Pradairo
Pradairos (xénero Acer) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Follas de Acer platanoides | |||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||
Non está ameazada | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||
Acer L. |
Os pradairos son árbores e arbustos pertencentes ao xénero Acer, da familia das sapindáceas. Moitas especies son ornamentais e salientan pola beleza da súa follaxe outoniza. En Galicia dáse principalmente o pradairo común (Acer pseudoplatanus), chamado moitas veces simplemente pradairo. Nas provincias interiores tamén aparece o pradairo campestre (Acer campestre).
Descrición
[editar | editar a fonte]Os pradairos distínguense doadamente polas súas follas opostas, normalmente palmato lobuladas, aínda que tamén se dan as palmato compostas, pinnadas compostas, pinnadas avetadas e sen lóbulos. As flores son regulares, pentámeras, e xorden en acios, corimbos ou umbelas. Os seus distintivos froitos nacen en parellas unidas, chamados sámaras, que, ao se desprender, van virando movidos polo vento espallando as sementes a considerábel distancia, polo que acostuman coñecerse coma «árbores de helicópteros».
As follas da meirande parte das especies son palmadas, veadas e lobuladas, con 3 a 9 veas cada unha orientada cara a un lóbulo, un dos cales é o central. Varias especies son trifoliadas: Acer griseum, Acer mandshuricum, Acer maximowiczianum e Acer triflorum. Acer negundo ten follas pinnadas compostas, que poden ser simplemente trifoliadas ou con 5 a 7 (raramente 9) folliñs. Acer carpinifolium ten follas simples pinnadas e venosas que lembran aos dos carpes.
Os pradairos florecen a finais do inverno ou principios da primavera, na maioría das especies ao mesmo tempo de apareceren as follas ou xusto despois, nalgunhas incluso antes destas. As flores son pequenas e inconspícuas, posúen cinco sépalos, cinco pétalos de entre 1 a 6 mm de largo, doce estames de entre 6 a 10 mm dispostos en dous aneis de seis cada un e dous pistilos ou un pistilo e dous estilos. O ovario é súpero e con dous carpelos, cuxas asas prolongan as flores, facilitando o recoñecemento das femininas. Logo de entre unhas semanas a seis meses de floración, as árbores producen un gran número de sementes.
Os espécimes deste xénero son unha importante fonte de pole e néctar a principios de primavera para as abellas, en particular as abellas melíferas e un recurso alimentario para as larvas de varias especies de lepidópteros.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A procedencia do nome do xénero Acer é incerta. Unha das teorías é que procede do latín acer, -is (afiado), referido ás puntas características das follas ou á dureza da madeira que, supostamente, se utilizaría para fabricar lanzas. O primeiro en aplicalo ao xénero foi o botánico francés Joseph Pitton de Tournefort en 1700.
O nome galego pradairo (bordo en portugués) vén quizais polo seu parecido co plátano (xénero Platanus), por iso tamén recibe o nome de plátano bastardo ou falso plátano. Tamén é designado ás veces co galicismo sicómoro, mais este nome pode levar á confusión coa especie homónima (Ficus sycomorus), unha árbore común no leste da rexión mediterránea e citada na Biblia, coa cal non ten moito parentesco mais apenas unha vaga semellanza na forma das follas.
Usos e simbolismo
[editar | editar a fonte]Os pradairos son moi cultivados coma ornamentais, para elaborar xaropes e como madeira de construción. Algunhas especies presentan unha fermosa cor outoniza, especialmente as especies xaponesas e norteamericanas.
O pradairo azucreiro (Acer saccharum) é utilizado para a extracción da saiba, que logo de ser fervida produce o (xarope de pradairo), co que se fan doces. Quebec é o maior produtor de produtos obtidos do zume ou saiba dos pradairos.
A madeira emprégase na fabricación dos bates de béisbol aprobados pola MLB e diversas ligas de béisbol arredor do mundo. Tamén se emprega para a fabricación de instrumentos musicais como a gaita; a súa alta densidade e propiedades sonoras fana favorita para dito uso.
A folla do pradairo é un destacado símbolo nacional no Canadá e está representada na súa bandeira.
En Galicia a madeira do pradairo bravo empregábase para fabricar zocas e gaitas.
Especies representativas
[editar | editar a fonte]- Acer barbatum Michx. – Pradairo de Florida ou pradairo do sur azucrado[1]
- Acer buergerianum Miq. – Pradairo tridente
- Acer cappadocicum Gled. - Pradairo da Capadocia
- Acer campestre L. - Pradairo campestre
- Acer circinatum Pursh
- Acer ginnala Maxim. - Pradairo de Manchuria
- Acer griseum Franch. Pax- Pradairo de papel
- Acer heldreichii Orph. ex Boiss. – Pradairo de Heldreich
- Acer japonicum Thunb.- Pradairo "lúa chea"
- Acer japonicum aureum - Pradairo dourado do Xapón.
- Acer macrophyllum Pursh- Pradairo de folla grande.
- Acer micranthum Siebold & Zucc.
- Acer monspessulanum L. - Pradairo de Montpellier
- Acer negundo L.- Pradairo negundo, Negundo
- Acer opalus Miller
- Acer palmatum Raf.- Pradairo xaponés, pradairo palmado xaponés
- var. atropurpureum - follaxe púrpura/escarlata no verán.
- var. dissectum - arbustivo, aspecto de fento.
- var. dissectum atropurpureum - follaxe púrpura (semellante ao anterior)
- var. heptalobum - crecemento horizontal
- var. senkaki - follaxe de cor coral
- Acer platanoides L. - Pradairo real, Pradairo noruegués.
- Acer pseudoplatanus L. - Pradairo común, pradairo bravo.
- Acer rubrum L. - Pradairo vermello.
- var. variegatum - follas con manchas brancas.
- var. auratum - tons dourados.
- var. violaceum - casca verde azulada.
- var. crispum - follas ensortilladas.
- Acer saccharinum L. - Pradairo prateado.
- Acer saccharum Marshall - Pradairo azucreiro, Pradairo do azucre.
- Acer tataricum L.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Whether this or A. floridanum is the proper name of this taxon is subject to contention, as Michaux's original material was a mix of A. barbatum & A. rubrum. It is often treated as a subspecies of A. saccharum: A. s. subsp. barbatum (Michx.) Desmarais.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Acer |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Acer |