Francisco Leiro
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (gl) Francisco Leiro Lois 1957 (66/67 anos) Cambados, España |
Educación | Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo Real Academia de Belas Artes de San Fernando |
Actividade | |
Ocupación | pintor, escultor |
Membro de | |
Participou en | |
1984 | ARCO |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Irmáns | Adela Leiro |
Premios | |
Francisco Leiro Lois, tamén coñecido como Paco Leiro, nado en Cambados en 1957, é un pintor e escultor galego, residente en Nova York desde 1988. É académico de número pola sección de escultura da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]De familia de artesáns, iniciouse no oficio da man do seu avó, canteiro, e do seu pai, ebanista.
“ | Son escultor por unha cousa da infancia. Fixen unha viaxe a Santiago co meu avó -a primeira vez que subín a un tren- e cando chegamos me plantou diante do Pórtico da Gloria e logo levoume a visitar o Panteón de Galegos Ilustres, e faloume dun tal Asorey, un escultor de Cambados que estaba enterrado alí | ” |
— Faro de Vigo. 8/7/1997 |
Formouse na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, onde remata en 1974, e trasládase anos despois a Madrid para estudar na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando.
Expuxo por vez primeira na súa vila natal en 1975, con outras exposicións individuais e colectivas en Cádiz, A Coruña, Lugo e Estoril durante os anos seguintes, ata que en 1982 expón no Club Internacional de Prensa de Madrid (aínda que xa expuxera en Madrid en 1976, nunha mostra colectiva na sala Toisón e outras varias). Nese mesmo ano de 1982 tamén expuxo en Lugo e Santiago. Desde 1983 colabora no grupo Atlántica nas Bienais de arte de Pontevedra (da Deputación de Pontevedra), xunto a Antón Patiño, Menchu Lamas ou Antón Lamazares, e tamén presenta a súa obra en Santiago na exposición Encontros no Espacio, na praza da Quintana.
O recoñecemento internacional xorde en 1984, cando expón na feira ARCO, en Madrid, formando parte da galería Marlborough, recoñecida mundialmente dentro da arte contemporánea. Todo o anterior explica que Leiro estea considerado como un dos escultores españois máis punteiros. A Fundación Abanca cualifícao como "sen dúbida, a figura de maior proxección internacional no panorama da arte galega actual".[1]
Aínda que nunca abandona o granito, o seu material preferido foi sempre a madeira, adoito policromada; tamén traballou sobre mármore, formigón, ferro ou aceiro. Nos anos noventa céntrase na figura humana, empregando sobre a madeira diversos materiais sintéticos, que abandona a finais da década para regresar á figura humana tallada directamente na madeira.
A súa principal é a escultura, pero tamén practica, esporadicamente, o debuxo e a pintura. O mesmo Leiro recoñeceu en 2016 que só fixera dúas mostras de debuxo na súa vida, unha no Porto (1986) e outra en Madrid.[2]
Obra
[editar | editar a fonte]A súa obra aparece en lugares públicos en numerosas cidades de Galicia, do resto de España e do mundo:
- Pontevedra: Saavedra (na illa das Esculturas); Mis sofás (1988).
- Vilagarcía de Arousa: escultura no instituto de Ensino Medio de Carril.
- Cambados: Baco.
- Sanxenxo: O Atlante (no Porto Deportivo Xoán Carlos I).
- Vigo: Tempestad (estación de Renfe, 1988); O Sereo (1991); Bañistas do Areal (no peirao deportivo e na praza da Estrela, 1997).
- Ferrol: Balboas III (1989).
- Santiago de Compostela: Deitado (1989, nas dependencias da Xunta de Galicia); Homenaxe a Castelao (na Alameda, 1997).
- A Coruña: portas da Torre de Hércules (1992); Acarrexador (2011, Marineda City[3])
- Santander: Coloso.
- Valdemoro: Astronauta (2001); Simeón sentado (2007).
En Vigo, a obra máis coñecida é O home peixe, coñecida popularmente como O Sereo, construída en aceiro inoxidable sobre dúas altas columnas de granito puído, verdes e negras, na Porta do Sol.
Así mesmo, forma parte das coleccións de numerosos museos e entidades. Así, no Museo da Catedral de Santiago exponse a porta que Leiro esculpiu para a Porta Santa en 1993. Outra obra sinalada é a serie Colectoras (2003), formada por catro esculturas en madeira que representan a outras tantas mulleres voluntarias que recollen chapapote tras o desastre do Prestige, e propiedade da colección Abanca.[4]
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]Recibiu numerosos premios e recoñecementos ó longo da súa traxectoria:
- En 1984 gañou o Premio da Crítica de Ciencias e Artes da Representación.
- En 1988, o Premio Penagos da Fundación Mapfre.[5]
- En 1989, o premio da Primeira Mostra Unión Fenosa, na Coruña.
- En 1998, a Medalla ás Belas Artes da CEOE.[6]
- No 2000, a Medalla Castelao.
- En 2003, o Premio das Artes e da Ciencia na II Edición Galegos do Mundo.
- En 2008, o Premio Nacional de Artes visuais, un dos Premios Nacionais da Cultura Galega.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]É irmán da mestra Adela Leiro.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Escultura en Pontevedra.
-
Unha das dúas esculturas de nadadores, en Vigo.
-
A outra escultura do nadador, en Vigo.
-
Escultura dun guerreiro, en Ferrol.
-
Escultura do Atlante en Sanxenxo.
-
"Portas", na Torre de Hércules da Coruña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Programa da exposición Os traballos e os días, 2016.
- ↑ Cedrón, María (4/9/2016). "Francisco Leiro: 'Son un home de lapis na orella'". La Voz de Galicia.
- ↑ Una escultura de Leiro, a las puertas de Marineda
- ↑ "Colección de Arte Abanca". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2017. Consultado o 17 de xaneiro de 2021.
- ↑ "7 escultores con el Premio Penagos." Biblioteca Artium (en castelán).
- ↑ "Francisco Leiro". El Correo Gallego. 10/2/2007. Arquivado dende o orixinal o 21/04/2017. Consultado o 20/04/2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Leiro |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cameron, Dan: Leiro. Deputación de Pontevedra, 1991.
- Pablos, Francisco: Mitos y Leyendas de Galicia. Vigo, 1994.
- Pablos, Francisco: entrevista ó autor. Faro de Vigo, 20/4/1999.
- Ruiz de Samaniego, Alberto. "Leiro: la pasión del monstruo" en ABC Cultural, 8/5/1999.
- O rostro do tempo. Vigo, Concello, 1991.
- Roma Compostela. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1989.
- Catálogo de la exposición de Stedelij Museum Amsterdam, 1986.
- "Leiro Lois, Francisco". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- "Francisco Leiro", Suplemento Galicia de La Voz de Galicia 18/6/1988.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Francisco Leiro na Colección Afundación.
- Os personaxes de Leiro poboan a Casa Grande do Pozo do Cabido (YouTube, 3:43)
- Ficha de Paco Leiro na Galería MarlboroughArquivado 21 de abril de 2017 en Wayback Machine. (en castelán).