Topacio
Topacio | |
---|---|
Fórmula química | Al2SiO4(F,OH)2 |
Clase | Silicato |
Subclase | Nesosilicato |
Sistema cristalino | Ortorrómbico |
Cor | Amarela, branca, incolora, azul ,verde, violeta, parda... |
Brillo | De vítreo a mate |
Dureza | 8 |
Fractura | Concoidea |
Exfoliación | Perfecta segundo a base |
Raia | Branca |
Densidade | 3,5 - 3,6 g/cm³ |
O topacio é un mineral silicatado de aluminio e flúor. Emprégase a miúdo como pedra preciosa e algunhas veces foi confundido co diamante: o chamado Diamante de Bragança, incluído como diamante na coroa portuguesa.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome "topacio" deriva do grego topazos ("buscar"), que era o nome dunha illa no Mar Vermello, segundo Plinio o Vello, difícil de encontrar e da cal se sacaba unha pedra amarela (actualmente sabido que era olivina amarelada). Na Idade Media, o nome topacio era usado para calquera xema amarela, mais actualmente o nome aplícase tecnicamente ao mineral aquí descrito.
Comercialmente inténtanse vender algunhas variedades de cuarzo con denominación de topacio.
Propiedades
[editar | editar a fonte]Cristaliza no sistema ortorrómbico coa fórmula xeral Al2SiO4(OH, F)2, indicando a paréntese arredor de OH e F que a proporción entre fluoruros F e hidróxidos OH pode variar nun amplo rango, aínda que a súa suma sempre será constante.
A súa densidade é de 3,5 - 3,6 g/cm³.
A súa cor é normalmente marela-acastañada; podéndose encontrar tamén exemplares con tons de ocre, azul, violeta, vermello ou, incluso, incoloro. Ademais, pode ser variada facilmente con medios artificiais: aplicando raios gamma ou feixes de electróns conséguense tonalidades pardas ou lixeiramente verdosas e quecéndoo obtéñense tonalidades azuis ou arroibadas.
Aínda que na escala de Mohs lle corresponde dureza de 8, fractura facilmente, sendo difícil de traballar.
Variedades
[editar | editar a fonte]As distintas variedades distínguense pola cor, que varía segundo a presenza máis ou menos importante do flúor, podendo ser de moi diversas cores.
As máis estimadas son, o topacio imperial de cor alaranxada, o topacio oriental ou zafiro amarelo e o incoloro.[1]
Depósitos
[editar | editar a fonte]Atópase habitualmente en forma de cristais prismáticos crecidos en ocos que están unidos coa rocha troncal. Ademais existe unha variante masiva ou granulosa. Normalmente áchase acompañado de berilio, turmalina e apatita en rochas ácidas magmáticas como as permatitas. Tamén se encontra nos gneises.
Algunhas das reservas máis importantes encóntranse no Brasil, República Checa, Saxonia, Noruega, Suecia, o Xapón, México, Sri Lanka, Birmania, Paquistán e os Estados Unidos.
Usos
[editar | editar a fonte]Algunhas variedades empréganse en xoiería e son moi estimadas polos coleccionistas e tamén se empregan na industria cerámica.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Topacio no Rincón del Vago Arquivado 19 de xuño de 2010 en Wayback Machine. (en castelán)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Topacio |