Kartini
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de abril de 1879 Jepara, Indonesia (pt) |
Morte | 17 de setembro de 1904 (25 anos) Rembang, Indonesia |
Causa da morte | trastorno puerperal |
Grupo étnico | Xavanés |
Relixión | Islam |
Altura | 160 cm |
Actividade | |
Ocupación | activista polos dereitos das mulleres, artista téxtil |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Fillos | Soesalit Djojoadhiningrat |
Pais | Raden Mas Adipati Ario Sosroningrat e Mas Ayu Ngasirah |
Premios | |
Descrito pola fonte | 1001 Vrouwen uit de Nederlandse geschiedenis (en) , (sec:840) 1001 vrouwen in de 20ste eeuw (en) Asian Women Artists: A Biographical Dictionary, 2700 BCE to Today (en) |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2016.) |
Raden Ayu[1] Kartini, nada en Jepara o 21 de abril de 1879 e finada en Rembang o 17 de setembro de 1904, tamén coñecida como Raden Ajeng Kartini, foi unha nobre xavanesa considerada heroína nacional indonesia polo seu labor pioneiro no campo dos dereitos da muller.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Kartini naceu nunha familia de priyayi -unha especie de nobreza formada por funcionarios- nas Indias Orientais Neerlandesas. O seu pai, Raden Mas Aria Adipati Sosroningrat, era bupati (gobernador) de Jepara e a súa nai, Ngasirah, era a súa primeira esposa pero non a dona principal. As leis coloniais da época establecían que un gobernador tiña que casar cunha nobre e como a nai de Kartini non era o suficientemente nobre[2] e a poligamia era habitual na nobreza, Sosroningrat casou con Raden Ajeng Woerjan, descendente directa do raxá de Madura.
Kartini era o quinto fillo e a filla máis vella, incluíndo os medios irmáns. A súa era unha familia cunha importante tradición dentro do alto funcionariado colonial: o seu avó, Pangeran Ario Tjondronegoro IV, fora gobernador aos vinte e cinco anos, e intelectual, o irmán máis vello de Kartini, era lingüista. Kartini puido ir á escola ata os doce anos, alí aprendeu a falar e escribir neerlandés, algo infrecuente nas mulleres xavanesas na época[3]. Pero tras cumprir os doce anos, como era habitual na nobreza xavanesa, quedou recluída na casa para se preparar para o matrimonio, pero a diferenza doutras familias o seu pai permitiulle tomar leccións de bordado e aparecer en público con ocasión dalgúns acontecementos especiais. Durante a súa reclusión continuou a se instruír por medio de lecturas e fixo amigos por correspondencia nos Países Baixos, salientando a amizade que mantivo con Rosa Abendanon; os libros, xornais e revistas europeos fixeron que se interesase polo feminismo europeo e polas condicións das mulleres do seu país. Entre as lecturas desa época está o xornal De Locomotief de Semarang, así como leestrommel, un paquete con revistas neerlandesas que as librerías enviaban a subscritores, o que incluía revistas culturais, cienfíticas e a revista feminina De Hollandsche Lelie, á que enviou colaboracións que lle publicaron. Antes dos vinte anos xa lera Max Havelaar e Geloofsbelydenis de Multatuli, mais tamén De Stille Kracht de Louis Couperus, as obras de Frederik van Eeden, Augusta de Witt, a autora romántico-feminista Goekoop de-Jong Van Eek ou a novela antibélica de Berta von Suttner, Die Waffen Nieder!.
Os pais de Kartini arranxaron o seu matrimonio, contra a súa vontade, con Joyodiningrat, gobernador de Rembang, quen xa tiña tres mulleres, casou o 12 de novembro de 1903. O seu home permitiulle abrir unha escola para mulleres no pórtico oriental da súa residencia. O 13 de setembro de 1904 deu a luz ao seu fillo morrendo poucos días despois, o 17 de setembro.
Herdanza
[editar | editar a fonte]Inspirándose no exemplo de Kartini, o político neerlandés Conrad Theodor van Deventer estableceu en 1913[4] a Fundación Kartini para a construción de escolas para mulleres ( as Kartinischolen). Con motivo do cincuenta aniversario da súa morte celebrouse un recoñecemento nalgunha das escolas da fundación [5] e o creador do himno nacional Wage Rudolf Supratman escribiu unha canción dedicada a ela[6] que se espallou entre o movemento nacionalista. Ao longo da década de 1930 celebrábase o día de Kartini en varias cidades do centro de Xava organizado por asociacións de mulleres, a sección feminina xavanesa da organización xuvenil nacionalista Indonesia Moeda [7] comezando a se espallar a celebración por outras partes das Indias Neerlandesas[8] e tirando algunhas publicacións nacionalistas edicións especiais dedicadas a Kartini[9]. Coa independencia instituíuse oficialmente o Día de Kartini o 21 de abril [10]. En 1964 o presidente Sukarno incluíuna no panteón de heroes nacionais.
Obra epistolar
[editar | editar a fonte]Despois da morte de Kartini, Jacques Henrij Abendanon, antigo ministro de cultura das Indias Neerlandesas recolleu e publicou as cartas que ela intercambiaba cos seus amigos en Europa, o libro publicouse como Door Duisternis tot Licht en 1912 nos Países Baixos e nos anos sucesivos viu cinco edicións, engadíndose na última máis cartas. O libro escrito por unha muller nativa atraeu grande interese nos Países Baixos e axudou a cambiar o xeito en que os neerlandeses vían as mulleres xavanesas e tamén inspirou á intelligentsia indonesia e ao movemento polos dereitos da muller. En 1920 traduciuse ao inglés como Letters of a Javanese princess e en 1922 ao malaio, lingua franca das Indias Orientais Neerlandesas, como Habis gelap terbitlah terang. Á lingua materna de Kartini, o xavanés, traduciuse en 1938 [11] co título de Mboekak Pepeteng.
Pensamento
[editar | editar a fonte]Condición da muller
[editar | editar a fonte]Nas súas cartas, Kartini escribiu particularmente das condicións sociais da súa época e en especial das da muller xavanesa. Rebélase contra a tendencia que tiña a cultura tradicional xavanesa para pórlle pexas ao desenvolvemento da muller; pola contra, ela quería que tivesen liberdade para aprenderen e estudaren. Kartini escribiu das súas ideas e ambicións que incluían segundo as súas propias palabras o Zelf-ontwikkeling, Zelf-onderricht, Zelf-vertrouwen, Zelf-werkzaamheid e Solidariteit, traducido como autodesenvolvemento, autoaprendizaxe, autoconfianza, autosuficiencia e solidariedade, ideas todas baseadas no lema Religieusiteit, Wijsheid en Schoonheid, isto é relixiosidade, sabedoría e beleza, aos que habería que engadir o humanitarismo e o nacionalismo.
As súas cartas tamén expresaban as súas esperanzas no apoio do exterior e na correspondencia con Estell "Stella" Zeehandelaar expresaba o seu desexo de ser como unha moza europea, describindo os padecementos das mulleres xavanesas baixo o peso da tradición, sen poderen estudar, reclusas, obrigadas a prepararse para parcipipar en matrimonios polígamos cun home que non coñecen.
Relixión
[editar | editar a fonte]Aínda que muller piadosa non oculta as súas críticas á relixiosidade tradicional, non entende a razón pola que o Corán había ser memorizado e recitado sen a obriga de comprendelo; cría que a relixión non debía suscitar problemas, desacordos e ofensas, escribindo que "a relixión debía protexer contra o pecado mais con moita frecuencia os pecados cometíanse no nome da relixión" e que esta non debía servir aos homes para perpetuar a poligamia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Raden Ayu era un título levado como dona dun priyayi, unha clase de nobreza de toga xavanesa
- ↑ ""Interview with Kathryn Robinson: Secularization of Family Law in Indonesia" Harvard Asia Quarterly". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 28 de setembro de 2007.
- ↑ Anos despois, en 1930 calculábanse en 34 000 as mulleres xavanesas que podían escribir en neerlandés Elsbeth, Locher-Scholten (2000) Women and the Colonial State: Essays on Gender and Modernity in the Netherlands Indies, 1900-1942 Amsterdam University Press, p.19
- ↑ Huygens ING - Den Haag. Bronvermelding: F.G.P.Jaquet, 'Deventer, Conrad Theodor van (1857-1915)', in Biografisch Woordenboek van Nederland. URL:, 12 de novembro de 2013
- ↑ C. Frans, 'Peringatan hari maulid jang kelima poeloeh dan hari wafat jang kedoea poeloeh lima dari almarhoem R.A. Kartini, pendekar associatie-politiek' Oedaya, 76 (1929): 140–45.
- ↑ [ http://www.jakarta.go.id/web/encyclopedia/detail/3528/Wage-Rudolf-Supratman Arquivado 21 de abril de 2014 en Wayback Machine. Wage Rudolf Supratman en Ensiklopedi Jakarta]
- ↑ "Kartini Herdenking: bijeenkomst in den sobo–Kartti Schouwburg" De Locomotief, 22 de abril de 1937
- ↑ Armijn Pane "R.A. Kartini: dipandang dari djoeroesan kesoesasteraan", Keoetamaan Isteri, abril de 1939, pp. 9–10.
- ↑ Mahy, Petra "Being Kartini: Ceremony and Print Media in the Commemoration of Indonesia's First Feminist" Intersections: Gender and Sexuality in Asia and the Pacific 28, marzo de 2012
- ↑ "Hari Kartini dizaman Indonesia Merdeka" Kedaulatan Rakjat, 22 de abril de 1946, p. 1
- ↑ Soebadio, Haryati e Soebadio, Noto (1990) Kartini: pribadi mandiri Gramedia Pustaka Utama, p.IX