I. O centro do seu poder eran as fortalezas de Partzapert e Vahka.
- Máis ao nordés aínda, fóra xa de Cilicia, estendíase o principado de Marash ou Maraş (a actual Kahramanmaraş), gobernado por Tatoul, un antigo dignatario bizantino.
- No leste de Maraş, o armenio Kogh Vasil dominaba as fortalezas de Raban (a actual Altınaşkale) e Kesoun, como vasalo dos selxúcidas.
- Ao norte deste, no alto Éufrates, tamén baixo soberanía selxúdica, atopábase o principado de Malatya (Melitene), gobernado por Gabriel, un dos antigos oficiais de Filareto
- Finalmente, máis aló de Malatya, estaba Edesa, dominada por Toros, outro oficial Filareto, e xenro de Gabriel de Melitene.
A dinastía Rubénida
[editar | editar a fonte]Aparición da Armenia Cilicia
[editar | editar a fonte]Un dos príncipes que chegou despois da invitación de Filareto foi Rubén I, que tiña estreitos vínculos co último rei armenio bagrátida, Gagik II. Rubén estivo xunto ao gobernante armenio Gagik cando foi a Constantinopla a petición do emperador bizantino. Porén, en lugar de negociar a paz, o rei viuse obrigado a cede-las súas terras armenias e vivir no exilio e, aos poucos, Gagik foi asasinado polos bizantinos.[15] En 1080, pouco despois deste asasinato, Rubén organizou un grupo de tropas armenias e sublevouse contra o Imperio bizantino. A el uníronse moitos outros señores e nobres armenios. Así, en 1080, as bases do principado independente armenio de Cilicia, e do futuro reino, foron postas baixo o liderado de Rubén e os seus descendentes chamáronse rubénidas (ou rubenianos).
Despois da morte de Rubén en 1095, o principado rubénida, centrado arredor das súas fortalezas, foi dirixido polo fillo de Rubén, Constantino I de Armenia; con todo, había varios outros principados armenios tanto dentro como fóra de Cilicia, como o dos hethumidas. Esta importante dinastía armenia foi fundada polo antigo xeneral bizantino Oshin, e estaba centrada ao suroeste das Portas de Cilicia.[16] Os hetumidas sempre loitaron cos rubénidas por acadar-la hexemonía en poder e influencia sobre Cilicia. Tamén houbo outros señoríos armenios e outros antigos xenerais de Filaretos tamén estiveron presentes en Marash, Malatia (Melitene) e Edesa; estes dous últimos situados fóra de Cilicia.[17]
Primeira cruzada
[editar | editar a fonte]Durante o reinado de Constantino I tivo lugar a Primeira cruzada. Un exército de cristiáns de Europa occidental marchou por Anatolia e Cilicia camiño de Xerusalén. Os armenios de Cilicia conseguiron poderosos aliados entre os cruzados francos, cuxo líder, Godofredo de Bouillon, foi considerado un salvador dos armenios. Constantino viu a chegada dos cruzados como unha oportunidade única para consolidar o seu dominio de Cilicia eliminando os bastións bizantinos que quedaban na rexión.[18] Coa axuda dos cruzados, asegurouse Cilicia fronte os bizantinos e turcos, tanto mediante accións militares directas en Cilicia como mediante o establecemento de estados cruzados en Antioquía, Edesa e Trípoli.[19] Os armenios tamén axudaron os cruzados; como describe o Papa Gregorio XIII na súa Ecclesia Romana:
Entre as boas accións que o pobo armenio fixo cara á igrexa e ao mundo cristián, cabe salientar especialmente que, naqueles tempos nos que os príncipes cristiáns e os guerreiros ían a retomar Terra Santa, ningún pobo nin nación, co mesmo entusiasmo, alegría e fe acudiron na súa axuda como fixeron os armenios, que forneceron aos cruzados con cabalos, provisión e guía. Os armenios axudaron a estes guerreiros coa súa total coraxe e lealdade durante as Guerras Santas.
Para mostrar a súa estima aos seus aliados armenios, os cruzados honraron a Constantino cos títulos de Comes e Barón. A relación de amizade entre armenios e cruzados viuse cimentada por frecuentes matrimonios mixtos. Por exemplo, Xoscelino I, conde de Edesa casou coa filla de Constantino, e Balduino, irmán de Godofredo, casou coa sobriña de Constantino, filla do seu irmán Thoros.[18] Os armenios e os cruzados foron en parte aliados, en parte rivais durante os dous séculos seguintes. Moitas veces, por invitación dos baróns e reis armenios, os cruzados mantiveron durante varios períodos castelos dentro e ao longo das fronteiras do Reino, incluíndo Bagras, Trapessac, T‛il Hamtun, Harunia, Selefkia, Amouda e Sarvandikar.[3]
Conflitos armenio-bizantinas e armenio-selxúcidas
[editar | editar a fonte]O fillo de Constantino, foi Thoros I, quen o sucedeu ao redor de 1100. Durante o seu goberno, enfrontouse tanto aos bizantinos como aos selxúcidas, e ampliou o dominio rubénida. Trasladou a capital de Cilicia de Tarso a Sis despois de eliminar a pequena gornición bizantina estacionada alí.[20] En 1112, tomou o castelo de Cyzistra (Kizistra) para vingar a morte do último rei armenio bagrátida, Gagik II.[21] Os asasinos deste último, tres irmáns bizantinos que gobernaban o castelo, foron brutalmente asasinados.[19][22] Finalmente, xurdiu un tipo de goberno centralizado na zona co ascenso dos príncipes rubénidas. Durante o século XII, eran o máis parecido a unha dinastía gobernante, e loitaron contra os bizantinos polo poder sobre a rexión.
O príncipe León I, irmán e sucesor de Thoros I, comezou o seu reinado en 1129. Integrou as cidades costeiras de Cilicia no principado armenio, consolidando así o liderado comercial armenio na rexión. Durante este período, houbo unha hostilidade continua entre a Armenia de Cilicia e os turcos selxúcidas, así como disputas ocasionais entre os armenios e o Principado de Antioquía sobre os fortes situados preto do sur de Amanus.[18] Neste contexto, en 1137, os bizantinos baixo o emperador Xoán II, que aínda consideraban que Cilicia era unha provincia bizantina, conquistaron a maioría das vilas e cidades situadas nas chairas de Cilicia.[18][19] Capturaron e encarceraron a León en Constantinopla con outros membros da familia, incluídos os seus fillos Rubén e Thoros. León morreu en prisión tres anos despois.[19] Rubén foi cegado e morto mentres estaba en prisión, pero o segundo fillo e sucesor de León, Thoros II, escapou en 1141 e volveu a Cilicia para liderar a loita cos bizantinos.[22] Inicialmente, tivo éxito en repeler as invasións bizantinas; pero, en 1158, rendeu homenaxe ao emperador Manuel I mediante un tratado de curta duración.[23] Ao redor de 1151, durante o goberno de Thoros, o xefe da Igrexa armenia trasladou a súa sede a Hromkla.[12] Rubén II, Melias e Rubén III sucederon a Thoros en 1169, 1170 e 1175, respectivamente.
O principado convértese nun reino
[editar | editar a fonte]O Principado de Cilicia era un reino de facto antes da ascensión de León II. León II é considerado o primeiro rei de Cilicia debido á negativa bizantina a recoñecer os anteriores reis de facto como verdadeiros reis de iure, en lugar de duques ou príncipes.
O príncipe León II, un dos netos de León I e irmán de Rubén III, accedeu ao trono en 1187. Loitou contra os selxúcidas de Iconio, Alepo e Damasco, e engadiu novas terras a Cilicia, duplicando a súa costa mediterránea.[24] Nese momento, Saladino de Exipto derrotou o Reino de Xerusalén, o que provocou a Terceira Cruzada. O príncipe León II aproveitou a situación mellorando as relacións cos europeos. O protagonismo da Armenia Cilicia na rexión está testemuñada por cartas enviadas en 1189 polo papa Clemente III a León e ao catolicós Gregorio IV, nas que pide axuda militar e financeira armenia para os cruzados.[25] Grazas ao apoio dado a León polos emperadores do Sacro Imperio Romano Germánico (Federico Barbarroxa, e o seu fillo, Henrique VI), puido elevar o estatus do principado a reino. O 6 de xaneiro de 1198, día en que os armenios celebran o Nadal, o príncipe León II foi coroado con gran solemnidade na catedral de Tarso, en presenza do patriarca xacobita sirio, o metropolitano grego de Tarso e de numerosos dignatarios e dirixentes militares da Igrexa.[26] Cando foi coroado polo catolicós, Gregorio VI Abirad, León recibiu do arcebispo Conrado de Maguncia un estandarte coa insignia dun león, en nome de Henrique VI emperador do Sacro Imperio Romano Germánico.[25][27] Ao conseguir a súa coroa, converteuse no primeiro rei da Cilicia armenia como o rei León I.[28] Fíxose coñecido como León o Magnífico, debido ás súas numerosas contribucións ao estado armenio de Cilicia nas esferas política, militar e económica.[3] O crecente poder de León converteuno nun aliado especialmente importante para o veciño estado cruzado de Antioquía, o que resultou en matrimonios mixtos con familias nobres alí, pero as súas políticas dinásticas revelaron unha ambición cara ao señorío de Antioquía que os latinos finalmente non podían soportar e que provocaron as Guerras de Sucesión Antioquena entre o sobriño neto de León, Raimundo Rubén, e Bohemundo IV de Antioquía-Trípoli.[29] Os rubénidas consolidaron o seu poder controlando estradas estratéxicas con fortificacións que se estendían desde as montañas Tauros ata a chaira e ao longo das fronteiras, incluíndo os castelos baronais e reais de Sis, Anavarza, Vahka, Vaner/Kovara, Sarvandikar, Kuklak, T‛il Hamtun, Hadjin e Gaban (moderno Geben).[3]
En 1219, despois dun intento fracasado de Raimundo Rubén de reclamar o trono, a filla de León, Isabel de Armenia foi proclamada nova gobernante da Armenia Cilicia e posta baixo a rexencia de Adán de Baghras. Baghras foi asasinado e a rexencia pasou a Constantino de Baberon da dinastía Hetumida, unha familia armenia moi influente.[6] Para evitar a ameaza selxúcida, Constantino buscou unha alianza con Bohemundo IV de Antioquía, e o casamento do fillo de Bohemundo, Filipe, coa raíña Isabel selou isto; mais, con todo, Filipe era demasiado "latino" para o gusto dos armenios, xa que se negaba a acatar os preceptos da Igrexa armenia.[6] En 1224, Filipe foi encarcerado en Sis por roubar as xoias da coroa de Armenia, e despois de varios meses de reclusión, foi envelenado e asasinado. Isabel decidiu abrazar unha vida monástica na cidade de Seleucia, pero máis tarde viuse obrigada a casar co fillo de Constantino, Hetum, en 1226,[6] quen se converteu en cogobernante como o rei Hetum I.
Dinastía Hetumida
[editar | editar a fonte]Os hetumidas asentáranse, no século XI, no oeste de Cilicia, principalmente, nas terras altas das montañas Tauros. Os seus dous grandes castelos dinásticos eran Lampron e Papeŕōn/Baberon, que dominaban estradas estratéxicas cara ás Portas de Cilicia e a Tarso.[3] Co matrimonio de Isabel e Hetum, a aparente unificación no matrimonio das dúas principais dinastías de Cilicia, Rubénida e Hetumida, puxo fin a un século de rivalidade dinástica e territorial, ao tempo que levou aos hetumidas ao dominio político da Armenia Cilicia.[6] Se o casamento en 1226, marcou o inicio do reino dinástico unido da Armenia Cilicia, os armenios houberon enfrontarse a moitos desafíos exteriores. Para vingarse da morte do seu fillo, Bohemundo buscou unha alianza co sultán selxúcida Kayqubad I, quen conquistou rexións ao oeste de Seleucia. Daquela, Hetum tamén cuñou moedas coa súa figura por un lado e co nome do sultán por outro,[6] amosando a súa dependencia.
A Alianza Armenio-Mongol e a ameaza mameluca
[editar | editar a fonte]Durante o goberno de Isabel de Armenia e Hetum, os mongois baixo o mando de Xenxis Khan e o seu sucesor Ögödei Khan expandíronse rapidamente desde Asia Central e chegaron a Oriente Medio, conquistando Mesopotamia e Siria no seu avance cara a Exipto.[30] O 26 de xuño de 1243, conseguiron unha vitoria decisiva en Köse Dağ contra os turcos selxúcidas.[31] A conquista mongol foi desastrosa para a Grande Armenia, pero non para Cilicia, xa que Hetum optou preventivamente por cooperar cos mongois do Ilkanato de Persia. Así, no 1247, enviou ao seu irmán Smbat á corte mongol de Karakorum para negociar unha alianza[nota 1][nota 2][nota 3] e, este, volveu no 1250, cun acordo que garantía a integridade de Cilicia, así como a promesa de axuda mongol para reconquistar os castelos tomados polos selxúcidas.
Malia dos seus compromisos militares, ás veces gravosos, cos mongois, Hetum tiña os recursos financeiros e a autonomía política para construír novas e impresionantes fortificacións, como o castelo de Tamrut.[32] En 1253, o propio Hetum visitou ao novo gobernante mongol Möngke Khan en Karakorum. Foi recibido con grandes honores e prometeu a liberdade de impostos das igrexas e mosteiros armenios situados en territorio mongol.[33] Tanto durante a súa viaxe á corte mongol como no seu regreso a Cilicia en 1256, pasou pola Grande Armenia. Na súa viaxe de regreso, permaneceu moito máis tempo, recibindo visitas de príncipes, bispos e abades locais. Hetum e as súas forzas loitaron baixo o estandarte mongol de Hulagu na conquista da Siria musulmá e a toma de Alepo e Damasco de 1259 a 1260. Non obstante, a implicación de Hetum nestas dúas conquistas é debatida, coa fontes destas informacións - Templario de Tiro - afirmando a súa participación nun intento deliberado de integrar aos mongois nunha narrativa sobre as conquistas da Guerra Santa. Isto foi para persuadir á cristiandade latina da necesidade dunha guerra contra os mamelucos.[nota 4] Segundo os historiadores árabes, durante a conquista de Alepo por parte de Hulagu, Hetum e as súas forzas foron responsables dun masacre e de incendios na mesquita principal e nos barrios e zocos veciños.[34]
Mentres tanto, os mamelucos exipcios estiveran substituíndo aos seus antigos mestres aiubíes en Exipto. Os mamelucos comezaron como un corpo de cabalería establecido a partir de escravos turcos e outros vendidos ao sultán exipcio por Xenxis Khan,[35] tomaron o control de Exipto e Palestina entre 1250 e 1253, respectivamente, e encheron o baleiro causado pola destrución mongol dos gobernos aiubíes e abasíes preexistentes.[34] A Armenia Cilicia tamén se expandiu e recuperou terras atravesadas por importantes rutas comerciais nas fronteiras de Capadocia, Mesopotamia e Siria, incluíndo Marash e Behesni, o que converteu aínda máis o reino armenio nun obxectivo potencial dos mamelucos.[34] Armenia tamén participou nunha batalla económica cos mamelucos polo control do comercio de especias.[36] O líder mameluco Baibars marchou á guerra, en 1266, coa intención de acabar cos estados cruzados de Oriente Medio.[35]
Nese mesmo ano, convocou a Hetum I para intentar que cambiase a súa lealdade dos mongois aos mamelucos, e que lles entregase aos mamelucos os territorios e fortalezas que o rei armenio adquirira pola súa submisión aos mongois. Tras destas ameazas, Hetum dirixiuse á corte mongol de Il-Kan en Persia para obter apoio militar mais na súa ausencia, os mamelucos invadiron a Armenia de Cilicia. Os fillos de Hetum, Toros e León quedaron para defender o país e se enfrontaron aos mamelucos na batalla de Mari, na que os mamelucos baixo o mando do sultán Al-Mansur Ali e o comandante Qalawun venceron aos armenios, moi superados en número, matando a Toros e capturando a León. Despois a capital de Sis foi saqueada e queimada e milleiros de armenios foron masacrados e 40.000 feitos cativos.[37] Hetum rescatou a León pagando un alto prezo pois tivo que lles dar aos mamelucos o control de moitas fortalezas e unha gran suma de cartos. Pouco despois, o terremoto de Cilicia de 1268 devastou aínda máis o país.
En 1269, Hetum I abdicou en favor do seu fillo León I, que pagou grandes tributos anuais aos mamelucos. Mesmo coas homenaxes, os mamelucos continuaron atacando Cilicia cada poucos anos. En 1275, un exército dirixido polos emires do sultán invadiu o país sen pretexto e enfrontouse a armenios que non tiñan medios de resistencia. A cidade de Tarso foi tomada, o palacio real e a igrexa de Santa Sofía foron queimados, o tesouro do Estado foi saqueado, 15.000 civís foron asasinados e 10.000 foron levados cativos a Exipto. Pereceu case toda a poboación de ayas, armenios e francos.[35]
Tregua cos mamelucos (1281–1295)
[editar | editar a fonte]En 1281, trala derrota dos mongois e dos armenios ao mando de Monque Tomor polos mamelucos na Batalla de Homs, se chegou a unha tregua en Armenia. Ademais, en 1285, tras un poderoso impulso ofensivo de Qalawun, os armenios tiveron que asinar unha tregua de dez anos baixo termos moi duros nos que os armenios estaban obrigados a ceder moitas fortalezas aos mamelucos e se lles prohibiu reconstruíren as súas fortificacións defensivas. A Armenia de Cilicia viuse obrigada a comerciar con Exipto, evitando así un bloqueo comercial imposto polo Papa. Ademais, os mamelucos debían recibir un tributo anual dun millón de dirhams dos armenios.
Malia ao establecido na tregua, os mamelucos, continuaron a saquearen a Armenia Cilicia en numerosas ocasións. En 1292, foi invadida por Al-Ashraf Khalil, o sultán mameluco de Exipto, que un ano antes conquistara os restos do Reino de Xerusalén en Acre. Hromkla tamén foi saqueado, o que obrigou ao Catolicosado a trasladarse a Sis. Hetum viuse obrigado a abandonar Behesni, Marash e Tel Hamdoun aos turcos. En 1293, abdicou en favor do seu irmán Toros III, e entrou no mosteiro de Mamistra.
Campañas cos mongois (1299–1303)
[editar | editar a fonte]No verán de 1299, o neto de Hetum I, o rei Hetum II no seu terceiro período de reinado, enfrontándose de novo ás ameazas de ataque dos mamelucos, pediu o seu apoio ao khan mongol de Persia, Ghâzân. En resposta, Ghâzân marchou cara a Siria e invitou aos francos de Chipre (o rei de Chipre, os templarios, os hospitalarios e os cabaleiros teutóns), a unirse ao seu ataque contra os mamelucos. Os mongois tomaron a cidade de Alepo, onde se uniu a eles o rei Hetum. As súas forzas incluían templarios e hospitalarios do reino de Armenia, que participaron no resto da ofensiva. Malia que a forza combinada derrotou aos mamelucos na batalla de Wadi al-Khazandar, o 23 de decembro de 1299,[38] o groso do exército mongol viuse obrigado a retirarse e, na súa ausencia, os mamelucos reagrupáronse e recuperaron a zona en maio de 1300.
En 1303, os mongois intentaron conquistar, Siria unha vez máis, con maior forza (uns 80.000 soldados) xunto cos armenios, pero foron derrotados en Homs o 30 de marzo de 1303 e durante a decisiva batalla de Shaqhab, ao sur de Damasco, o 21 de abril do mesmo ano.[39] Esta é considerada a derradeira grande invasión mongol de Siria[40] pois, cando Ghazan morreu o 10 de maio de 1304, tamén decaeu toda esperanza de reconquista de Terra Santa.
Hetum II abdicou en favor do seu sobriño León III, de dezaseis anos, e converteuse en frade franciscano; con todo, saíu da súa cela monástica para axudar a León a defender Cilicia doutro exército mameluco, que foi así derrotado preto de Baghras.[41] En 1307, tanto o rei actual como o antigo reuníronse con Bilarghu, o representante mongol en Cilicia, no seu campamento ás aforas de Anazarba. Bilarghu, un recentemente converso ao Islam, asasinou a todo o partido armenio.[42] Oshin, irmán de Hetum, marchou inmediatamente contra Bilarghu para tomar represalias e venceuno, obrigándoo a abandonar Cilicia. Bilarghu foi executado por Oljeitu polo seu crime a petición dos armenios.[43] Oshin foi coroado novo rei da Armenia de Cilicia ao seu regreso a Tarso.[41]
Os hetumidas continuaron gobernando unha Cilicia inestable até o asasinato de León IV en 1341, a mans dunha turba furiosa. León IV formou unha alianza co reino de Chipre, daquela gobernado pola dinastía franca Lusignan, pero non puido resistir os ataques dos mamelucos.[44]
Desaparición da Armenia Cilicia
[editar | editar a fonte]Decadencia e caída coa dinastía Lusignan
[editar | editar a fonte]Sempre houbera estreitas relacións entre os armenios e os Lusignan, quen, no século XII, xa estaban establecidos na illa mediterránea oriental de Chipre. De non ser pola súa presenza en Chipre, o reino Armenio de Cilicia puido establecerse, por necesidade, na illa.[45] En 1342, o primo de León, Guy de Lusignan, foi unxido rei como Constantino II, rei de Armenia. Guy de Lusignan e o seu irmán menor Xoán eran considerados prolatinos e profundamente comprometidos coa supremacía da Igrexa Católica Romana no Levante. Como reis, os Lusignan tentaron impoñer o catolicismo e as formas europeas e aínda que os nobres armenios aceptaron isto en gran medida, pero o campesiñado opúxose aos cambios, que finalmente provocaron conflitos civís.[46]
De 1343 a 1344, época na que a poboación armenia e os seus gobernantes feudais negáronse a se adaptaren ao novo liderado de Lusignan e á súa política de latinización da Igrexa armenia, Cilicia foi novamente invadida polos mamelucos, que tiñan a intención de expandir o territorio.[47] Os armenios fixeron frecuentes chamamentos de axuda e apoio aos seus correlixionarios en Europa, e o reino tamén participou na planificación de novas cruzadas.[48] Entre as peticións de axuda armenias fracasadas a Europa, as caídas de Sis ante os mamelucos en 1374 e da fortaleza de Gaban en 1375, onde se refuxiaran o rei León V, a súa filla María e o seu marido Shahan, puxeron fin ao reino.[47] O derradeiro rei, León V, recibiu un salvoconduto e chegou a Castela en busca de axuda do rei Xoán I de Castela para recuperar o seu reino. Estando en Castela, concedéuseulle o título de señor de Madrid e doutras cidades. Ao morrer Xoán I, abandonou Castela rumbo a Francia e acabou morrendo no exilio en París en 1393, despois de pedir en balde outra cruzada.[46]
En 1396, o título e os privilexios de León foron transferidos a Xaime I, o seu curmán e rei de Chipre. O título de Rei de Armenia uniuse así cos títulos de Rei de Chipre e Rei de Xerusalén.[49] O título tamén foi reclamado indirectamente pola Casa de Savoia ao reclamar o título de Rei de Xerusalén e outros tronos.
Dispersión da poboación armenia de Cilicia
[editar | editar a fonte]Aínda que os mamelucos se apoderaran de Cilicia, non foron capaces de aguantar. As tribos turcas asentáronse alí, o que levou á conquista de Cilicia dirixida por Tamerlán. Como resultado, 30.000 armenios ricos abandonaron Cilicia e instaláronse en Chipre, aínda gobernada pola dinastía Lusignan até 1489.[46] Moitas familias de comerciantes tamén fuxiron cara ao oeste e fundaron ou uníronse ás comunidades da diáspora existentes en Francia, Castela, Italia, Países Baixos e Polonia.[7] Só quedaron en Cilicia os armenios máis humildes. Con todo, mantiveron a súa presenza na rexión durante o dominio turco.
No século XVI, Cilicia caeu baixo o dominio otomán e no século XVII pasou a ser coñecida oficialmente como o Valiato de Adana. Cilicia foi unha das rexións máis importantes para os armenios otománs, porque conseguiu preservar o carácter armenio ao longo dos anos.[7][50] En 1909, os armenios de Cilicia foron masacrados en Adana e, a partir de 1915, aproveitando a guerra os descendentes dos restantes armenios de Cilicia foron dispersados na diáspora armenia e mentres as casas dos armenios eran ocupadas por musulmáns kurdos, turcos ou da Rumelia europea, os armenios foron expulsados ao deserto de Anatolia ou á zona mesopotámica de Der-el-Zor.[50]
Dende entón, a Santa Sé de Cilicia ten a súa sede en Antelias, Líbano e o león, emblema do estado armenio de Cilicia, segue a ser un símbolo do estado armenio ata hoxe, que figura no escudo de armas de Armenia.
Sociedade armenia de Cilicia
[editar | editar a fonte]Cultura
[editar | editar a fonte]Demograficamente, a Armenia Cilicia era heteroxénea cunha poboación de armenios que constituían a clase dominante, e tamén gregos, xudeus, musulmáns e varios europeos.[51] A poboación multiétnica, así como os vínculos comerciais e políticos cos europeos, especialmente con Francia, trouxeron importantes novas influencias na cultura armenia.[51] A nobreza de Cilicia adoptou moitos aspectos da vida de Europa occidental, incluíndo a cabalaría, a moda e o uso de nomes cristiáns franceses. A estrutura da sociedade cilicia tornouse máis sinónimo de feudalismo occidental que do sistema tradicional nakharar de Armenia.[7] De feito, durante o período Cilicio, títulos occidentais como barón e condestable substituíron os seus equivalentes armenios nakharar e sparapet.[7][51] A tradición europea foi adoptada polos cabaleiros dos nobres armenios, mentres que xustas e torneos semellantes aos de Europa fixéronse populares na Armenia de Cilicia. O alcance da influencia occidental sobre a Armenia de Cilicia tamén se reflicte coa incorporación de dúas novas letras (Ֆ ֆ = "f" e Օ օ = "o") e varias palabras baseadas en latín á lingua armenia.[51]
Noutras áreas, houbo máis hostilidade ás novas tendencias occidentais. Por riba de todo, a maioría dos armenios comúns non se convertían ao catolicismo romano ou á ortodoxia grega. Non obstante, a influencia cultural non foi só unidireccional; os armenios de Cilicia tiveron un impacto importante nos cruzados que regresaban a Occidente, sobre todo coas súas tradicións arquitectónicas.[8] Os europeos incorporaron elementos da construción de castelos armenios, aprendidos dos albaneis armenios nos estados cruzados, así como algúns elementos da arquitectura da igrexa. A maioría dos castelos armenios facían un uso atípico das alturas rochosas, e presentaban muros curvos e torres redondas, semellantes ás dos castelos hospitalarios Krak des Chevaliers e Marqab.[52] O período cilicio tamén produciu algúns exemplos importantes da arte armenia, en particular os manuscritos iluminados de Toros Roslin, quen estivo traballando en Hromkla no século XIII.[7]
Economía
[editar | editar a fonte]A Armenia Cilicia converteuse nun estado próspero debido á súa posición estratéxica nas beiras orientais do Mediterráneo. Estaba situada no cruzamento de moitas rutas comerciais que unían Asia Central e o Golfo Pérsico co Mediterráneo. O reino era así importante no comercio de especias, así como no gando, as peles, a la e o algodón. Ademais, tamén se exportaron do país produtos importantes como madeira, grans, viño, pasas e seda en bruto e puxéronse a disposición produtos acabados de tecido e metal de Occidente.[7]
Durante o reinado do rei León, a economía da Armenia de Cilicia progresou moito e integrouse moito coa Europa occidental. Conseguiu acordos con Pisa, Xénova e Venecia, así como cos franceses e os cataláns, e concedeulles certos privilexios como exencións fiscais a cambio dos seus negocios. Os tres portos principais do reino armenio, que eran vitais para a súa economía e defensa, eran os sitios costeiros fortificados en Ayas e Córicos, e o emporio fluvial de Mopsuestia. Este último, situado en dúas rutas estratéxicas de caravanas, foi o último porto totalmente navegable ao Mediterráneo no río Pyramus e a localización de almacéns autorizados polos armenios aos xenoveses.[3] Xurdiron importantes comunidades de comerciantes e colonias europeas, coas súas propias igrexas, tribunais de xustiza e casas comerciais.[53] Cando o francés se converteu na lingua secundaria da nobreza de Cilicia, a lingua secundaria para o comercio de Cilicia converteuse en italiano debido á ampla participación das tres cidades-estado italianas na economía de Cilicia.[7] Marco Polo, por exemplo, partiu para a súa viaxe á China desde Ayas en 1271.
No século XIII, baixo o dominio de Toros, a Armenia Cilicia xa cuñou as súas propias moedas de ouro e prata, chamadas dram e tagvorin, nas cecas reais de Sis e Tarso. Os comerciantes tamén aceptaron moedas estranxeiras como as italianas, o ducado italiano, o florín e o zecchino, o besante grego, o dirham árabe e a libra francesa.[7]
Relixión
[editar | editar a fonte]O Catolicosado da Igrexa Apostólica Armenia seguiu ao seu pobo refuxiándose fóra das terras altas armenias, que se converteran nun campo de batalla de contendentes bizantinos e selxúcidas. A súa sede foi trasladada por primeira vez a Sebasteia en 1058 en Capadocia, onde existira unha importante poboación armenia. Posteriormente, trasladouse a varios lugares de Cilicia: Tavbloor en 1062; Dzamendav en 1066; Dzovk en 1116 e Hromkla en 1149.[54] Durante o goberno do rei León I, o Catolicós estaba situado na distante Hromkla. Estaba asistido por catorce bispos na administración da Igrexa armenia no reino, un número que foi medrando nos anos posteriores. As sés arcebispais estaban situadas en Tarso, Sis, Anazarba, Lambron e Mamistra. Existían até sesenta mosteiros en Cilicia, aínda que a localización exacta da maioría delas aínda non está clara.[7]
En 1198, o Catolicós de Sis, Gregorio VI Apirat, proclamou a unión entre a Igrexa armenia e a Igrexa Católica Romana; con todo, isto non tivo ningún efecto notable, xa que o clero e a poboación locais opuxéronse firmemente a tal unión. A Igrexa occidental enviou numerosas misións á Armenia de Cilicia para axudar ao achegamento, pero tivo resultados limitados. Desta actividade participaron os franciscanos. O propio Xoán de Monte Corvino chegou ao reino armenia de Cilicia en 1288.[55]
Hetum II converteuse nun frade franciscano despois da súa abdicación. O historiador armenio Nerses Balients foi un franciscano e defensor da unión coa Igrexa latina. A reivindicación papal da primacía non contribuíu positivamente aos esforzos pola unidade entre as Igrexas.[56] Mkhitar Skewratsi, o delegado armenio no concilio de Acre en 1261, resumiu a frustración armenia nestas palabras:
De onde saca a Igrexa de Roma o poder de xulgar as outras sés apostólicas mentres ela mesma non estea sometida aos seus xuízos? Nós mesmos [os armenios] temos, de feito, a autoridade para levarvos a xuízo [a Igrexa Católica], seguindo o exemplo dos Apóstolos, e non tedes dereito a negar a nosa competencia.[57]
Despois do saqueo de Hromkla polos mamelucos en 1293,[54] o catolicós foi trasladado a Sis, a capital do reino de Cilicia. De novo, en 1441, moito despois da caída do reino, o Catolicós armenio de Sis, Grigor IX Musabekiants, proclamou a unión das igrexas armenia e latina no Concilio de Florencia; isto foi contrarrestado por un cisma armenio baixo Kirakos I Virapetsi, quen trasladou a Sé do Catolicós a Echmiadzin e marxinaron a Sis. Polo tanto, dende 1441, nomeáronse dous Catolicós na Igrexa armenia, con iguais dereitos e privilexios e coas súas xurisdicións respectivas, malia que o Catolicosado de Cilicia sempre recoñeceu a primacía do Catolicosado de Echmiadzin.[54]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mutafian (1993), p. 55, describe a "alianza mongola" ("o rei de Armenia decidiu participar na alianza mongol, unha visión da que carecían os baróns latinos, agás Antioquía"), e a "alianza franco-mongol".
- ↑ Claude Lebedel, en Les Croisades describe a alianza dos francos de Antioquía e Trípoli cos mongois (en 1260): "os baróns francos rexeitaron unha alianza cos mongois, agás os armenios e o príncipe de Antioquía e Trípoli".
- ↑ Amin Maalouf en The Crusades through Arab eyes, fala amplamente sobre a alianza (os números de páxina refírense á edición francesa): "Os armenios, na persoa do seu rei Hetum, puxéronse do lado dos mongois, así como o príncipe Bohemundo, o seu sobriño. Con todo, os francos de Acre adoptaron unha posición de neutralidade favorable aos musulmáns” (p. 261); “Bohemundo de Antioquía e Hetum de Armenia (foron) os principais aliados dos mongois” (p. 265); “Hulagu (…) aínda tiña forza dabondo para evitar o castigo dos seus aliados [Bohemundo e Hetum]”, (p. 267).
- ↑ Grousset (1936[2006]), p. 586 , cita o Templario de Tiro: "O rei de Armenia e o príncipe de Antioquía foron ao campamento militar dos tártaros, e todos saíron a tomar Damasco".
- Referencias
- ↑ Dale (1900), p. 8
- ↑ Der Nersessian (1969) [1962], pp. 630-631
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Edwards (1987), pp. VII–XXXI, 3–288.
- ↑ Kurdoghlian, Mihran (1996). Պատմութիւն Հայոց [History of Armenia] (in Armenian). Vol. II. Athens: Հրատարակութիւն ազգային ուսումնակաան խորհուրդի [Council of National Education Publishing]. pp. 43–44.
- ↑ Der Nersessian (1969) [1962], p. 648
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Ghazarian (2000), pp. 54–55
- ↑ 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 Bournoutian (1997), pp. 283-290
- ↑ 8,0 8,1 Lafayette, Maximillien de (23 de novembro de 2010). "THE CILICIAN KINGDOM". Maximillien de Lafayette (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2010. Consultado o 10 de xuño de 2024.
- ↑ Nazaryan, Gevork (21 de febreiro de 2007). "King Tigran II - The Great (140-54 BC.)". hyeetch.nareg.com.au (en inglés). Archived from the original on 21 de febreiro de 2007. Consultado o 25 de abril de 2024.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Ghazarian (2000), pp. 39–42
- ↑ Dedeyan (2008), pp. 79-83
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 Donal Stewart (2001), pp. 33–34.
- ↑ Bozoyan (2008), p. 68
- ↑ Runciman (2002), p. 191
- ↑ Kurkjian (1958), p. 202
- ↑ Runciman (2002), p. 192
- ↑ Runciman (2002), pp. 195–201
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 Kurkdjian (1958), pp. 213–226
- ↑ 19,0 19,1 19,2 19,3 Kurdoghlian (1996), pp. 33–36.
- ↑ Runciman (2002)
- ↑ Ghazarian (2018)
- ↑ 22,0 22,1 Kurkdjian (1958), pp. 213–226.
- ↑ Ghazarian (2000), pp. 118–120
- ↑ Kurdoghlian (1996), pp. 42–44.
- ↑ 25,0 25,1 Der Nersessian (1969 [1962]), pp. 645–653.
- ↑ Pogossian ( 2010), p. 17
- ↑ Nickerson Hardwicke
- ↑ Kurdoghlian (1996), pp. 42–44.
- ↑ Hogdson (2011)
- ↑ Ghazarian (2000), pp. 54-55
- ↑ Donal Stewart (2001), pp. 43–46
- ↑ Christianian, Jirair (2019). "The Inscription at Tamrut Castle: The Case for a Revision of Armenian History". Le Muséon (en inglés) 132 (1-2): 107–122.
- ↑ Der Nersessian (1969) [1962], pp. 645–653
- ↑ 34,0 34,1 34,2 Donal Stewart (2001), pp. 43–46
- ↑ 35,0 35,1 35,2 Kurkjian, Vahan M. (1958). "History of Armenia by Vahan Kurkjian • Chapter 30". penelope.uchicago.edu (en inglés). pp. 246–248. Consultado o 2024-05-28.
- ↑ Luscombe & Hazard (2004) p. 634
- ↑ Chahin (2001), p. 253.
- ↑ Demurger (2005), p. 93
- ↑ Demurger (2005), p. 109
- ↑ Nicolle (2001), p. 80
- ↑ 41,0 41,1 Kurkjian, Vahan M. (1958). "History of Armenia by Vahan Kurkjian • Chapter 30". penelope.uchicago.edu (en inglés). pp. 253–254. Consultado o 2024-05-28.
- ↑ Stewart (2005) pp. 45–61.
- ↑ "Receuil des historiens des Croisades" (en francés). p. 664. Consultado o 31 de maio de 2024
- ↑ Mahé & Mahé (2005), p. 77
- ↑ Ghazarian (2000), p. 150
- ↑ 46,0 46,1 46,2 Kurdoghlian, Mihran (1996). Պատմութիւն Հայոց [History of Armenia] (in Armenian). Vol. II. Athens: Հրատարակութիւն ազգային ուսումնակաան խորհուրդի [Council of National Education Publishing]. pp. 53–56.
- ↑ 47,0 47,1 Ghazarian (2000), pp. 159–161
- ↑ Housley (1992), p. 21
- ↑ Hadjilyra (2009), p. 12.
- ↑ 50,0 50,1 Bryce (1916), pp. 465–467
- ↑ 51,0 51,1 51,2 51,3 Panossian (2006), pp. 63–66
- ↑ Kennedy (2006), p. 293
- ↑ Abulafia (1999), p. 440
- ↑ 54,0 54,1 54,2 "A Migrating Catholicossate". armenianprelacy.ca (en inglés). 23 de agosto de 2007. Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2007. Consultado o 19 de xuño de 2024.
- ↑ Luisetto 2007, p. 98
- ↑ Parry (2010), p. 43
- ↑ Parry (2010), p. 43
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Reino Armenio de Cilicia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Abulafia, David, ed. (1999). The New Cambridge Medieval History. Volume V (c.1198-c.1300) (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-36289-X.
- Bournoutian, Ani Atamian (1997). "Cilician Armenia". En Hovannisian, Richard G. The Armenian People From Ancient to Modern Times (en inglés). Volume I: The Dynastic Periods: From Antiquity to the Fourteenth Century. Nova York: St. Martin's Press. ISBN 1-4039-6421-1.
- Bozoyan, Azat A. (2008). "Armenian Political Revival in Cilicia". En Hovannisian, Richard G.; Payaslian, Simon. Armenian Cilicia. Colección: UCLA Armenian History and Culture Series, 8 (en inglés). Santa Ana, CA: Mazda Publishers. ISBN 978-1-56859-154-4.
- Bryce, Viscount (1916). The Treatment of Armenians in the Ottoman Empire, 1915-16 (en inglés). Londres: Sir Joseph Causton and Sons, Limited. ISBN 978-3-938402-15-3.
- Chahin, Mack (2001). The Kingdom of Armenia: A History (en inglés). Richmond: Curzon. ISBN 0700714529.
- Dale, Hylton Burleigh (1900). Landmarks in Armenian history (en inglés). Middlesex: Enfield.
- Demurger, Alain (2005). The Last Templar: The Tragedy of Jacques de Molay, Last Grand Master of the Temple (en inglés). Londres: Profile Books. ISBN 1-86197-529-5.
- Der Nersessian, Sirarpie (1969). "The Kingdom of Cilician Armenia (Capítulo XVIII)" [O reino da Cilicia armenia]. En Setton, K. M.; Wolff, Robert Lee; Hazard, Harry W. A History of the Crusades (vol. II: The Later Crusades, 1189–1311) (en inglés) (2ª ed.). Madison, Milwaukee, e Londres: University of Wisconsin Press. pp. 630–659. ISBN 0-299-04844-6.
- Dédéyan, Gérard (2008). "The Founding and the Coalescence of the Rubenian Principality, 1073–1129". En Hovannisian, Richard G.; Payaslian, Simon. Armenian Cilicia. Colección: UCLA Armenian History and Culture Series 8 (en inglés). Santa Ana, CA: Mazda Publishers. pp. 79–83. ISBN 978-1-56859-154-4.
- Edwards, Robert W. (1987). The Fortifications of Armenian Cilicia, Dumbarton Oaks Studies (en inglés) 23. Washington: Dumbarton Oaks, Trustees for Harvard University. ISBN 0884021637.
- Ghazarian, Jacob G. (2000). The Armenian Kingdom in Cilicia during the Crusades: The Integration of Cilician Armenians with the Latins (1080–1393) (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 0-7007-1418-9.
- Grousset, René (1936 [reed. 1991]). Histoire des croisades et du royaume franc de Jérusalem (vol. III. 1188-1291 L'anarchie franque) (en francés). París: Perrin. ISBN 2-262-02569-X.
- Hadjilyra, Alexander-Michael (2009). The Armenians of Cyprus (en inglés). Nova York: Kalaydjian Foundation.
- Hodgson, Natasha (2011). "Conflict and Cohabitation Marriage and Diplomacy between Latins and Cilician Armenians c. 1150-1254". En Kostick, Conor. The Crusades and the Near East (en inglés). Nova York: Routledge. pp. 83–106. ISBN 9781136902475.
- Housley, Norman (1992). The later Crusades, 1274-1580: from Lyons to Alcazar (en inglés). Nova York: Oxford University Press. ISBN 0-19-822136-3.
- Kurdoghlian, Mihran (1996). Պատմութիւն Հայոց [Historia de Armenia] (en armenio) II. Atenas: Հրատարակութիւն ազգային ուսումնակաան խորհուրդի [Council of National Education Publishing].
- Kennedy, Hugh N. (2006). Muslim military architecture in greater Syria: from the coming of Islam to the Ottoman Period (en inglés). Leiden: Brill Academic Publishers. ISBN 978-90-04-14713-3.
- Kurkjian, Vahan M. (1958). A History of Armenia (en inglés). Armenian General Benevolent Union of America. pp. 195–205.
- Lebédel, Claude (2004). Les croisades: origines et conséquences. Colección: Histoire. Rennes: Éditions Ouest-France. ISBN 2-7373-2610-9.
- Luisetto, Frédéric (2007). Arméniens et autres Chrétiens d'Orient sous la domination Mongole (en francés). París: Geuthner. ISBN 978-2-7053-3791-9.
- Luscombe, David; W.; Hazard, Harry (2004). The New Cambridge Medieval History (Volume IV: c. 1024 - c. 1198) (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-41411-3.
- Mahé, Annie; Mahé, Jean-Pierre (2005). L'Arménie à l'épreuve des Siècles (en francés). París: Gallimard. ISBN 2-07-031409-X.
- Mutafian, Claude (1993). Le royaume arménien de Cilicie, XIIe – XIVe siècle (en francés). París: CNRS Editions. ISBN 978-2-271-05105-9.
- Nicolle, David (2001). The Crusades (en inglés). Oxford: Osprey Publishing. ISBN 1-84176-179-6.
- Nickerson Hardwicke, Mary (1969). "The Crusader States, 1192–1243". En Setton, Kenneth M.; Wolff, Robert Lee; Hazard, Harry W. A History of the Crusades (Volume 2: The Later Crusades.1189-1311) (en inglés) 2. Madison, Milwaukee e Londres: University of Wisconsin Press. pp. 519–555. ISBN 9780299048440.
- Panossian, Razmik (2006). The Armenians: from kings and priests to merchants and commissars (en inglés). Nova York: Columbia University Press. ISBN 978-0-231-13926-7.
- Parry, Ken (2010). The Blackwell Companion to Eastern Christianity (en inglés). Londres: Blackwell Publishing ltd. ISBN 978-0-631-23423-4.
- Pogossian, Zaroui (2010). The letter of love and concord: a revised diplomatic edition with historical and textual comments and English translation (en inglés). Leiden: Brill. ISBN 978-90-04-19189-1. OCLC 729872723. doi:10.1163/ej.9789004191891.i-476.
- Runciman, Steve (2002). Historia de las Cruzadas (vol I. La Primera Cruzada y la Fundación del Reino de Jerusalén) (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-2059-9.
- Stewart, Angus Donal (2001). The Armenian Kingdom and the Mamluks: War and Diplomacy During the Reigns of Het'um II (1289–1307 (en inglés). Leiden: Brill Academic Publishers. ISBN 978-90-0412292-5.
- Stewart, Angus Donal (abril 2005). "The assassination of King Het'um II". Journal of the Royal Asiatic Society (en inglés) (Cambridge University Press) XV (1): 45–61. ISSN 1356-1863. JSTOR 25188503.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Alianza armeno-mongol
- Cilicia
- Dinastía hetumida
- Dinastía rubénida
- Lista de monarcas do Reino Armenio de Cilicia
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cilician Armenian Coins Arquivado 25 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine.
- "Kilikia" song with lyrics
- Cilician Armenian Architecture