Sancosmeiro
O sancosmeiro é un sombreiro galego de palla utilizado para protexerse do sol e da chuvia durante os traballos, de aba ancha e copa baixa, cunha cinta negra arredor da copa e os cabos que caen por detrás.[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]Sombreiro tradicional galego que sempre mantivo a característica forma que o fai inconfundible, aínda que co tempo quedou cada vez máis desprovisto de adornos ata o deseño actual.[2] De aba moi ancha e copa baixa, xeralmente en forma de cono truncado, o reberete é unha estreita fita negra, leva arredor da copa outra fita negra máis ancha que cae por detrás sobre a aba, e un cordón que o suxeita ó queixo.[1][2] Pode levar de adorno un lazo ou unha flor.[2]
A pesar do seu nome, non só era usado en San Cosme ou na comarca de Noia, senón tamén noutras como A Barcala, O Sar, Santiago[1], A Barbanza[3] ou no Xallas.[2]
Elaboración
[editar | editar a fonte]Proceso laborioso, que se inicia coa recolección da palla, de trigo ou de centeo, durante os meses de xullo e agosto. Con coidado para que a palla saía enteira, selecciónase por grosores, limpa de nós e impurezas, almacénase en mandos e vaise empregando durante os meses de inverno para a elaboración dos sombreiros.
Antes de comezar a tecer a palla cómpre humedecela para que resulte máis flexible e non crebe facilmente. Deseguido iníciase o trenzado, escollendo tres ou máis pallas para a confección, sendo os máis habituais os de catro e seis pallas. A lonxitude das liñas de trenza varía segundo se trate dun sombreiro de home –de menor tamaño–, de rapaza ou de muller, empregándose entre vinte e catro e trinta brazas de medida en cada peza.[2]
Simboloxía
[editar | editar a fonte]Entrégase en Outes o sancosmeiro de ouro, o galardón máis prezado que outorga o concello en recoñecemento ás persoas ou entidades que resaltaron polo seu traballo en favor do desenvolvemento económico, social e cultural do municipio. O premio consiste nunha réplica de ouro que simboliza o sombreiro de palla típico desa zona, asemade cóbrese a cabeza da persoa que o recibe cun sancosmeiro.[4]
Publicacións
[editar | editar a fonte]- O "sancosmeiro", historia dun chapeu que merece ser revisada (Luís do Río, xaneiro de 2024, Asociación Terra de Outes).[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Termo 195: sancosmeiro". dicionario da vestimenta tradicional galega. Arquivado dende o orixinal o 13-04-2017. Consultado o 13-4-2017.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Artesanía – O sancosmeiro". Concello de Mazaricos. 2008-2012. Arquivado dende o orixinal o 13-04-2017. Consultado o 13-4-2017.
- ↑ Blanco, M. X. (11-11-2016). "Loita pola supervivencia do sancosmeiro". La Voz de Galicia. Consultado o 13-4-2017.
- ↑ Gil, M. (13-10-2009). "Marisco y Sancosmeiro de ouro". El Correo Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13-04-2017. Consultado o 13-4-2017.
- ↑ "El santiagués Luis do Río escribe un libro sobre sancosmeiros e identifica una variedad propia de Tordoia y otra de A Baña y Dubra". La Voz de Galicia. 31 de xaneiro de 2024. Consultado o 19 de outubro de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sancosmeiro |