Camille Claudel
Camille Claudel, nada en Fère-en-Tardenois (Aisne) o 8 de decembro de 1864 e finada en Montdevergues (Vaucluse) o 19 de outubro de 1943, foi unha escultora francesa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Dende a súa infancia en Champagne, Camille foi unha persoa moi apaixonada pola escultura: xogaba co barro e esculpía as persoas que a rodeaban, como o seu irmán Paul e a súa servente Hélène. Naceu no seo dunha familia acomodada que se trasladou, sendo Camille aínda unha meniña, a Villeneuve-sur-Fère onde naceu o seu irmán, o poeta e diplomático Paul Claudel, en 1868. Aínda que a familia residiu posteriormente noutras localidades, os veráns sempre os pasaron en Villeneuve. En 1881 a familia trasladouse a París. Camille tentou entrar na École des Beaux-Arts, pero non a admitiron por ser muller, polo que alugou un estudio que compartiu con dúas americanas, entre as que estaba Jessie Lipscomb, e onde lles daba clase un profesor da École, ata que en 1883 este marchou a Roma pedíndolle a Auguste Rodin que o substituíse. Tras algunhas vacilacións este aceptou, coa condición de que Camille fose ao seu obradoiro. Alí convértese na súa inspiración, o seu modelo, a súa confidente e a súa amante. O coñecemento da súa relación pola familia levou a que Camille deixase a casa familiar. En 1892 rematou a súa relación amorosa con Rodin, aínda que se seguiron vendo regularmente ata 1898.
Auguste Rodin
[editar | editar a fonte]Ten o seu encontro con Auguste Rodin en 1883, e o ano seguinte empeza a traballar no seu taller. Camille posa para el e colabora na realización das figuras da monumental As Portas do Inferno. A obra da escultora, a pesar de ser moi próxima á do seu mestre, ten o seu temperamento, sen ser nunca unha copia; por iso, Octave Mirbeau proclamou o seu xenio. Ademais de ser unha das súas principais colaboradoras, foi tamén a súa amante e compañeira durante algúns anos; converteuse no seu modelo e a súa musa, inspirando obras como La danaie o Fugit Amor.
Produciuse entre ambos un clima de colaboración e enfrontamento que enriqueceu o labor mutuo. A pesar da paixón, a relación entre Rodin e Camille é complicada, conflitiva e con interrupcións e crises[1].
Frecuentaron xuntos os ambientes artísticos e culturais máis importantes do París da época e pasaron xuntos longos períodos fóra da cidade, pero Rodin está unido sentimentalmente a outra muller, Rose Beuret, á que non ten intención de abandonar para casar con Camille. Esta situación será a inspiración dunha das obras máis importantes de Camille: A Idade Madura[2]. Nesta escultura vemos representada a escena de Camille de xeonllos e suplicante, dirixindo as súas mans cara a Rodin, quen lle dá as costas mentres unha muller medio anxo-medio meiga, que representa a Rose Beuret, lévao.
Unha vez rota a súa relación co escultor, entra na súa vida Claude Debussy, pero tamén el está unido a outra muller. Mentres, as súas obras alcanzan certo éxito e aparecen con frecuencia artigos sobre ela nas revistas de arte. Nesta época de crise emocional, Camille péchase no seu taller e afástase do mundo. En decembro de 1905, Camille realizou a súa última exposición.
A partir de 1905 a saúde mental de Camille comezou a degradarse, desaparecía por longos períodos de tempo, destruíu gran parte da súa obra e tiña crises de paranoia. Acusou a Rodin de roubarlle as súas ideas e de tentar asasinala. Logo da voda do seu irmán, en 1906, viviu practicamente confinada no seu estudio.
Declive
[editar | editar a fonte]A partir de aí, sufriu sucesivas crises nerviosas que agudizarán cada vez máis e comezou a destruír as súas obras. Non tivo apoio familiar, xa que a súa nai e a súa irmá seguían sendo hostís á súa forma de vida e o seu irmán Paul estaba lonxe. O único que apoiaba a Camille era o seu pai, quen se negou reiteradamente a internar a súa filla como lle pedían os seus familiares directos.
O 3 de marzo de 1913 morreu o seu pai. O 10 de marzo a súa nai decidiu internala no sanatorio de Ville-Evrard e en xullo en Montdevergues, manicomio do cal, a pesar da súa recuperación e os seus lúcidos e desgarrados rogos ó seu irmán Paul, nunca saíu. Pechada pasou os derradeiros trinta anos da súa vida. A familia prohibiu que recibise visitas e nunca foron vela. Faleceu en 1943 e foi enterrada nunha tumba sen nome, só cos números 1943 -n392, no pequeno cemiterio da institución mental de Montdevergues. Á morte de Paul Claudel en 1955, ergueuse o veto que existía na familia sobre Camille e os descendentes quixeron dar unha tumba digna a Camille Claudel. Escribiron a Montdevergues solicitando a situación da tumba e a exhumación para o seu traslado. A institución contestou que a tumba desaparecera, xa que a institución necesitara unha serie de ampliacións e se utilizaran os terreos do pequeno cemiterio onde se enterraban os pacientes esquecidos polas súas familias[3].
En 1988 estreouse a película francesa Camille Claudel, dirixida por Bruno Nuytten e con Isabelle Adjani e Gérard Depardieu nos papeis principais de Camille Claudel e Auguste Rodin.
Obra
[editar | editar a fonte]A maior colección de obras de Camille Claudel exponse de xeito permanentente nunha sala, dedicada exclusivamente a ela, no Museo Rodin.
- L'âge mûr (expóñense dúas vesrión: unha en xeso e outra en bronce)
- La petite châtelaine (mármore)
- Pensée (mármore)
- Paul Claudel à trente-sept ans (bronce)
- L'implorante (bronce)
- Clotho (xeso)
- Les causeuses (versión en xeso, versión en ónix e versión en bronce)
- La valse (bronce)
- Buste de Rodin (versión en xeso, versión en bronce)
- Vertumne et pomone (mármore)
- La vague (ónix e bronce)
- Profonde pensée (bronce)
- Profonde pensée (mármore)
- La jeune fille à la gerbe (bronce)
- Sakountala (arxila)
- L'abandon (bronce)
- La niobide blessée (bronce)
- Jeune femme aux yeux clos (arxila ?)
No Museo Albert-André, en Bagnols-sur-Cèze
- L'implorante (bronce)
No Museo Dubois-Boucher de Nogent-sur-Seine (Aube)
- Persée et la Gorgone
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Camille Claudel |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Llamarse Camille Claudel Artigo do escritor Germán Uribe (en castelán)
- "Camille Claudel por Reine-Marie Paris" (en francés).
- Asociación Camille Claudel (en francés).
- Web da curtametraxe 'Camille', sobre Camille Claudel (en catalán) (en inglés) (en francés).
- (en catalán) «La dona artista i el poder : homenatge a Camille Claudel» (son). l'Arxiu de la Paraula. Ateneu Barcelonès, 2014.