Saltar ao contido

Esporopolenina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe de grans de pole.

A esporopolenina é un politerpeno impermeable resistente aos axentes químicos que se atopa na parede das esporas e a exina do gran de pole. É de feito o compoñente maioritario das mesmas.

Características

[editar | editar a fonte]

A súa estabilidade química é moi elevada polo que se conserva ben nos substratos e sedimentos onde poidan depositarse os grans de pole. A capa exterior de exina ten frecuentemente ligados patróns de deseño (ver imaxe á dereita), o que deixa empregar o material recuperado de sedimentos recentes ou antigos para o seu estudo palinolóxico sobre as poboacións de plantas e fungos no pasado.

A composición química da esporopolenina non se coñece con exactitude, debido á súa infrecuente estabilidade química e resistencia á degradación por enzimas e por axentes químicos fortes. As análises químicas revelan a existencia dunha mestura de biopolímeros, contendo principalmente cadeas longas de ácidos graxos, fenil-propanoides, fenois e trazas de carotenoides. Experimentos con marcadores revelaron á fenilalanina como o seu principal precursor pero ten carbón molecular proveniente doutras fontes. Pode dicirse que a esporolenina deriva de diversos precursores que que están vencellados quimicamente para formar unha estrutura ríxida.

Análise de microscopía electrónica revelan que as células superficiais que rodean o gran de pole en formación nas anteras teñen un sistema secretor altamente activo que contén vesículas lipófilas. Crese que estas vesículas conteñen os precursores da esporopolenina. Algúns inhibidores químicos do desenvolvemento dos grans de pole así como mutáxenenos que afectan á esterilidade do pole ten efectos probados sobre a secreción destas vesículas nas células.