Tempos Novos
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Este artigo ou apartado contén afirmacións non neutrais e/ou texto que promociona o tema tratado de forma subxectiva sen achegar información neutral e verificable. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Tempos Novos | |
---|---|
País | España |
Lugar | Santiago de Compostela |
Lingua | lingua galega |
Fundación | 1997 |
Circulación | |
ISSN | 1137-6945 |
Na rede | |
https://temposdixital.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Tempos Novos é unha revista galega de publicación mensual en papel publicada por Atlántica de Información e Comunicación de Galicia desde abril de 1997. Nas súas páxinas os lectores poden atopar reportaxes e entrevistas coa actualidade política, económica ou social como tema central e varias seccións dedicadas ao pensamento, á cultura e á arte en todas as súas manifestacións, con sinaturas recoñecidas dos eidos da universidade e a investigación vencelladas fundamentalmente ao xornalismo, críticas de distintas disciplinas e valores emerxentes da nova literatura galega.
Historia
[editar | editar a fonte]A súa fundación tivo lugar nun acto celebrado no Instituto Galego de Información o 11 de xaneiro de 1997, onde "cento cincuenta persoas converxeron nunha sociedade anónima coa pretensión declarada de crearen medios de comunicación alternativos e de calidade. Un colectivo plural, representativo da diversidade de tendencias e sensibilidades que configuran a nosa realidade política, cultural e social máis comprometida".[1]
Ao longo do seu percorrido vital a revista pasou por diferentes etapas, sendo obxecto de revisións de contidos e de deseño gráfico coa fin de mantela apegada aos gustos imperantes en cada unha das súas épocas, mais sen renunciar aos seus alicerces fundamentais: o idioma galego, o compromiso coa información libre e unha aposta polo xornalismo de calidade.[2] Así, as súas páxinas acollen desde sempre análises da actualidade sociopolítica e cultural, con seccións para a música, a arte, o teatro, os libros e o humor gráfico.
Tempos Novos é unha revista editada en papel, cunha aposta clara por este formato. Dende 2007 ten un alter ego na rede, Tempos Dixital, que desde o ano 2023 vén adquirindo unha personalidade cada vez máis independente da publicación matriz.
Dirixe a revista o xornalista Luís Álvarez Pousa, quen asina ademais o editorial de cada número e algúns artigos e entrevistas.
Rede de colaboradores
[editar | editar a fonte]O equipo de redacción está conformado polos coordinadores de área, que á súa vez contan con colaboradores e colaboradoras que cobren os distintos ámbitos temáticos de cada área.
Economía e medioambiente: Manoel Barbeitos e Gonzalo Rodríguez.
Política, Comunicación e Medios: Carlos Montenegro e Xulio Ríos.
Xénero, feminismos, novas masculinidades, LGTBI (Identidades): Anna R. Figueiredo.
Activismo social (Redes): Ruth Sousa.
Cultura(s) e Pensamento: Francisco Cortez-Lobâo e Miguel Vázquez Freire.
Coordinación xeral: Francisco Cortez-Lobâo.
Seccións
[editar | editar a fonte]A capa da revista é desde sempre o elemento máis distintivo de Tempos Novos. O seu deseño foi mudando o estilo e enfoque até chegar ao actual, no que o autor é o ilustrador compostelán Daniel Pino.
A revista mantén sempre a mesma estrutura: previa ao índice, a Carta de Axuste de Luís Álvarez Pousa, seguida por E digo eu, asinada por Daniel Álvarez, e A velas vir, de Xurxo Borrazás.
É a sección En Destaque a que aglutina varias sinaturas sobre o tema principal, seguidas pola crónicas políticas de Justo Beramendi e Manuel M. Barreiro.
Tempos Novos mantivo o gusto polo humor gráfico, que é a base da sección Guau, Guau: unha recompilación de viñetas publicadas nos medios galegos que dá paso a Todo é Peixe, unha ampla sección que abre Camilo Franco cunha reflexión a partir dunha fotografía de autoría alterna de Nacho Gómez e Moncho Fuentes.
Argumenta é unha sección de varias páxinas dedicada á ciencia e ao pensamento na que se inclúen reportaxes e entrevistas en torno a unha temática, e que dá paso á sección de Cultura, con crónicas, entrevistas e críticas de arte, cinema, banda deseñada, series, música etc...
Pecha a revista a Cara B de Anna R. Figueiredo con fotografía de Diego Seixo.
Protexta
[editar | editar a fonte]Tempos Novos mantivo entre os anos 2006 e 2010 o suplemento de libros Protexta que inicialmente se editaba de xeito independente á revista e se distribuía xunto con ela e con varios xornais de Ediciones La Capital con periodicidade trimestral. Posteriormente integrouse como sección da propia revista.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Quen somos?". Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2013. Consultado o 15 de marzo de 2013.
- ↑ "Entrevista a Luís Álvarez Pousa | CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2018-01-23.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Tempos Novos". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Tempos Novos". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Tempos Dixital
- Sumarios Arquivado 17 de decembro de 2011 en Wayback Machine. na hemeroteca da Deputación de Pontevedra.