Saltar ao contido

STS-114

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
STS-114
Lanzamento da misión STS-114
TipoTripulado
OrganizaciónNASA
Data de lanzamento26 de xullo de 2005, 14:39GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorTransbordador espacial[3][5]
Sitio de lanzamentoCentro de Lanzamento de Cabo Cañaveral, rampla 39b[3][6]
Duración da misión13,90 días[6]
Obxectivo da misiónVolta ao servizo e probas do transbordador espacial tras o accidente da misión STS-107.[3][6]
Regreso9 de agosto de 2005[6]
NSSDC ID2005-026A

STS-114 foi unha misión do transbordador espacial Discovery lanzada o 26 de xullo de 2005 desde a rampla 39B do Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral.[2][3][5][6]

Características

[editar | editar a fonte]

STS-114, con sete astronautas a bordo, foi a primeira misión dun transbordador despois da perda do Columbia na misión STS-107 en 2003. A tripulación estaba formada pola comandante Eileen Collins, o piloto James Kelly e os especialistas de misión Charles Camarda, Wendy Lawrence, Soichi Noguchi, Stephen Robinson e Andrew Thomas.[3][5][6][7]

Tras a catástrofe establecéronse novos procedementos e fixéronse cambios nos vehículos de lanzamento que foron postos a proba na misión STS-114. Entre os cambios estaban os arranxos na espuma que recubría o tanque principal para evitar a súa caída contra as ás do transbordador (causa principal da perda do Columbia) e a revisión obrigatoria das ás e o escudo térmico do transbordador por parte dos astronautas antes da reentrada atmosférica. Como obxectivo secundario, a misión serviu para reaprovisionar a Estación Espacial Internacional usando o módulo loxístico Raffaello, que nos dous anos entre a destrución do Columbia e o voo do Discovery tivo que aprovisionarse unicamente mediante os cargueiros Progress rusos.[3][5][6][7]

A análise das fotos e vídeos tomados durante o lanzamento e durante a aproximación á estación mostraron que a pesar de tódalas medidas un cacho de espuma se desprendeu do tanque principal e dúas áreas do escudo térmico con material de recheo sobresaíndo entre as losetas térmicas. Durante a misión leváronse a cabo tres paseos espaciais: durante o primeiro Robinson e Noguchi probaron un experimento de reparación de losetas térmicas usando varias danadas a propósito levadas ao espazo na bodega de carga do transbordador, instalaron unha plataforma de almacenamento no exterior da estación e enerxizaron un dos xiroscopios que estabilizan a estación para compensar o fallo doutro; na segunda actividade extravehicular os dous mesmos astronautas substituíron o xiroscopio avariado; na terceira, Robinson extraeu o material de recheo sobresaínte entre as lousas do escudo térmico.[3][5][6][7]

O transbordador volveu a terra sen incidentes na base Edwards da Forza Aérea en California o 9 de agosto de 2005, un día despois do previsto debido ao alongamento da misión para poder engadir o terceiro paseo espacial.[3][5][6][7]

  1. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "STS 114" (en inglés). Consultado o 21 de xaneiro de 2018. 
  2. 2,0 2,1 "Note verbale dated 20 September 2005 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (05-90019(E)). 16 de novembro de 2005: 6. Consultado o 21 de xaneiro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 NASA (21 de marzo de 2017). "STS 114" (en inglés). Consultado o 21 de xaneiro de 2018. 
  4. Claude Lafleur (2010). "STS-114 / RTF" (en inglés). Consultado o 21 de xaneiro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Shuttle" (en inglés). Consultado o 21 de xaneiro de 2018. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Mark Wade (2011). "STS-114" (en inglés). Consultado o 21 de xaneiro de 2018. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 NASA (23 de novembro de 2007). "STS-114" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2017. Consultado o 31 de outubro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]