Saltar ao contido

San Lesmes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

San Lesmes
Historial
Estaleiro ?
Clase Navegación oceánica
Tipo carabela
Botado ?
Baixa xuño de 1526
Destino Perdida no Pacífico.
Características xerais
Desprazamento 96 toneladas[1]
Eslora -
Manga -
Puntal -
Propulsión vela
Tripulación 50-70 homes (vascos, galegos e flamengos)

Expedición de García Jofre de Loaísa

A San Lesmes era unha das carabelas da expedición de García Jofre de Loaísa capitaneada por Francisco de Hoces e posteriormente por Diego Alonso de Solís que se perdeu no océano Pacífico, en 1526. No século XX atopáronse indicios dos seus restos en Amanu, unha das illas Tuamotu. Algunhas especulacións indican que a tripulación sobreviviu e que ou ben seguiron ata Australia, ou ben quedaron nas illas veciñas de Amanu deixando rastros culturais que chegarían ata Nova Zelandia.

San Lesmes é patrón de Burgos dende 1511. Alí fundouse en 1091 o mosteiro beneditino de San Juan Evanxelista, para atender os peregrinos do Camiño de Santiago.

A expedición de García Jofre de Loaísa

[editar | editar a fonte]

En xullo de 1525 partía da Coruña a segunda expedición ao Pacífico logo de Fernão de Magalhães. O obxectivo do rei Carlos I de Castela era disputar as illas Molucas aos portugueses. A frota estaba constituída por sete buques con García Jofre de Loaísa de capitán xeneral e acompañábano algúns veteranos da primeira circunnavegación co mesmo Juan Sebastián Elcano que era o segundo comandante e piloto maior. Tanto Loaísa como Elcano morrerían durante a viaxe. Só a nave capitá a Santa María de la Victoria conseguiría chegar ás Molucas. Tres dos barcos non logran pasar o estreito de Magalláns, e seis días logo de entrar no Pacífico perderon de vista a carabela San Lesmes o 1 de xuño de 1526.

A carabela era de 80 toneladas. O capitán entón era Diego Alonso de Solís que substituía a Francisco de Hoces. A tripulación estímase en entre cincuenta e sesenta homes, a metade galegos e algúns vascos e flamengos.

Hipótese de Roger Hervé

[editar | editar a fonte]

Roger Hervé era conservador do Departamento de Mapas da Biblioteca Nacional de París e escribiu, en 1982, Découverte fortuite de l'Australie et de la Nouvelle-Zélande par des navigateurs portugais et espagnols entre 1521 et 1528. Mantén que a San Lesmes seguiu a súa viaxe cara ao oeste, intentando chegar ás illas Molucas, e atopouse con Nova Zelandia e Tasmania. Desde aquí seguiron o litoral leste de Australia cara ao norte ata que foron capturados polos portugueses. Existen algúns indicios de nomes portugueses ou casteláns en mapas antigos de Australia, chamada "Java la Grande", e unha vaga referencia portuguesa a unha nave española perdida, da cal a súa tripulación foi executada debido a que os portugueses protexían os dereitos do seu dominio sobre as Molucas. Isto significaría que a costa oriental australiana foi descuberta por navegantes españois 245 anos antes que o navegante británico James Cook.

Hipótese de Robert Langdon

[editar | editar a fonte]
Metrosidero, árbore de Nova Zelandia no cuartel da Policía Local da Coruña.

En 1929, o administrador das Tuamotu François Hervé, que non ten ningunha relación con Roger Hervé, atopou catro canóns nos arrecifes de Amanu. Puido recuperar un que levou ao museo de Papeete pero anos despois desapareceu. En 1969, cando os franceses instalaron unha base militar en Hao, preto de Amanu, como apoio para as probas nucleares en Moruroa e Fangataufa, o capitán Hervé Le Goaziou recuperou dous canóns máis. A repetición dos nomes Hervé é pura casualidade. A análise dos canóns, duns 560 quilos, non leva a unha conclusión definitiva sobre a súa orixe e a súa antigüidade. Parece que poderían ser españois do século XVI. Segundo as tradicións orais recolleitas en Amanu, algunhas familias son descendentes dos superviventes dun naufraxio daquela época.

Robert Langdon (1924-2004) é un investigador australiano da Universidade de Canberra. Escribiu, en 1975, The Lost Caravel ("A carabela perdida»), que ampliou en 1988 con The Lost Caravel re-explored ("A carabela perdida explorada de novo"). Repasando todos os barcos desaparecidos e naufragados, no século XVI no Pacífico, chega á conclusión de que os canóns de Amanu só poden ser da San Lesmes. A base de observacións culturais e xenéticas constrúe a hipótese de que os tripulantes da San Lesmes sobreviviron e que, xunto cos seus descendentes, espalláronse por outras illas deixando unha marcada influencia.

Segundo Langdon, a San Lesmes desviouse do resto da expedición por culpa dunha tormenta que a levou ao noroeste. Encallou nos arrecifes de Amanu e tiraron pola borda os canóns e outro lastre para reflotar a carabela. Moi danada chega ata Anaa, onde desembarcaron algúns tripulantes. Seguen ata Raiatea onde se establecen durante un tempo para reparar o buque ou construír un novo. Anos despois outro grupo volveu a intentar a viaxe cara ao oeste ata chegar a Nova Zelandia.

Pataka, hórreo Maorí.

Langdon afirma que os náufragos e os seus descendentes ocuparon unha posición preeminente nas illas onde se estableceron. A influencia xenética explicaría porque os primeiros exploradores europeos (Pedro Fernández de Quirós 80 anos máis tarde, e James Cook 240 anos máis tarde) atoparon mesturados cos indíxenas uns individuos de pel clara, ollos claros e pelo vermello ou louro. A similitude europea ata explicaría a atracción mítica cara ás mulleres dos Mares do Sur. A influencia espiritual notaríase a partir da relixión que xurdiu en Raiatea ao redor do deus Oro. Explicaría as similitudes da creación do mundo co Xénese e a existencia do concepto da Santa Trindade. Outra influencia sería a construción da piragua dobre con vela latina e a construción dunhas barcas con casco. A influencia cultural explicaría porque, nalgunhas illas, saudábanse encaixando as mans ou porque no século XVI comezan a aparecer en Nova Zelandia unhas construcións similares aos hórreos galegos denominadas pataka.[2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]