Saltar ao contido

Embrión (botánica)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para o embrión dos animais, véxase Embrión.
Embrión de Ginkgo mostrando os seus dous cotiledóns.

En botánica, o embrión (do grego ἔμβρυον émbryon, "acabado de nacer", "feto") é unha plántula (plantiña en miniatura) en estado de vida latente ou durmencia, que se forma xeralmente como consecuencia da fecundación da oosfera. A dupla fecundación das anxiospermas dá lugar ao desenvolvemento do embrión e do endosperma, ou tecido nutricio do embrión durante a xerminación.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

O embrión está formado por:

e, ás veces, por algúns primordios foliares.

Nas pteridófitas o embrión é unipolar: só se establece o polo de crecemento correspondente ao caule, pois as raíces son adventicias. En cambio nas espermatófitas é bipolar: nun polo desenvólvese o caule e, no outro, a raíz.

Nas ximnospermas o embrión presenta xeralmente de dous a varios cotiledóns; dous, no caso de Ginkgo, e de 5 a 18 no caso de Pinus.

Nas dicotiledóneas presenta dous cotiledóns, que poden ter diverso aspecto, foliáceos como nas cabazas ou abóboras (Cucurbita sp) e no rícino; carnosos como no feixón ou no cacahuete; cos extremos retorcidos como no tomate, ou pregados de diversas maneiras, características para cada xénero ou familia.

Nas monocotiledóneas o embrión presenta un só cotiledón, situado en posición lateral, igual que a da plúmula.

Orixe e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O embrión orixínase a partir do cigoto. O conxunto de procesos fisiolóxicos que conducen á transformación dunha soa célula, o cigoto, nun individuo multicelular máis complexo, o embrión contido na semente madura denomínase embrioxénese.

Este proceso require unha fina regulación de multitude de elementos de desenvolvemento que conducen á elaboración de morfoloxías básicas (morfoxénese), o establecemento de estruturas funcionalmente organizadas (organoxénese) e a diferenciación tisular. Ademais, debe xerar as estruturas elementais de crecemento activo nos sistemas modulares que son as plantas, isto é, os meristemas, así como as funcións necesarias para a ulterior supervivencia do embrión, como son a quiescencia e a xerminación.[1]

Como organismo modelo os fisiólogos vexetais empregaron a pequena crucífera Arabidopsis thaliana, cuxa embrioxénese foi profusamente estudada e compartimentalizada en estadios conceptuais:[1]

  1. Estadio de cigoto. Inicial, é o resultado da fusión da oosfera cun dos núcleos xenerativos do gran de pole.
  2. Estadio globular. Estado de oito células xeradas tras a primeira división cigótica asimétrica.
  3. Estadio cordiforme. Estadio onde se diferencian dous lugares de división activa, o que serán os futuros cotiledóns.
  4. Estado torpedo. Debido á elongación celular no eixe lonxitudinal do embrión e por expansión dos cotiledóns.
  5. Estado maduro. Tras a perda de auga e iniciación dun estado quiescente.
  1. 1,0 1,1 Taiz, Lincoln e Eduardo Zeiger (2006): Plant Physiology. 4ª ed. Sunderland, USA: Sinauer Associates, Inc. ISBN 978-0-87893-856-8.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica. 2 vols. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3.
  • Strasburger. E. (1994): Tratado de botánica. 8ª ed. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0979-0

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]