Escudo de Finlandia
O escudo de Finlandia amosa un león coroado de pé sobre un fondo de goles (vermello). O león alza unha espada coa súa enluvada man dereita e está a pisar un sabre curvado. O león, a coroa, e a asa da espada e do sabre son de ouro, do mesmo xeito que a ensambladura da luva. As follas das armas e a luva son prateadas. O fondo está adornado con nove rosas prateadas.
Cando o rei Gustavo I de Suecia, morto en 1560 outorgou ao seu fillo Xoán o título de Duque de Finlandia en 1556, o territorio recibiu un escudo de armas propio que foi probablemente aprobado polo rei en 1557; aínda que polo que se sabe, o duque nunca o utilizou. Ademais dos emblemas nacionais, este escudo de armas incluíu outros dous símbolos que se refiren ao norte e ao sur de Finlandia, as áreas que hoxe son Satakunta e Varsinais Suomi (Finlandia xenuína). Estes dous símbolos serían máis tarde conservados nos escudos de armas de ambas as provincias.
Tras a súa ascensión ao trono sueco, o rei Xoán III adoptou en 1581 o título de "Gran Duque de Finlandia e Carelia". Foi probablemente nesta época ou un pouco máis tarde, cando Finlandia recibiu un segundo escudo de armas, o cal é un pouco parecido ao actual. Pénsase que este foi modelado sobre un escudo esculpido para a lápida do Rei Gustavo I na catedral de Uppsala, completada en 1591. Este monumento foi deseñado durante o reinado do irmán máis vello de Xoán, Erik XVI, quen foi rei de 1560 a 1568, mais só se completou 30 anos máis tarde durante o reinado de Xoán. O escudo foi probablemente deseñado polo artista do duque Willem Aboien, quen serviu baixo o reinado de Gustavo I e Erik XVI.
Non hai modo de saber se o segundo escudo de armas de Finlandia foi puramente produto da imaxinación de Willem Aboien, ou si respondeu os desexos de Erik XVI ou a algunha outra descoñecida tradición histórica. Sábese, no entanto, que Erik XVI estaba interesado na heráldica. Este tema foi obxecto de importante debate académico entre estudosos e laicos. En todo caso, o consenso xeral foi que o símbolo do león derívase do brasón da familia Folkung, o cal está incluído entre os brasóns reais de Suecia. As dúas espadas foron tomadas do escudo de armas de Carelia, o cal foi exhibido por primeira vez publicamente en 1560 nunha bandeira no funeral polo Rei Gustavo I de Suecia.
A colocación do sabre curvado ruso baixo as patas do león é indubidablemente un reflexo da situación política da época. Suecia e Rusia estaban case constantemente en guerra e os suecos fixeron uso deste instrumento de propaganda para significar que eles tiñan o pé posto sobre os seus inimigos. As nove rosas son decorativas, aínda que erroneamente interpretáronse como referíndose ao nove provincias históricas de Finlandia. Merece a pena sinalar que o número de rosas variou ao longo dos séculos.
Cando en 1917 Finlandia conseguiu a súa independencia, "as armas do león" convertéronse no escudo de armas da nova nación. Antes desta, servira como símbolo común para todo o territorio sueco ao leste do golfo de Botnia, e de 1809 a 1917, como escudo de armas do Gran Ducado de Finlandia, período no que o país estaba baixo goberno ruso. O escudo de armas finlandés aparece na bandeira oficial do estado, nos selos oficiais, moedas, billetes e selos postais. No coche da presidenta este ocupa o lugar dunha matrícula. Non foi até 1978 que se aprobou unha lexislación oficial sobre o escudo de armas de Finlandia. Esta especifica a descrición oficial e prohibe a venda do escudo de armas nacional, so pena de multa.