Saltar ao contido

Pedro Madruga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPedro Madruga

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1430 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Pontevedra, España Editar o valor en Wikidata
Morte16 de outubro de 1486 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata (55/56 anos)
Alba de Tormes, España Editar o valor en Wikidata
Conde de Camiña
Vizconde Tui
Mariscal Baiona
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Outros nomesPedro Madruga Editar o valor en Wikidata
ResidenciaCastelo de Soutomaior Editar o valor en Wikidata
Actividade
Carreira militar
ConflitoGuerra de Sucesión Castelá
Gran Guerra Irmandiña Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloConde de Camiña
Señor de Tui Editar o valor en Wikidata
CónxuxeTareixa de Távora Editar o valor en Wikidata
FillosÁlvaro de Soutomaior e Távora Editar o valor en Wikidata
PaisFernán Eanes de Soutomaior Editar o valor en Wikidata  e Constanza González de Zúñiga Editar o valor en Wikidata

BUSC: madruga-pedro-m-1486

Pedro Álvarez de Soutomaior, alcumado Pedro Madruga, talvez finado en Alba de Tormes en 1486, foi unha das figuras máis salientables do medievo galego, considerado hoxe o prototipo de cabaleiro feudal. De orixe bastarda, foi un home belicoso que chegou ao máis alto rango da liñaxe dos Soutomaior. Temido e admirado, os ecos dos seus feitos promoveron centos de estudos sobre a súa figura e mais o seu tempo. Foi un acérrimo inimigo de Alonso II de Fonseca e defensor dos dereitos sucesorios de Xoana a Beltranexa.

A figura de Pedro Madruga e as súas orixes

[editar | editar a fonte]

Pedro Álvarez de Soutomaior eríxese como unha das figuras máis controvertidas da Galicia feudal. Moito se ten escrito sobre as súas accións e maneiras, e a súa figura suscita xenreira e loanza por igual. Vasco da Ponte, cronista galego de comezos do século XVI, testemuña de primeira orde que nos legou unha valiosa obra que narra os sucesos de tan convulsos anos, escribía:

[Pedro] era mui mañoso, y sutil, y mui sabio, y mui sentido en cosas de guerra, era mui franco, y trataba bien a los suyos, y era muy cruel con sus enemigos, comía mucho de lo ageno, era uno de los grandes sufridores de trabajos que habia en España toda, ni por que lluviese, ni nevase, ni elase, ni porque hiçiese todas las tempestades del mundo, no dejaria de haçer sus echos, ni daría un cornado por dormir fuera en invierno ni en casa cubierta. Donde no hallase ropa, sabía dormir ençima de una tabla.
Castelo de Soutomaior.

Era de orixe bastarda. Seu pai, Fernán Eanes de Soutomaior, tivérao de resultas dos seus amoríos cunha familiar da condesa de Ribadavia, probablemente unha irmá ou unha curmá. Como fillo ilexítimo, procuróuselle un futuro tranquilo na carreira eclesiástica, establecendo seu pai a Esteban de Soutelo como mestre de seu fillo. Mesmo o monarca castelán Henrique IV pronunciou o seu nome para ocupar a mitra compostelá en mans dos Fonseca, familia que non mantiña moi boas relacións coa coroa. De feito, o citado monarca consideraba os Soutomaior necesarios para ver freadas as ansias do arcebispo de Santiago.

Tralo falecemento de Fernán Eanes, sucédeo no morgado o seu lexítimo primoxénito, Alvar Páez de Soutomaior, casado con María de Ulloa. O seu mandato non estivo exento de confrontacións cos Sarmiento, inimigos acérrimos dos Soutomaior. Os intereses de ámbalas dúas casas chocaban frontalmente polo control do sur da actual provincia de Pontevedra. Mais o matrimonio non deu os froitos agardados, e Alvar Páez lexitimou o seu medio irmán Pedro no ano 1468, herdando este e actuando en contra dos desexos de seu pai, que se negaba a que un bastardo ocupase a máis alta distinción da casa familiar.

Os soldados de Pedro Álvarez usaban modernos arcabuces na segunda guerra irmandiña. O da imaxe é de 1425.
Afonso V de Portugal axudou a Pedro Madruga.

Precisamente neste mesmo ano a figura de Pedro Madruga entraría coma un vendaval no panorama político e militar da Galicia, xusto cando a Gran Guerra Irmandiña (1467-1469) nacía e varría do panorama o poder nobiliario. Farto das inxustizas e desmandos da clase dirixente, o Terceiro Estado (apoiado por fidalgos e membros do baixo clero) levántase en armas contra os seus señores naturais. Durante dous anos fanse co poder efectivo do territorio derrubando canta fortaleza aparecía ao seu paso. Non imos analizar nestas liñas as causas do alzamento irmandiño, como tampouco as diferentes fases do conflito bélico. Interésanos máis a contraofensiva nobiliaria e os seus efectos, na que a figura de Pedro Madruga tivo un papel decisivo.

Ao comezo da revolta, Alvar Páez atopábase na vila de Tui, onde a súa liñaxe tiña postos grandes intereses polo seu control. Alí probablemente foi o escenario do seu recoñecemento como morgado dos Soutomaior. Asediado pola irmandade, Pedro foxe para Portugal, onde bos valedores o agardaban, e nesa mesma vila morrerá seu irmán. Neste período contrae nupcias con Tareixa de Távora, filla do cabaleiro Álvaro Pérez de Távora, fidalgo portugués de certa importancia.

Rematada a inestabilidade entre os nobres partidarios do monarca e a liga desafecta a este, a nobreza galega comeza a manter contactos co obxectivo de coordinar unha ofensiva sobre Galicia e recuperar o poder perdido; nacía deste xeito, e para sorpresa de moitos, unha confederación nobiliaria onde se inscribiron aqueles que ata o momento estiveran ensarillados en guerras privadas, acérrimos inimigos. Chegados a un acordo, decidiuse atacar con tres exércitos que penetrarían no territorio galego por tres frontes:

  • Pedro Madruga, grazas á colaboración do rei portugués Afonso V e do seu sogro, logra reunir un exército mixto de galegos e portugueses e entra polo sur de Galicia coa intención de reunirse en Compostela co arcebispo Alonso II de Fonseca e Juan de Pimentel (irmán do conde de Benavente).
  • Dende Salamanca parte o arcebispo Fonseca, á cabeza dun segundo exército acompañado do citado Pimentel e outros cabaleiros da cidade leonesa.
  • O terceiro continxente parte de Ponferrada, comandado polo conde de Lemos, D. Pedro Álvarez Osorio, acompañado polo mariscal Pero Pardo de Cela, co obxectivo de chegar ata Monforte.
Escena de batalla medieval

Mais o protagonismo absoluto recae no de Soutomaior, cuxa iniciativa e ferocidade en combater os irmandiños foi salientable. O primeiro obstáculo tomou o nome da Framela ou Famela, castro situado no actual concello de Cotobade e do que previsiblemente se valerían os irmandiños para acometer o Soutomaior. Unha vez máis, é Vasco da Ponte quen relata o sucedido:

Salio Pedro Alvarez de Portugal con muchos de sus vasallos (...) y con esos y sus amigos juntó çien lanças y dos mil peones poco más o menos (...) los de la comunidad y del obispado de Tuy y Orense y del arçobispo de Santiago (...) se le atravesaron delante en el camino (por lo menos serían quatro mil o çinco mil villanos) [...], como buen cavallero esforço los suyos y acometió a los otros de tal manera que los vençió (...). Esta fue la da Famela o da Framela.

O seguinte enfrontamento constituíuno Pontevedra, que presentou batalla a Pedro Madruga comandada por Lope Pérez Mariño, da liñaxe dos Lobeira. Desta volta sorteouse o obstáculo de xeito menos expeditivo. Probablemente en inferioridade numérica e canso tralo encontro anterior, Pedro Madruga botou man do enxeño e cun simple engano burlou a ferocidade do adversario que se amparou tralos muros da cidade:

... puso su gente en ordenança, delante de la qual para escudarse puso lanças largas y ballesteros, y en pos de ellos los cavalleros pegados a ellos, y yendo más adelante, y él acerca dellos.

Desta guisa pasaron xunto aos muros cando a marea deu baixado, seguindo sen oposición ata a cidade arcebispal. Fonseca e Xoán de Pimentel mantiñan a cidade baixo asedio cando Pedro Álvarez de Soutomaior arribou á cidade arcebispal. Ante eles presentaba batalla Pedro Osorio cun exército que tenian de diez mil hombres arriba entre fidalgos e viláns. Ante a indecisión do Fonseca e do Pimentel, Pedro Madruga recrimínalles a súa actitude e botando man dunha valentía desmedida, arremete contra o exército inimigo gañando o decisivo lance para a causa señorial. Os autores sitúan este triunfo nun lugar chamado Balmacige (ou a Almáciga, como apunta algún autor), preto de Santiago. A descrición que nos fai Da Ponte deste episodio fai fincapé na ousadía e descaro do de Soutomaior, que fai alarde da fama que o precederá ao longo da súa convulsa vida:

Aquí somos entre gallegos, portugueses y castellanos treçientas lanzas; arremetamos a Don Pedro, que si le desbaratamos, todos los otros fugiran. Y dicho esto se armó de presto con unas armas mal bruñidas, y vestido de ropas baxas porque no le conoçiesen, salió al campo dando voçes: A Don Pedro, a Don Pedro; y todos juntos los suyos arremetieron a los contrarios tan reçiamente que no los osaron esperar en el campo. Y fugiendo Don Pedro todos fugieron, de manera que quantos pudieron ser alcançados quedaron unos muertos, otros feridos o presos [...]

Logo desta fazaña, o exército da irmandade tiña os días contados. A partir de aquí, Pedro de Soutomaior axudaría aos seus aliados a recuperar os seus dominios.

A morte da condesa de Santa Marta

[editar | editar a fonte]
Castelo de Ribadavia, pertencente á familia Sarmiento

Teresa de Zúñiga detiña o señorío das terras de Ribadavia tras enviuvar de Diego Pérez Sarmiento, falecido no 1465. Cando a revolta irmandiña se alzou en Galicia, a nobre Teresa adoptou unha estratexia de achegamento ao terceiro estamento coa idea de verse ceibe da presión da que era obxecto por parte dalgúns señores que pretendían desprazala do poder e apoderarse dos seus señoríos: Sancho de Ulloa, Diego de Andrade e Pero Pardo de Cela. Mais non conseguiu o que desexaba, e traizoando os dous primeiros, captúraos en Melide e exíliase cos prisioneiros en Mucientes (Valladolid), onde detiña señorío.

No 1470, derrotados os irmandiños pola reacción nobiliaria e acaudillados por Pedro Madruga, Teresa de Zúñiga decide liberar os cativos e volver a Galicia coa intención de tomar posesión do señorío de Ribadavia no nome de seu fillo, Bernardino Sarmiento, en minoría de idade. Segundo nos relata Vasco da Ponte, Zúñiga non era precisamente unha excelente diplomática, e foi a súa actitude pretensiosa e con pouco tacto a que a levou á tumba; pois os seus vasalos, logo de dous anos libres das presións e inxustizas señoriais, non permitiron este comportamento que lles lembraba anos pretéritos, e matárona: [...] su tía, se avenía mal con los suyos por sinraçones que les haçia... . Parece ser que a dita señora foi alanceada e arrastrada pola praza da vila xunto co seu meiriño Pedro Oxea.

Logo deste episodio é cando entra en escena Pedro Madruga. O Soutomaior xa fora advertido pola condesa da súa chegada a Ribadavia; nun primeiro momento o seu sobriño, Sancho de Ulloa, comprometera a súa palabra de que lle axudaría a recuperar as súas terras unha vez que a condesa o liberase, mais chegados a Galicia pareceu esquecer a promesa. Deste xeito recorreu ao outro sobriño, Pedro Madruga. A represión que levou a cabo o Soutomaior foi moi dura e cruenta:

[...] hiço matar a unos, y a otros cortar pies, y a otros prender. Y prendió al abad de San Croyo y trájolo por la villa de Rivadavia ençima de un asno y con una resta de ajos al pescueço.
Igrexa do Mosteiro de San Clodio ao que pertencía o abade obxecto da acción de Madruga

De Pedro Madruga eran célebres os métodos expeditivos aos que adoitaba recorrer. É salientable subliñar neste punto a humillación á que foi sometido o abade do mosteiro de San Clodio do Ribeiro; algún autor indica que quizais o caudillo feudal mantiña algún tipo de contenda co abade, ou talvez este fora unha sorte de instigador do asasinato da condesa. Mais non remata aquí o episodio.

Logo do castigo infrinxido contra o campesiñado e o citado abade, Pedro Madruga leva a cabo unha acción máis no castelo de Ribadavia. Parece ser que xunto a el permanecía na fortaleza o señor de Sobroso, Diego Sarmiento de Soutomaior, en calidade de familiar da falecida. As relacións entre ámbolos dous señores feudais non pasaban por ser boas, mais ben todo o contrario. As disputas polo control do sur de Galicia eran continuas.

Un emisario do arcebispo compostelán Fonseca chegou ao castelo portando unha misiva de seu señor para Diego Sarmiento, atopouse con Madruga e inquirido por este emisario se el era Diego, respondeu afirmativamente. Na mensaxe en cuestión o arcebispo constrinxía a Diego Sarmiento e aos seus a que se aviñesen ao seu bando e matasen a Pedro Madruga. Sen máis dilacións, Pedro Madruga tomou a iniciativa e cortoulle a cabeza ao Sarmiento. Tamén tentou atrapar e degolar os principais seguidores do nobre, pero estes lograron fuxir ao abeiro de Compostela. Deste episodio fálanos un notario de Pontevedra interrogado durante o preito Tabera - Fonseca:

oyo dezir a muchas personas que dicho Pedralvarez tenia enemistad con el dicho señor patriarca por causa quel dicho señor patriarca fuera en consentimiento e acuerdo con el conde de Ribadabia e con Diego Sarmiento en que degollasen e matasen al dicho Pedro Alvarez y que estando en la villa de Ribadavia juntos (...) enviara el dicho señor patriarca a un onbre con çiertas cartas a Ribadavia para el dicho Diego Sarmiento e que llegando el dicho onbre (...) encontrara con el dicho Pedro Alvarez e le pescusara por Diego Sarmiento e quel dicho Pedro Alvarez le dixera: Yo soy, e quel dicho onbre le diera las dichas cartas (...) e por el aviso dellas el dicho Peralvarez matara al dicho Diego Sarmiento e quedara dende alli enmigo del patriarca...

Hai autores[quen?] que defenden que esta brutal reacción do señor de Soutomaior se inxire directamente baixo o tecido político e de intereses da nobreza galega. Por unha banda eliminaba un rival directo polo control do sur de Galicia, a inimizade Soutomaior-Sarmiento é de sobra coñecida; mesmo tentou atrapar no castelo os cabaleiros afectos tanto a Diego Sarmiento de Soutomaior coma ao arcebispo Fonseca. Por outra banda, establecía a ruptura oficial do pacto señorial imperante en Galicia para lles facer fronte aos irmandiños. Pedro Madruga erixírase como o antifonseca máis pertinaz, líder indiscutible da bandeira (onde podemos destacar os Moscoso) que se formará na contra da sé compostelá.

Unha terceira sorte de beneficio para a figura de Pedro foi o extremo da represalia contra os labregos levantadizos. A hipótese que algún autor baralla estriba no achegado da revolta irmandiña, como querendo castigar tamén polo acontecido ou acalentando os ánimos para unha posible resposta campesiña.

A liga anti-Fonseca

[editar | editar a fonte]
O rei Henrique IV de Castela.

O episodio de Ribadavia foi quizais a gota que encheu o vaso que as tradicionais querelas e enfrontamentos, entre as diferentes faccións de poder na Galicia medieval, foran cubrindo ao longo dos séculos. As intencións dos Moscoso e os Soutomaior polo control de territorios e vilas, prebendas e rendas do arcebispado compostelán eran xa abondo coñecidas. As diferenzas semellaban irreconciliables e a única vía aberta para solucionalas recaía no enfrontamento armado. Mais antes cabería salientar un episodio acontecido nos precedentes do alzamento da irmandade galega e que nos servirá de presentación para o tema a tratar neste apartado.

Alonso de Fonseca I, bispo de Sevilla, acudiu a pacificar a terra santiaguesa no lugar de seu sobriño Alonso II de Fonseca, namentres este ocupaba o asento de seu tío. A intención era que o tío, dun forte carácter, se impuxese na sé catedralicia restituíndo o tradicional poder dos arcebispos. A inexperiencia do seu xove sobriño propiciaría de seguro a perda de poder efectivo que caería nas mans dos cabaleiros da terra de Santiago. Unha vez conquistado este punto, aínda tivo que discutir co sobriño, que acomodado á pracenteira vida andaluza non quería regresar a Galicia. Neste punto habería que facer un inciso de certa importancia.

A situación política en Castela presentábase complicada, era moita a nobreza que non gustaba do monarca Henrique IV; inclinábanse cara ao seu medio irmán Alfonso, desexosos de ver prevalecer os seus intereses. Os Fonseca abandeiraban claramente a opción afonsina. O rei castelán ordenoulle ao mozo esquivo que ocupase sen demora a mitra arcebispal, e finalmente o xove Fonseca cumpriu a demanda e volveu a Galicia.

Castelo de Vimianzo.

Mais o seu comezo non foi demasiado agradable, debido ao recorte das competencias no cargo de pertegueiro maior de Santiago e á creación dun alcalde maior na figura do licenciado Rodrigo Maldonado, desgustaron tremendamente a Bernal Eanes de Moscoso, daquela pertegueiro, abríronse novamente as hostilidades e os Moscoso lanzáronse en violentas cabalgadas polas terras de Santiago. Incluso nunha noite en Noia capturaron o mesmo Fonseca, que estivo retido polo período de dous anos (nos que estivo metido nunha gaiola na cheminea do castelo de Vimianzo durante unha tempada). Ante a imposibilidade de pagar o rescate esixido por Bernal Eanes, a familia de Fonseca tivo que acollerse á catedral ante o avance dos Moscoso, que os sitiaron. Neste sitio atoparía a morte a cabeza dos Moscoso dun certeiro dardo que foi parar ao seu pescozo.

Parece ser que esta manobra, exceptuando a morte do señor de Altamira, puidera estar ben calculada por Henrique IV. Mentres ordenaba que Fonseca II tomara as rendas da súa sé, enviaba cartas secretas mediante Fernán Sardiña ao conde de Lemos e ao señor de Moscoso. Mentres o conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio, facía caso omiso desta, o señor de Moscoso tomara partido axudado por Álvaro Páez.

Diredes a Bernaldiánez, mi vasallo, que si servicio e placer me ha de hacer, luego se conforme e confedere con Álvaro de Sotomayor, post poniendo toda qüestion e debate que entre ellos sea, e ansí confederados se apoderen de la ciudad e villas de todo el arzobispado de Santiago y lo entreguen a Pedro Álvarez de Sotomayor, e le ayuden con sus gentes a cobrar la posesion e fortalezas dél, porque mi voluntad determinada es que él sea arzobispo de Santiago, e que ansí lo fagan non embargante cualesquier mercedes que yo haya dado(...) Diredes al dicho Bernaldianez que en ninguna manera, si placer me desea facer, deje de tener a gran recaudo e non suelte al arzovispo que fue de Santiago, que ten preso, aunque sobre ello le muestre qualesquier mis cartas escritas de mi mano o en otra manera, fasta que yo le envie la señal que con vos le envio, o le enregue el dicho arzobispo a Álvaro de Sotomayor. (...), e les prometo las mercedes que vos, el dicho Fernán Sardiña, de su parte me haveis suplicado, e que de lo contrario havria gran enoxo e procedria contra ellos...
Unha das torres da Fortaleza de Altamira, propiedade dos Moscoso.

A proba proposta semella contundente: en decembro de 1466 firmarían unha paz moi vantaxosa para os Moscoso. Pola contra, Fonseca debería exiliarse de Galicia por un período de dez anos. A revolta irmandiña constituiría o exilio forzoso de todos eles.

Coa terra xa pacificada e en mans dos seus antigos donos, as clásicas disputas señoriais comezaron a crebar a confederación que os mantiña baixo un mesmo pendón contra o inimigo común. Fonseca rompe o pacto chegando a un acordo coa Irmandade, faise con Santiago (coas súas terras e fortalezas) e comeza a demandarlles aos nobres a devolución dos territorios que enseñoraban e pertencían á mitra, sobre todo a Lope Sánchez de Moscoso e a Fernán Pérez de Andrade, O Mozo. Os cabaleiros galegos, á súa vez, formaron unha liga na contra do arcebispo. Este tomou a iniciativa e foi cercar a fortaleza de Altamira. Os cabaleiros reuniron forzas no castro de Agua Pesada e, ante a tardanza de Pedro Álvarez de Soutomaior, pretendían iniciar marcha ante a oposicion de Gómez Pérez das Mariñas I, quen logrou convencelos para que o agardasen: era mas viejo y muy sabio de las guerras; todos consentían con él.

Pedro Madruga fixo aparición ao día seguinte e prestos presentaron batalla a Fonseca e os seus. Para o arcebispo foi unha desfeita, fortemente derrotado tivo que saír a galope, mentres os seus inimigos saqueaban a súa tenda e capturaban o pendón e o seu alférez que o portaba.

A continuación os nobres atacaron os castelos de Mesía e de Vimianzo. No primeiro o enxeño de Pedro Madruga decantou a vitoria para o lado dos sitiadores, xa que lles cortou tódalas vías de acceso, a auga e, logo de tres meses de asedio, renderon a fortaleza. En Vimianzo Pedro Madruga acudiu no apoio de Lope de Moscoso e no 1472 caeu a fortaleza e acadaron o control dos estados do arcebispado. O 3 de novembro de 1470 firmaran o pacto de Puente cabrero o conde de Lemos Pedro Álvarez Osorio, o vizconde de Monterrei Juan de Zúñiga, Pedro Álvarez de Soutomaior, Sancho de Ulloa, Lope Sánchez de Moscoso, Diego de Andrade, Sueiro Gomes de Soutomaior e Diego de Lemos. Nel contemplábase a axuda mutua na contra de Fonseca.

Mosteiro de Carboeiro.

Apenas un par de meses despois, o conde de Lemos abandonaba a alianza, ocupando o seu lugar o Adiantado Maior de Galicia Fernando de Pareja, nobre foráneo. En Carboeiro asinan un novo acordo, cunhas claúsulas máis amplas e debuxando xa unha ofensiva que lle dese o mazazo definitivo. Pareja achegaba á causa tropa traída de Castela e subvencionada polo rei. Isto foi no 1471. Pareja pouco duraría. Luis de Acevedo, irmán do arcebispo, derrocou a súa fortaleza de Melide e levouno á presenza do patriarca. Ámbolos dous axuntáronse e decidiron colaborar para acougar os ánimos levantadizos da nobreza. Mais nada se puido facer xa; o resto dos asinantes do pacto en Carboeiro cabalgaban polas terras arcebispais derrocándolle as fortalezas. No sur Pedro Madruga, fornecido pola toleada do monarca (recibira deste xuro de herdade por valor de 150.000 marabedís nas rendas de Pontevedra, Vigo e Redondela, pertencentes ao arcebispado), andaba a doután e, sabedor da fereza do contrincante, decidiu achegarse ao bispo de Tui Diego de Muros como tamén aos Ulloa.

Diego de Muros fora vítima da rapacidade do de Soutomaior, xa que este controlaba Tui e gran parte das rendas do señorío. Decidiron confederarse para derrotalo. Ese ano traería baixo do brazo un suceso que daría un xiro ao panorama galego, e cadaquén posicionaríase onde mellor lle conveu. O 11 de decembro de 1474 morría Henrique IV, abriríase unha contenda civil pola consecución do trono entre Isabel e a infanta Xoana "A Beltranexa".

Os iniciais problemas que o monarca castelán tivera coa nobreza xa viñan de lonxe. No seu reinado personificaríanse na figura de seu irmán bastardo Afonso. Ao seu arredor arremuiñábanse unha serie de magnates poderosos coa intención de alzalo coma rei; aducían que a filla do rei era en realidade nada dos amoríos da raíña, Xoana de Portugal, e de Beltrán de la Cueva (pois corría un rumor sobre a impotencia do rei). O manifesto de Burgos de 1464 recollía este aspecto ademais de acusacións da mala xestión do reino. Presionado polos rebeldes, Henrique IV recoñece a Afonso como o seu sucesor na coroa; pero debido ao continuo ataque aos intereses do rei, a opción bélica toma as rendas do conflito. A resposta materialízase na farsa de Ávila, onde Henrique IV é ridiculizado e Afonso alzado coma rei. O falecemento do infante Alfonso no 1468 non frea os rebeldes, agora tomarán coma estandarte a Isabel, irmá do monarca. Finalmente Henrique cederá ás presións recoñecendo a Isabel coma futura raíña no tratado dos Touros de Guisando de 1468, apenas dous meses despois da morte do infante.

De aquí trasladámonos a 1474. Henrique IV atópase coa morte non sen antes deixar escrito que non recoñecía a Isabel coma lexítima sucesora e cedía á súa filla o trono, sendo a razón o matrimonio con Fernando de Aragón. Obviando este punto, dous días despois coroase Isabel raíña de Castela, polo que a guerra civil estaba servida.

As guerras isabelinas en Galicia

[editar | editar a fonte]
Morto Henrique IV, a maioría da nobreza castelá e aragonesa apoiou a Sabela de Castela
O bando que apoiou a Xoana a Beltranexa foi escaso, sobresaíndo Pedro Álvarez

En Galicia o debuxo de lealdades estaba claramente esbozado antes desta data, e xurdiron dous bandos para a sucesión da coroa de Castela:

  • Partidarios de Sabela: Acaudillados por Fonseca, tomaron partido por Isabel o conde de Lemos, o vizconde de Monterrei, o conde de Benavente e o clan dos Pardo de Cela, Saavedras, Bolaños e Ribadeneira. En realidade, a maioría da nobreza laica e eclesiástica apoiaba a Sabela.
  • Partidarios de Xoana: Fronte a eles estaba Pedro Madruga, consecuente cos seus lazos familiares, que apoiaba a causa da infanta Xoana a Beltranexa. Tamén estaban neste bando algúns nobres laicos galegos e a coroa portuguesa.

Como dixemos, a coroa portuguesa apoiou activamente a causa da infanta Xoana, polo que Pedro Álvarez de Soutomaior, casado con Tareixa de Távora, contou deseguida con axuda de alén o Miño. De feito, no 1475 Afonso V de Portugal concedíalle o título de conde de Caminha e ofrecíalle homes cos que fornecer a súa privilexiada posición no sur do país. Acaudillando tropas portuguesas tomará Tui, Baiona (da que se autointitulará Mariscal), Pontevedra, Vigo, Redondela, Caldas de Reis, Padrón, os portos da comarca de Arousa, así como tamén as fortalezas de Castro de Montes e de Sobroso, esta última aos Sarmiento que estaban polo arcebispo. Ambos os caudillos sabían que xogaban algo máis que un posicionamento político; tiñan a perfecta escusa para continuar a maior escala a guerra privada que levaban sostendo.

As hostilidades comezaron en 1476 e o escenario elixido en Galicia foi Pontevedra. Tralos seus muros achábase o Soutomaior con setenta o ochenta lanças y dos mil peones, haçienso cavas y palancotes adonde vía que cumplía, repartiendo la gente en cada estanza la que haçia menester; y con la que sobraba, cada día salía al campo a escaramuçar y hacer pláticas con sus enemigos. Xunto a Fonseca estaba o conde de Monterrei Sancho Sánchez de Ulloa e Ladrón de Guevara, almirante de Castela de orixe biscaíña e comandante dunha escuadra que bloquearía Pontevedra dende o mar. Este almirante castelán traía cartas dos reis para os cabaleiros galegos que aínda non tomaran partido -para que lles obedecesen aos reis e acudisen en axuda de Fonseca-: Diego de Andrade, Lope Sánchez de Moscoso e Suero Gómez de Soutomaior. Estes cabaleiros acudiron de non moi boa gana, algo que non disimularían durante o asedio á vila, dada a pasividade das súas accións e das ordes explícitas de Pedro Álvarez aos besteiros de que non tirasen contra eles. A eficacia de Pedro Madruga fíxose evidente co decorrer dos días, polo que se deseñou unha celada coa que capturar o caudillo feudal. Un criado do conde de Monterrei chamado Fernando Calvacho, co pretexto de levar un correo para o conde de Caminha, debía ferir o cabalo: ...mientras la leyese, cortase las piernas a su cavallo. Sempre alerta e desconfiado, Madruga non permitiu achegarse ao criado e o plan frustrouse. Ante este panorama, decidiuse abandonar o sitio.

Uns meses máis tarde, novamente o arcebispo Fonseca acompañado do conde de Monterrei, Pero Pardo de Cela e os Ribadeneiras tentárono unha vez máis con idéntico resultado. O momento de maior drama para os sitiados aconteceu cando as tropas de Fonseca traspasaran as primeiras liñas de defensa e estaban a piques de colocar as escalas para sortear os muros da cidade. A valentía de Pedro Álvarez de Soutomaior volveu xogar un papel fundamental. Á cabeza da súa hoste cargou contra o inimigo acometiendoles tan reçiamente que fuxiu en desbandada ...y él corriendo tras dellos, firiendo y matando.... Isto obrigou ao arcebispo a firmar unha tregua ata a primavera seguinte.

O ano seguinte un novo episodio deste convulso século XV trasladouse á cidade da Coruña. Os reis entregaran esta cidade de reguengo como mercede aos seus servizos a Rodrigo Alonso Pimentel, conde de Benavente. Baixo promesas de recibiren unha suculenta recompensa, atraeu a Lope de Moscoso, a Suero de Soutomaior e a Pedro Álvarez. Diego de Andrade, que devecía polo control da cidade dende había anos, entrou nela con homes de armas acudindo á chamada do concello. Escribiu ao rei que debía facer e este respondeulle que a defendese. Así foi, e ante a imposibilidade de tomala (a frota portuguesa chamada polo de Soutomaior deu media volta en Muxía), os monarcas tomaron novamente cartas no asunto e ordenáronlle ao de Benavente que debía saír de Galicia co seu exército e regresar pasados uns meses para tomar posesion da cidade. Humillado, mastigando o orgullo macelado, tomou preso en Padrón a Pedro Madruga. Conduciuno ata as súas terras no Bierzo. Alí mantivoo retido durante un ano. No 1478, grazas a unha manobra de Alonso V, foi trocado por cabaleiros casteláns entre os que se atopaba Luis Pimentel.

De regreso a Galicia, o panorama presentábase desolador, moito tiña mudado a situacion na súa ausencia. Tódalas vilas e portos que conquistara ao arcebispo estaban novamente no seu poder, así como as fortalezas de Trinidade e Santa María de Alba. Ademais, construíra a torre do Castrizán (O Penedo do Viso, Arcade) xusto no corazón dos estados do conde de Caminha. Esta torre escrutaba o castelo de Soutomaior. Tamén en Ponte Sampaio se erixía unha nova torre co pendón dos Fonseca e en Cangas construíra o castelo de Daravelo. Ademais, Baiona fora tomada por Ladrón de Guevara. Sen o apoio agora de Portugal, a recuperación de tantas perdas semellaba imposible; Pedro Madruga non se asustou perante as adversidades, senón que, máis pertinaz que nunca, se decidiu a restablecer o seu vello esplendor.

O derradeiro alento de Madruga

[editar | editar a fonte]
Os Reis Católicos foron inimigos acérrimos de Pedro Madruga.

A súa situación viuse cuberta de escuros nuboeiros cando os Reis Católicos se deciciron a rematar de vez coa anarquía reinante no Reino de Galicia. Os Montenegro dominaban Pontevedra por orde de Fonseca; Gregorio de Valadares apoiabaos tamén no sur; e García Sarmiento esculcaba os seus movementos dende o castelo de Sobroso, lugar dende o que saqueaba as terras dos Soutomaior.

O primeiro paso foi rematar coas incursións de saqueo. En certa ocasión na que García Sarmiento encabezaba unha destas partidas, desestimou a advertencia dos seus homes que viran nos altos un home que os asexaba, e caeu nunha emboscada artellada polo Madruga, de maneira que foi capturado por un escudeiro chamado Vasco Falcón. Acudiu con substanciosa présa a Sobroso, ameazando con cortarlle a cabeza se non rendían o castelo, mais a teima do seu alcaide convenceu a Pedro Madruga para sitiar a praza. Unha vez máis, Fonseca e Sancho de Ulloa cabalgaron para romper o asedio. O conde de Caminha tomou as oportunas medidas: fiço gran barrera y un gran palancote, y avituallose de todo lo que le haçia menester para la gente, y cavallos.

O exército de apoio atopouse con que non podía atacar a posición de Madruga con éxito, e coa raia de Portugal preto temían que os portugueses os collesen en dúas frontes. Prepararon unha celada e comezaron a insultar aos portugueses que estaban co conde; saíron correndo cara á trampa anoxados e moi poucos regresaron da refrega. Esa noite o de Soutomaior prendeulles lume ás defensas e fuxiu do lugar.

Entre 1478 e 1479 a actividade do nobre foi frenética e as súas vitorias axiña lle devolveron a influencia perdida no sur de Pontevedra. Fustrigaba con rabia os homes do arcebispo, cabalgaba roubando polas súas terras, cortoulles as cabezas a Gregorio de Valladares e a Tristán Montenegro... Quizais o derrubamento da torre do Castriçan represente o cumio do seu retorno ao control dos seus antigos pagos. A torre fora edificada aproveitando a prisión do conde polo arcebispo nun monte en fronte do Castelo de Soutomaior. Dende aquí podía vixiar o corazón dos estados do inimigo. Tamén servía como punto de apoio estratéxico para as algaradas que saían de Pontevedra ou de Vigo. Vasco de Aponte relátanos que o mesmo Pedro Madruga estudaba, ás agachadas, o xeito de tomar a praza que tanto dano lle causaba:

Y tantas noches la rodeo, unas antes de çena y otras estando a çenar, y otras a la media noche, y otras antes del alba, y todo por noches muy frías, y otras muy ventosas, y otras muy lluviosas (...) una noche de agua entró con ellos.

Asaltou a torre con ímpeto e os seus moradores decidíronse a entregarlla. A torre foi derrubada. Logo disto, Pedro Álvarez pasouse a Portugal deixando ben fornecidas as fortalezas, xa que un exército arcebispal chegaba para rematar dunha vez por todas co seu poder. Nesta ofensiva ocorreu a defensa decidida do castelo de Salvaterra. Corría o ano 1479 e os Reis Católicos, fartos xa das desavinzas e rebeldías do magnate galego, tomaron a decisión de apoiar os seus inimigos para rematar dunha vez por todas co seu poder. Deste xeito decidíronse a apoiar o bispo Diego de Muros, figura castigada en exceso polo Madruga, e ao cal lle tiña tomada a vila de Tui; Diego era un home que tiña demostrado unha lealdade inquebrantable á coroa.

Castelo de Sobroso, que tamén posuíu e atacou o Madruga.

A pacificación de Galicia era unha das contas pendentes da monarquía, baluarte primordial para defender a fronteira portuguesa e lugar patrucial do apóstolo Santiago. Nomearon vicerrei de Galicia a Fernando de Acuña, que estaba acompañado do licenciado Chinchilla (acudía en calidade de Xustiza para crear un tribunal real). Ademais farían todo o posible para que o arcediago de Camaces que os precedera levara a bo porto o orzamento de Irmandades, e proporcionarlles carácter legal co que poder golpear a nobreza rebelde. Os primeiros decretos esixían o derrubamento de fortalezas, e o axustizamento de malfeitores. Na maioría dos casos asetaban cabaleiros e criados de nobres, sen xuízo previo e sen ningún tipo de legalidade. No caso de Pedro Álvarez de Soutomaior derribáronlle as fortalezas de Cotobade, Santa María de Alba, Trinidad, Tebra e Castro Maceira. Tamén lle entregou Tui ao bispo Diego de Muros. Aínda así, o bispo xuntou un continxente de 400 homes e foi poñer cerco a Fornelos. Ao seu carón cabalgaban García Sarmiento, o corrixidor de Baiona, Lope de Montenegro, Francisco de Avalle e Lope de Avalle. Só 15 homes a defendían, ben provistos das novedosas espingardas e trabucos. No lance, un escudeiro chamado Alonso Ramírez, armado precisamente cunha destas armas, acabou coas vidas de ámbolos dous Avalle:

Mais un escudero llamado Alonso Ramírez, creo que era portugués, conoçiendo estos dos capitanes delanteros por enemigos mortales de su señor el conde, armó una espingarda y tiró, y dio a uno de los capitanes por en medio de los pechos o de la garganta, y pasándole todas las armas dio con él muerto en tierra. El otro capitán su compañero alço el capaçete, y queriendo ver cómo havía caído tan presto, ya el matador tenía armada o cargada la misma espingarda o otra, y tirole o disparole, y diole por la boca o por un ojo(...) muriendo estos dos capitanes, Francisco y Lope de Avalle.

As mortes destes cabaleiros non lles gustaron moito aos reis, cumpría botar man da diplomacia e Pedro Álvarez moveu dúas fichas. Por unha banda, enviou cartas a Fernando de Acuña baixo o favor do conde de Lemos, conseguindo que Acuña non intervise; e por outra banda, mandou á corte a súa muller para falar cos monarcas.

Corría o 1483 e o conde de Lemos Pedro Álvarez Osorio o Vello falecía. Morría un figura emblemática a quen todos gardaban respecto. En Mondoñedo, ese mesmo ano executaban o mariscal Pardo de Cela. Temerosos do que podería pasarlles, os nobres galegos confederáronse novamente co fin de se ayudar e vandejar contra todo el mundo, obedeçiendo al rey en caso de lealtad, y de no consentir a los governadores todo lo que quisiesen façer.

Caminha non perdeu o tempo e continuou a persecución habitual aos seus inimigos. Así, unha noite capturou en Baiona a Diego de Muros, despois de lle prender lume á casa onde durmía e agardar a que saíse. Pechouno en Fornelos, onde pasou un terrible cativerio no que perdeu os dentes debido ás insalubres condicións ás que se viu sometido. Alzáronse queixas ao gobernador Diego López e, ante as presións, Pedro Madruga ceibou o bispo, previo pago dun rescate.

En Alba de Tormes foi preso e executado.

O tempo e as circunstancias non xogaban a favor de Pedro Madruga. A presión real era abafante e o pulo dos inimigos só lle permitían exercer unha guerra defensiva. O remate déronllo a súa muller Tareixa de Távora e seu fillo Álvaro de Soutomaior. Nunha manobra cortesá conseguiron que os reis desposuísen de títulos e terras a Pedro Madruga e llos cedesen ao fillo. Sen demora acudiu a Soutomaior, confabulou con algúns homes de seu pai e tomou o castelo de Soutomaior.

Pedro Álvarez montou en cólera e desherdou o fillo e chamou os aliados para recuperar a fortaleza. O conde de Caminha viuse só. O poder da coroa estaba detrás dos aconteceres. Desesperado e acurralado, o conde marchou de Galicia para Castela e reuniuse co Duque de Alba procurando o seu favor. Nos pagos do duque agardou o momento propicio; e este chegou cando os reis visitaron Alba de Tormes (provincia de Salamanca). O duque entrevistouse cos reis tentando o perdón rexio para o seu protexido, namentres o de Soutomaior agardaba o resultado da entrevista no mosteiro de San Leonardo. Foi neste lugar onde ao parecer falece no ano 1486, mais sen unha confirmación rotunda. Non está moi clara a causa e Vasco da Ponte tampouco axuda á hora de aclarar o misterio:

Y unos dijeron que el conde muriera alli de dos carbúnculos (ntda. Carafunchos), otros dijeron que el alcalde Proinao entrara en el monasterio con sus porquerones[1], y que le echara garrote al pescueço; unos diçen que fue de una manera y otros diçen que fue de otra; quiça fue de entrambas maneras.

Pasaba á historia unha das máis emblemáticas figuras do medievo galego. Incansable na loita, respectado e temido por igual. A serie de hipóteses acerca da súa morte pasan polo envelenamento por orde de seu fillo ou da man dos reis fartos dos desmandes do nobre. Foi un personaxe que deu pé a moita lenda e louvanzas populares. O noso rei dise que o denominaban os seus vasalos. Sirva como exemplo esta copla:

Viva la palma, viva la flor,
viva don Pedro Madruga,
don Pedro Álvarez de Soutomayor.

Pedro Madruga-Cristovo Colón

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Cristovo Colón.
A sinatura de Colón contén as iniciais dos apelidos de bisavós, avós e o pai de Pedro Madruga. Xpo FER-ENS significa: Cristobal Pedro Fernandez Eanes. Segundo Alfonso Philippot.

Algúns investigadores como Alfonso Philippot Abeledo sosteñen que Pedro Madruga non morreu en 1486, senón que mudou a súa identidade pola de Cristovo Colón[2], de maneira que os identifican como a mesma persoa. Tal tese baséase en varios feitos como, por exemplo, que Colón bautizou portos de América co nome de máis de 80 localidades da ría de Pontevedra (de onde era orixinario o Madruga), na similitude na comparación da letra de Colón e Pedro Álvarez (feita pola perita calígrafa e grafopsicolóxica Teresa Torres) ou en que o cronista Francesillo de Zúñiga menciona xa no século XVI a Diego de Soutomaior (fillo de Pedro Madruga) como fillo de Colón, entre outros[3]. A hipótese foi rexeitada pola maioría dos historiadores que expoñen, entre moitos documentos, o testamento do seu fillo Álvaro redactado en 1491, onde cita «os osos dos meus pais (...) os traian e enterren dentro da capela que o S. Obispo D. Juan fixo na igrexa Catedral de Tui», o que indica que Pedro Madruga se atopaba morto antes de que Colón chegase a América.[4]

Pola outra banda, Guillermo García de la Riega Bellver recolle as teorías do seu bisavó Celso García de la Riega, que publicou en 1914 un polémico libro titulado Colón español. Su origen y patria, onde pretendía demostrar documentalmente que Cristovo Colón era natural de Galicia.[5]

Descendencia con Tareixa de Távora:

  1. O porquerón era o ministro de xustiza que prendía os delincuentes e os levaba agarrados á cadea.
  2. "Pedro Madruga y Colón: ¿la misma persona?", artigo en Faro de Vigo, 15 de outubro de 2009 (en castelán).
  3. Hasta en la Corte de Castilla le llaman Pedro Colón!
  4. López, Roberto J. (2012). ""Así pasan las glorias de este mundo": Baiona, villa y puerto del Descubrimiento en la Época Moderna". En David González Cruz (coord.). Descubridores de América. Colón, los marinos y los puertos. Madrid: Sílex Ediciones. pp. 269–293. ISBN 978-8-4773-7739-9. 
  5. "Conferencia CRISTÓBAL COLÓN GALEGO (A Teoría de Celso García de la Riega(1898), a estudo e actualización), polo seu biógrafo e bisneto, D. Guillermo García de la Riega Bellver" (en castelán). Consultado o 2021-05-12. 
  6. "Páxina de xenealoxía, comprobando fillos de Tareixa de Távora con Pedro Álvarez". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 17 de maio de 2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]