Osmerus eperlanus
Osmerus eperlanus Eperlán europeo | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Osmerus eperlanus (Linnaeus, 1758) |
Osmerus eperlanus é unha especie de peixe teleósteo da orde dos osmeriformes pertencente ao xénero Osmerus,[1][2] que vive nas costas do Atlántico oriental, desde o mar Báltico até a Bretaña francesa, podendo chegar ás veces até o golfo de Biscaia, e no norte de Rusia, nos mares Branco e de Barents, xa no océano Ártico.
Pode vivir tanto no mar como nas augas doces o nas salobres (algúns individuos son anádromos.[3]
Coñécese en galego como eperlán europeo.[4]
O nome eperlán,[4] provén do francés éperlan, e este do franco *spirling, do que derivan tamén os seus nomes en alemán (Spierling) e en neerlandés (spirling).[5]
O epíteto europeo sinala a súa distribución xeográfica, xa que a outra especie recoñecida do xénero, Osmerus mordax, e outra posíbel, só recoñecida por algúns autores, Osmerus spectum, son de distribución norteamericana.
Características
[editar | editar a fonte]As súas principais características morfolóxicas son:[3][6][7]
- Corpo esvelto, de coloración xeral prateada, co dorso verdello, e cunha banda estreita máis prateada e brillante nos flancos; a rexión ventral é de cor branca cremosa.
- Ten unha lonxitude duns 35 cm, nos exemplares que viven no mar; os dulciacuícolas raramente pasan dos 20 cm. A lonxitude máxima rexistrada foi de 45 cm.[8]
- Escamas basatante grandes, en número dunhas 75 a 80, caducas, situadas nunha fileira lonxitudinal.
- Cabeza cunha boca na que o extremo do maxilar inferior (algo máis longo que o superior) supera a perpendiucular do centro do ollo.
- O fociño acaba en punta. A boca presenta dentes en ambos os maxilares, sendo máis grandes no inferior, que no superior. Tamén ten dentes, máis fortes, longos e afiados, na lingua e no vómer.
- A liña lateral é incompleta, e tan só chega até o nivel da aleta dorsal (abarca só de 30 a 36 das escamas).
- As aletas pectorais están sustentadas por de 10 a 14 raios brandos. A dorsal, por de 9 a 12 raios tamén brandos, e a anal, por de 12 a 16 raios, así mesmo brandos. A aleta adiposa é alta e estreita.
- A columna vertebral está formada por de 55 a 62 vértebras.
- O corpo do animal desprende un cheiro quye recorda ao do cogombro, (A este cheiro alude o seu nome xenérico, Osmerus, que deriva do grego antigo ὀσμή osmḗ, "olor", "cheiro", "fragrancia".[9][10]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]O eperlán europeo é un peixe que vive no mar, en augas doces e salobres; peláxico-nerítico, e anádromo,[7] a profundidades duns 50 m,[8] en augas temperadas, preferibelmente duns 10 °C de temperatura.[11]
Distribúese polo norte do océano Atlántico oriental (e o sur do océano Ártico), entre os 70 °N e os 43°N, e entre os 9 °W e os 55 °E.[7] Esténdese desde as costas do mar Branco e do Báltico cara ao sur, polas das illas Británicas, o sur do mar do Norte e o oeste de Francia,[8] sendo o esteiro da Xironda o límite sur da súa área de dispersión.[12]
Os espécimes que viven no mar fano preto da costa, en grandes cardumes migratorios, pero tamén hai numerosas poboacións illadas nos lagos de auga doce das zonas costeiras do norte, reliquias da última glaciación.[3] A subespecie Osmerus eperlanus eperlanus, rexistrada nas zonas próximas aos mares Branco e de Barents, e cara ao oeste, a través das do mar Báltico até Dinamarca, é principalmente lacustre. Mentres que a subespecie Osmerus eperlanus schonfoldi é simpátrica coa anterior en partes da costa de Polonia e Dinamarca no mar Báltico, é principalmente anádroma.[8]
Nutrición
[editar | editar a fonte]O eperlán europeo aliméntase de copépodos e outros crustáceos e pequenos animais planctónicos, e os exemplares máis grandes tamén poden comer peixes pequenos.[3]
Reprodución
[editar | editar a fonte]As poboacións que viven en augas salobres alcanzan a maduez sexual entre os 3 e os 4 anos, cando miden de 15 a 18 cm, e as dulciacuícolas aos 1-2 anos, cando miden entre os 8 e os 10 cm.[3][7]
As formas migratorias penetran nos ríos para a desova, que transcorre entre os meses de febreiro a maio, dependendo da tempetratura da auga, e se produce en fondos areosos ou de grava.[3][7]
As femias poden producir entre 8 000 e 50 000 oivos, que son de cor amarela e duns 0,6 a 0,9 mm de diámetro. Os ovos quedan adheridos ao fondo, e eclosionan tras 3 ou 5 semanas.[3]
As larvas desprázanse polos ríos cara a abaixo, até chegaren aos estuarios, onde completan o seu desenvolvemento.[7]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]Esta especie foi descrita en 1758 polo naturalista sueco Carl von Linné, na 10ª edición do seu Systema Naturae, baixo o nome de Salmo eperlanus.[1]
Posteriormente foi reclasificada dentro do xénero Osmerus (que tamén creou Linneo en 1758). Cómpre sinalar que os osméridos son moi semellantes, en forma e hábitos, aos salmoniformes, e que durante moito tempo estiveron integrados naquela orde (a aínda hoxe algúns autores sitúanos alí).
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[1]
- Eperlanus schonfieldii Kljukanov & McAllister, 1973
- Eperlanus schonfoldii Rutty, 1772
- Eperlanus vulgaris Valenciennes, 1842-56
- Osmerus eperlanus eperlanus (Linnaeus, 1758)
- Osmerus eperlanus eperlanus natio ladogensis Berg, 1932
- Osmerus eperlanus schonfoldi McAllister, 1984
- Osmerus eperlanus spirinchus (Pallas, 1814)
- Salmo (Osmerus) eperlanus (Linnaeus, 1758)
- Salmo eperlanomarinus Bloch, 1782
- Salmo eperlanus Linnaeus, 1758 (basónimo)
- Salmo spirinchus Pallas, 1814
Usos
[editar | editar a fonte]O eperlán europeo é unha especie obxecto de pesca para o consumo humano. Captúrase principalmente en Rusia e no Báltico, onde adoita consumirse afumado.[3]
Aspectos pesqueiros
[editar | editar a fonte]Durante a desova os eperláns poden ser facilmente apañados con redes. Fóra da temporada de desova, no outono, moitos eperláns se encontran nos portos da costa do mar Báltico, onde poden ser capturados con carnadas adecuadas.[Cómpre referencia]
En épocas anteriores podían ser capturados en grandes cantidades nos ríos, mediante cestos en lugar de redes. En tempos modernos chegaron a ter unha case nula importancia real porque só podían collerse en ríos contaminados e en cantidades moi pequenas, polo que os eperláns non tiñan gran demanda.[Cómpre referencia]
Pero hoxe en día, dado que mellorou a calidade da auga dos ríos, a súa importancia volve a ser cada vez máis grande, e hai moitos bares e restaurantes levados polos mesmos pescadores.[Cómpre referencia]
Aspectos culinarios
[editar | editar a fonte]Aínda que o eperlán europeo é un peixe moi pequeno, é moi apreciado como alimento. Se lle tira a cabeza, pero a cola e as espiñas non, porque son moi suaves. Xeralmente cómese coa man, e xeralmente frito. No norte de Alemaña é moi popular o seu consumo, tradicionalmente rebozados en fariña de centeo e logo fritidos con manteiga acompañada de touciño.[Cómpre referencia]
En Hamburgo hai un distrito denominado Stintfang (olor a eperlán), que indica isto, e en Luneburgo (na Baixa Saxonia) hai unha rúa cunha restra de bares e restaurantes onde se consome este peixe, a Stintmarkt. Pódense servir acompañados con patacas asadas, ensalada, ou salsa de Apfelmus ou mazá.[Cómpre referencia]
Na cidade rusa de San Petersburgo o eperlán está considerado como un manxar especial, famoso polo seu olor a "cogombro". De marzo a abril ábrese a temporada cunh manchea de vendedores ambulantes ofrecendo a mercancía fresca; o olor a cogombro permite aos clientes encontralos facilmente. Nalgúns restaurantes, e en moitas casas, preparan eperláns para a cena; os peixes rebózanse con fariña triga e fríense suavemente. Os eperláns tamén se consomen afumados e en escabeche, como os arenques.[Cómpre referencia]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualificou, desde o ano 2008, o status desta especie como LC (pouco preocupante), cualificación que mantén a día de hoxe, debido a que ten unha ampla distribución e non se coñecen ameazas xeneralizadas importantes. Porén, localmente etá ameazada pola contaminación e polas barreiras quje impiden a súa migración.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Osmerus eperlanus (Linnaeus, 1758) no WoRMS,
- ↑ Osmerus eperlanus (Linnaeus, 1758) no ITIS.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Muust, Bent J. (1998), pp. 96-97).
- ↑ 4,0 4,1 Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 59.
- ↑ eperlano no DRAE.
- ↑ Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982), pp. 125-126.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Osmerus eperlanus (Linnaeus, 1758) en FishBase.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 McAllister, D. E. (1984): "Osmeridae", pp. 399-402 en P. J. P. Whitehead, M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen & E. Tortonese (eds.) Fishes of the north-eastern Atlantic and the Mediterranean. Vol. 1. Paris: UNESCO.
- ↑ Woodhouse, S. C. (1910): English-Greek Dictionary - A Vocabulary of the Attic Language. George Routledge & Sons Ltd., Broadway House, Ludgate Hill, E. C. Searchable JPEG fulltext
- ↑ Glare, P. G. W. ed. (1968–1982): Oxford Latin Dictionary (1st ed.). Oxford (UK): Oxford University Press. ISBN 0-19-864224-5.
- ↑ Cheung, W. L., R. Watson & D. Pauly (2013): "Signature of ocean warming in global fisheries catch". Nature 497: 365-368.
- ↑ Rochard, E. & P. Elie (1994): "La macrofaune aquatique de l'estuaire de la Gironde. Contribution au livre blanc de l'Agence de l'Eau Adour Garonne", pp. 1-56. En J.-L. Mauvais & J.-F. Guillaud (eds.) État des connaissances sur l'estuaire de la Gironde. Agence de l'Eau Adour-Garonne. Bordeaux, France: Éditions Bergeret.
- ↑ Freyhof, J. (2011): Osmerus eperlanus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2016.3. Consultrada o 6-01-2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Osmerus eperlanus |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Osmerus eperlanus |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0685-6.
- Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
- Eschmeyer, W. N.; R. Fricke & R. van der Laan, eds. (2016): Catalog of Fishes: Genera, Species, References. (Ver en liña).
- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World (4th ed.). Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-4712-5031-7.
- Van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N.; Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. (Eds.) European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50. ISBN 2-85653-538-0, pp. 357–374.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Osmerus eperlanus (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
- Osmerus eperlanus (Linnaeus, 1758) no ITIS.
- Osmerus eperlanus na ADW.
- Osmerus eperlanus Arquivado 07 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine. na EOL.
- Europäischer Stint. Osmerus eperlanus en PisciPage (en alemán).