Doutrina social da Igrexa
A doutrina social da Igrexa é o corpus doutrinal do maxisterio da Igrexa Católica, que reflicte a súa postura moral sobre a sociedade, a política e a economía. Toca temas tales como paz, desenvolvemento, familia, traballo, sindicalismo, dereitos humanos...
Dátase o seu comezo en 1891, coa publicación da encíclica Rerum Novarum de León XIII, que avogou polo distributismo e condenou tanto o capitalismo como o socialismo, aínda que as súas raíces poden verse nos traballos de filósofos católicos como Agostiño de Hipona ou Tomé de Aquino, e derívase tamén das ideas presentes na Biblia. Segundo o papa Bieito XVI, o propósito da doutrina social da Igrexa é o de contribuír para a purificación da razón e axudar a coñecer aquilo que é xusto[1]
Historia da doutrina social
[editar | editar a fonte]Os principios da doutrina social católica comezaron a ser recopilados de xeito sistemático a finais do século XIX. Dende entón, varios papas téñenlle engadido contidos e desenvolvido as ensinanza da Igrexa Católica neste ámbito, principalmente mediante cartas encíclicas. Tendo en conta dous parámetros, universalidade da mensaxe e actitude ante a sociedade, pódense establecer catro momentos na historia da doutrina social.
A Igrexa ensina a Europa
[editar | editar a fonte]Esta primeira fase da doutrina social, os documentos se centran na situación europea e, en xeral, occidental
O papa escribe desde a propia consciencia da súa autoridade moral, que lle autoriza a ensinar á sociedade, amosándolle o camiño que debe seguir.
Os comezos
[editar | editar a fonte]A historia da doutrina social comeza co papa León XIII. Durante o seu pontificado, no que fixo un esforzo por poñer ao día a Igrexa e por responder á nova realidade social que se vivía, sinaladamente a Revolución Industrial, promulgou un corpus bastante amplo de documentos sobre temas políticos e sociais. Destes documentos, o máis importante e que maior repercusión tivo na teoloxía e no maxisterio posterior foi a Rerum Novarum. A data da súa publicación, 15 de maio de 1891, considérase a data inaugural da doutrina social.
A encíclica recolle o traballo e reflexión feito polos chamados "católicos sociais", elites católicas que desde xa había anos centraran a súa mirada sobre a situación da Igrexa no mundo e sobre as resposta que esta debe dar ante as novas realidades sociais. E tentaba responder á situación creada pola Revolución Industrial: o nacemento das grandes empresas e da clase obreira, o fenómeno da urbanización... E nela atopamos case tódolos temas típicos da doutrina social: sistemas económicos, dereitos do proletario, salario, sindicatos...
O pontificado do seu sucesor, Pío X supón un tempo de estancamento para o tema que nos ocupa. O papa está máis preocupado por cuestións doutrinais, como a loita contra o modernismo, ou litúrxicas, como algunhas reformas no tocante á Eucaristía, que polas sociais. Incluso algúns destacados "católicos sociais" como Radini Tedeschi son apartados de postos importantes no Vaticano.
O pontificado de Bieito XV coincidiu case por completo coa primeira guerra mundial. O seu pensamento social está centrado case en exclusiva, no tema da paz. Nos seus escritos fai patentes os estragos da guerra e pide coherencia aos gobernantes europeos, que mentres se declaran xefes de nacións cristiás e civilizadas, converten o mundo no que o propio papa definía como hospital e osario.
Pío XI e a terceira vía
[editar | editar a fonte]O pensamento social do seu sucesor, Pío XI, está marcado pola nova situación política e económica. Os anos vinte e trinta do século XX, son os do amencer dos totalitarismos en Europa: nazismo en Alemaña, fascismo en Italia, stalinismo na URSS, franquismo en España como os máis destacados. Por outra banda, o capitalismo primitivo que coñecera León XIII, convertérase xa nun potente entramado de grandes empresas multinacionais.
Pío XI critica os totalitarismos en tres encíclicas: Mit Brennender Sorge (con viva preocupación) contra o nazismo; Non Abbiamo Bisogno contra o fascismo e Divini Redemptoris contra o stalinismo.
O 15 de maio de 1931, Pío XI publica a segunda gran encíclica da doutrina social, Quadragesimo Anno. A crítica tanto ao comunismo como ao capitalismo é feroz. Por exemplo, define a este último sistema como unha economía horrendamente dura, cruel e atroz (QA n.110). En contra destes excesos, o papa propón unha sociedade estruturada no que el chama corporacións, que superaría a loita de clases como método proposto polo comunismo e lograría unha harmonía social e unha unión entre os distintos estamentos sociais que evitaría os abusos do capitalismo.
Os estudosos desta época son case unánimes en afirmar, en contra do que posteriormente será a postura oficial da Igrexa, que esta formulación é simplemente a proposta dun sistema socioeconómico alternativa aos dous grandes que existían nese momento. O que se coñece como unha terceira vía. Dende posturas máis críticas, tamén se apunta que o sistema que propón Pío XI sitúase excesivamente cerca do fascismo de Mussolini[Cómpre referencia].
A transición
[editar | editar a fonte]Xoán XXIII significa a transición. Mantén aínda estilos propios dos seus predecesores, así por exemplo a súa encíclica Mater et Magistra comeza dicindo: nai e mestra dos pobos é a Igrexa; pero a seguinte, Pacem in Terris vai dirixida a tódolos homes de boa vontade. Inicia un achegamento á sociedade, facéndose máis próximo.
Por outra banda, o terceiro mundo entra xa nos textos deste papa, tamén na súa forma de exerce-lo papado, baste dicir que foi o primeiro papa que creou cardeais do terceiro mundo.
Os seus temas principais son o desenvolvemento e o traballo, que tratou na Mater et Magistra ou os dereitos humanos e a paz, que tratou na Pacem in Terris. Xoán XXIII divulgou novos conceptos teolóxicos, ou rescatados dos Pais da Igrexa, como o do destino universal dos bens. Aínda que moitos destes conceptos xa foran incorporados á doutrina social polo seu antecesor Pío XII, que os utilizou nas súas radiomensaxes, o xeito que el preferiu para falar de política, paz, economía etc.
A Igrexa dialoga co mundo
[editar | editar a fonte]A experiencia do Concilio Vaticano II, onde bispos de todo o mundo tiveron ocasión de dialogar e de facer as súas achegas marca a perspectiva futura da doutrina social. Os seguintes documentos son sempre universais, atentos á situación en todo o mundo. A constitución pastoral Gaudium et Spes, do Vaticano II repasa os grandes temas sociais: traballo, paz, familia... E marca o rumbo que seguirán os seguintes documentos.
Na encíclica Populorum Progressio, Paulo VI trata por primeira vez o tema do desenvolvemento, as relacións Norte-Sur e os desafíos que representan o subdesenvolvemento e os conflitos rexionais. Introduce outra novidade importante, no canto de indicar o que os cristiáns deben facer, opta pola invitación á acción ou a chamada á reflexión sobre a propia responsabilidade e sobre o papel que cada persoa debe desempeñar.
Na carta apostólica Octogesima Adveniens, o mesmo papa pon por escrito o que xa era un feito. Utilizando unha división entre ideoloxías (as posturas filosóficas) e o que el chama movementos históricos (a realización concreta da ideoloxía), afirma que un católico pode participar en política en distintos partidos, non só nos de corte democristián "unha mesma fe pode levar a compromisos políticos diferentes" (Octogesima Adveniens nº 50).
Xoán Paulo II
[editar | editar a fonte]A súa primeira encíclica social, Laborem Exercens supón unha novidade no tocante a que é un monográfico sobre o traballo. Considera o traballo humano como medio de realización persoal e social. Preséntase unha proposta de espiritualidade do traballo baseada na idea de que a actividade humana é continuación da obra de Deus creador.
Na encíclica Sollicitudo Rei Socialis, que conmemora a publicación de Populorum Progressio, volta ao tema do desenvolvemento e aporta como novidade fronte a Paulo VI, a necesidade de que os propios países desenvolvidos se fagan protagonistas e responsables do seu propio desenvolvemento.
Centesimus Annus, publicada co gallo dos 100 anos de Rerum Novarum, foi concibida nun principio como un repaso xeral á doutrina social e unha actualización do contido. Os acontecementos de 1989, a caída do Muro de Berlín, obrigou a introducir un novo capítulo adicado á fin do socialismo real.
A estrutura interna da doutrina social da Igrexa
[editar | editar a fonte]A doutrina social da Igrexa estrutúrase en tres niveis: principios e valores permanentes, criterios de xuízo, e orientacións para a acción.
O primeiro achegamento podemos facelo xogando coas variables xeral-concreto e permanente-continxente. Así, os principios e valores son os máis xerais (paz, xustiza, solidariedade...) pero tamén os que se manteñen documento a documento, con poucas variacións no seu contido o que non exclúe que, conforme evoluciona o corpus doutrinal, se poidan ir incorporando novos principios. E, pola contra, as orientacións para a acción, son as máis concretas e, como consecuencia, as que teñen menos alcance e as máis suxeitas a variacións.
Principios e valores permanentes
[editar | editar a fonte]Principios sobre os que se asenta a doutrina social. Pola súa propia natureza, os principios non mudan segundo se vai desenvolvendo a doutrina, o que non implica que se vaian engadindo novos principios.
Os principios poden ser tales como: dignidade humana, sociabilidade do ser humano, subsidiariedade, destino universal dos bens, ben común, solidariedade...
Criterios de xuízo
[editar | editar a fonte]Os principios e valores son grandes palabras que necesitan de concreción para seren aplicados á realidade social ou económica. Neste punto entran en xogo os criterios de xuízo que orienta no camiño para concreta restes grandes valore se principios.
Orientacións para a acción
[editar | editar a fonte]No nivel máis concreto atopamos as orientacións para a acción, que son recomendacións ou normas concretas de aplicación directa. Polas súas propias características son as que máis mudan e incluso durante o pontificado dun mesmo papa, este pode dar orientacións distinta se incluso opostas.
Un exemplo práctico
[editar | editar a fonte]León XIII, na encíclica Rerum Novarum aposta por sindicatos confesionais católicos. Poucos anos despois na encíclica Longinqua, dirixida aos católicos estadounidenses admite a creación de sindicatos non confesionais abertos a traballadores de distintas relixións.
Expresado en termos de principios, criterios e orientacións:
Encíclica | Principios | Criterios de xuízo | Situación social | Orientacións para a acción | |||||||||||||
Rerum Novarum | Dignidade humana e sociabilidade | Necesidade de unión para a defensa dos dereitos dos traballadores | Europa: Sociedades onde os católicos son maioría ou cando menos, un grupo social importante | Creación de sindicatos confesionais católicos | |||||||||||||
Longinqua Oceani | Dignidade humana e sociabilidade | Necesidade de unión para a defensa dos dereitos dos traballadores | EE.UU.: sociedade sonde os católicos son minoría | Participación en sindicatos non confesionais |
Principais documentos pontificios
[editar | editar a fonte]Son moitos o documentos pontificios que tocan dunha forma máis ou menos fonda algúns dos temas propios da doutrina social. Tamén é certo que se segundo se enfoque un tema se pode considerar como parte da doutrina social ou da moral persoal, caso do tema da familia. Por outra banda, os temas de doutrina social aparecen en documentos de moi distinta categoría: desde as grandes encíclicas ata discursos, homilías... Se mantemos un criterio inclusivo en calquera destes dous sensos: tódolos documentos que tocan este tema e de calquera categoría ou importancia, a lista sería ben extensa, polo que nos remitimos ao que tódolos estudosos consideran como documentos fundamentais da doutrina social:
- Encíclica Rerum Novarum (15 de maio de 1891)
- Encíclica Quadragesimo Anno (15 de maio de 1931)
- Encíclica Mater et Magistra (15 de maio de 1961)
- Encíclica Pacem in terris (23 de abril de 1963)
- Constitución pastoral Gaudium et spes (8 de decembro de 1965)
- Encíclica Populorum progressio (1967)
- Carta apostólica Octogesima adveniens (15 de maio de 1971)
- Encíclica Laborem exercens (14 de setembro de 1981)
- Encíclica Sollicitudo rei socialis (1987)
- Encíclica Centesimus annus (1 de maio de 1991)
Algunhas cuestións menores
[editar | editar a fonte]Os títulos dos documentos
[editar | editar a fonte]Os documentos se titulan utilizando as dúas, ou tres, primeiras palabras do texto. Aproveitase a flexibilidade da sintaxe latina para que sexan significativas e reflictan o mellor posible o contido do documento.
Así, por exemplo, unha das últimas modificacións que se lle fixo a constitución pastoral Gaudium et Spes buscaba un acadar un título optimista. Cambiouse a primeira frase que dicía: "Os gozos e tristuras, es esperanzas e angustias dos homes..." por "Os gozos e esperanzas, as tristuras e angustias dos homes...". Gozo e esperanza parecía unha mensaxe inicial máis coherente co que pretendía transmiti-lo documento.
As datas de publicación
[editar | editar a fonte]A Rerum Novarum foi publicada un 15 de maio. Tódolos documentos que publicaron os papas posteriores conmemorando a encíclica (Quadragesimo Anno, Mater et Magistra, Octogesima Adveniens, Laborem Exercens e Centesimus Annus) respectaron a data de publicación.
Todos ata Xoán Paulo II. A Laborem Exercens ía ser publicada o 15 de maio de 1981, pero tivo que pospoñerse ata o 14 de setembro polo atentado que sufriu o papa o 13 de maio na praza San Pedro. No caso da Centesimus Annus decidiuse adiantar a súa publicación ao 1 de maio para facela coincidir coa festa católica de San Xosé Obreiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Deus Caritas est, carta encíclica do Sumo Pontífice Bento XVI, punto 28 (en portugués).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pontificio Consejo Justicia y Paz (Madrid, 2005). Compendio de la doctrina social de la Iglesia. Biblioteca de Autores Cristianos. ISBN 978-84-7914-787-7. Edicións en liña en portugués e castelán
- Camacho, Ildefonso (1991). Doctrina social de la Iglesia (una aproximación histórica). Madrid: Ediciones Paulinas. p. 619. ISBN 84-285-1440-2.
- Sanz de Diego, Rafael (1997). Pensamiento Social Cristiano I. Madrid: Universidad Pontificia de Comillas. p. 549. ISBN 978-84-89708-15-0.
- Manual de Doctrina Social de la Iglesia. Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos. 1993. p. 852. ISBN 978-84-7914-113-4.