Canle (enxeñaría)
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento.
Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
O estudo da utilización das canles desenvolveuse ao longo dos séculos e moitos xenios, como Leonardo da Vinci, dedicaron moita enerxía para a súa mellora. Entre outras, achegaron ideas para o desenvolvemento das canles que circundan Milán, chamados navigli, totalmente artificiais e que conectan a cidade cos ríos Tesino e Adda. A través destes podíase chegar indirectamente por vías fluviais cara ao norte ata o lago Maggiore e cara ao leste, utilizando o río Po ata o mar Adriático. Por medio destas vías fluviais, relativamente pequenas e pouco profundas, facíase o transporte de mercadorías mediante barcazas de fondo case plano e así conseguiuse levar os materiais que se usaron para a construción da cidade.
Entre os exemplos de grandes canles que cambiaron en gran medida a economía de continentes completos están a canle de Suez e a canle de Panamá. Coa apertura destas grandes obras de enxeñaría, os tempos dos transportes intercontinentais reducíronse drasticamente e marcaron un crecemento exponencial do comercio de occidente co Extremo Oriente.
Outro tipo de canles moi característico é o que permite a navegación no interior das cidades. Un exemplo de canles navegables internos son os de Tarento, onde as canles permiten o acceso dos buques de guerra ata o arsenal militar da cidade. Con todo, o mellor exemplo é Venecia; aínda que outras cidades como Ámsterdam posúen varios quilómetros de vías navegables no seu interior, Venecia é o único exemplo no mundo dunha cidade na que o modo de moverse, ademais de a pé, é a través da súa intricada rede de canles.
Historia
[editar | editar a fonte]Posiblemente no comezo da XII dinastía, o faraón Sesostris III (1878 a.C. - 1839 a.C.) construíu unha canle oeste-leste escavada a través o Wadi Tumilat, unindo o río Nilo ao mar Vermello, para o comercio direto con Punt. Algunhas evidencias indican a súa existencia polo menos no século XIII a.C. durante o reinado de Ramsés II.[1][2][3] Máis tarde, entrou en decadencia e segundo conta o historiador grego Heródoto, a canle foi reescavada arredor de 600 a.C. por Necho II, que non chegou a completar o proxecto. A canle foi completada finalmente preto de 500 a.C. polo rei Darío I, conquistador persa de Exipto. Este canal foi reconstruído modernamente, vindo a constituír o canal de Suez.
Na China, o primeiro canal foi o Gran Canal da China, no século VI, mandado construír polo emperador Yang Guang da dinastía Sui, ligando Pequín e Hancheu. Levou seis anos rematalo, unindo todas as canles que se encontraban no seu curso e ligando o río Amarelo ao Haihe, ao Huai, ao Yangzi e ao Qiantangjiang.
En Europa, o Naviglio Grande ligou Milán co mar Adriático, no século XI. En Francia, a canle de Briare abriuse en 1642.[4] En Suecia, a canle de Göta foi aberta ao público en 1832, proxectada polo arquitecto Baltzar von Platen; na súa construción participaron 58 000 soldados.[5]
Na segunda metade do século XVIII, nos Estados Unidos, xurdiron os primeiros planos e proxectos para a construción de canles artificiais a grande escala, unindo ríos navegables coas áreas produtivas e coas principais cidades do nordeste, nun período que se denominou "Febre dos Canais"; construíronse a canle de Erie, a Cayuga-Seneca e a canle de San Lourenzo. En Europa ocorreu algo similar, até a invención dos ferrocarrís en 1825, que substituíron en gran medida a navegación fluvial e que canalizou os recursos de investimento.[4]
A canle de Corinto, que une o golfo de Corinto co mar Exeo, foi unha das primeiras tentativas de canal, realizada no ano 67 por orde do emperador romano Nerón, que ordenou que seis mil escravos escavasen a rexión usando pas. No ano seguinte, Nerón morreu, e o seu sucesor, Galba, abandonou o proxecto, por ser demasiado caro. Foi rematado entre 1881 e 1893.
Xunto coa canle de Suez, outro canal de importancia actual é a canle de Panamá, que comezou a ser construído en 1880 e foi rematado en 1914, con 81 quilómetros de lonxitude e de 12 a 30 metros de profundidade,[6] que corta o istmo de Panamá, conectando os océanos Atlántico e o Pacífico, diminuíndo en gran medida a duración dos percorridos realizados polos navíos pola ruta alternativa que arrodea o cabo de Fornos.
Canles de navegación
[editar | editar a fonte]As canles de navegación poden atoparse nos accesos a diversas instalacións portuarias dentro dun porto ou estuario, así como en zonas onde se cruzan ou encontran zonas de navegación, como na área do cabo de São Vicente, no Algarve (Portugal).[7] Neste último caso a navegación mercante está obrigada a seguir dentro dunha canle que, debido á súa distancia á terra, non ten balizamento, senón que está delimitado por coordenadas xeográficas.
As canles de navegación son aínda máis necesarias nas canles artificiais, onde dado o espazo máis limitado para a manobra das embarcacións, é necesario garantir que a navegación teña lugar forma constante e fluída e resguardada de perigos.
As canles poden ser abertas ou fechadas.
Lista de canles
[editar | editar a fonte]- Canle de Alsacia
- Canle de Corinto
- Canle de Kiel, comunica o mar do Norte co mar Báltico en Alemaña
- Canle de Panamá, comunica o océano Atlántico e o océano Pacífico a traves do istmo de Panamá
- Canle Rin-Main-Danubio
- Canle de San Lourenzo, entre os Grandes Lagos e o océano Atlántico.
- Canle de Suez, comunica o mar Mediterráneo co mar Vermello
- Canle de Castela
- Canle de Isabel II
- Canle Imperial de Aragón
En Galiza
[editar | editar a fonte]- Canle da lagoa de Antela
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Kjeilen, Tore. "Suez Canal". LookLex Encyclopaedia (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2018. Consultado o 22 de maio de 2019.
- ↑ "KAFR HASSAN DAWOOD On-Line". www.e-c-h-o.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2010. Consultado o 22 de maio de 2019.
- ↑ "Consideraciones sobre la Marina y la Guerra durante el Egipto Faraónico". Realidade (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2012. Consultado o 29 de novembro de 2019.
- ↑ 4,0 4,1 "SANTOS, Silvio dos. A importância dos canais artificiais para a navegação.". Portogente (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2011. Consultado o 29 de novembro de 2019.
- ↑ "Kanalen slår bron – än så länge" (en sueco). 24 de maio de 2010. Consultado o 29 de novembro de 2019.
- ↑ "Canle de Panamá" (en portugués). Consultado o 29 de novembro de 2019.
- ↑ Navegação - Náutica de Recreio, Henrique Pereira Coutinho, Xis e Êrre Estúdio Gráfico, Lda, Fevereiro de 2004 (ISBN 972-98711-1-6).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Canle |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- British Waterways, guía oficial británica sobre canals, ríos e lagos, (en inglés).
- Guía Fotográfica da Canle Leeds Liverpool (en inglés).
- Información sobre o Sistema de Canais do Estado de Nova York Arquivado 24 de xullo de 2008 en Wayback Machine. (en inglés).
- "Canais e ríos navegábeis" por James S. Aber, Universidade Estatal de Emporia (en inglés).
- National Canal Museum (Estados Unidos) (en inglés).
- London Canal Museum (Reino Unido) (en inglés).
- Canles in Ámsterdam (en inglés).
- Canal du Midi (en francés).
- Canal des Deux Mers (en francés).
- Medición do caudal dunha canle usando un sensor (en inglés).