Berke
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1209 Burkhan Khaldun, Mongolia (pt) |
Morte | 1267 (57/58 anos) Tbilisi, Xeorxia |
Causa da morte | morto en combate |
Khan (título) | |
Datos persoais | |
Relixión | Islam e Tengrismo |
Actividade | |
Ocupación | Khan (título) |
Familia | |
Familia | Chingissid (en) |
Pai | Jochi |
Irmáns | Huolu Batu Tuka Timur Orda Khan Shiban |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Берке) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopedic Lexicon (en) |
Berke Khan, finado en 1266, foi un líder mongol da dinastía de Jochi, o primoxénito de Xenxis Khan, gobernador do subkhanato da Horda de Ouro e o primeiro príncipe mongol en converterse ao islam e declarar unha guerra aberta contra outra dinastía mongol.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Baixo as ordes do seu irmán, Batu Khan, participou na invasión mongol de Europa, arrasando Rusia, Polonia e Hungría e sometendo aos búlgaros do Volga e os Kipchak. Cando Güyük foi elixido Gran Khan contra a vontade de Batu, os exércitos de Berke tiveron que vixiar a banda Leste dos dominios do seu irmán.
Un derviche chamado Saif ud-Din que ía nunha caravana cara Bukhara, foi interrogado por Berke verbo da súa fe e converteuno nun convencido musulmán. O propio Berke convertería ao seu irmán Turkh-timur
Xunto con Sartaq en 1251, e por encargo de Batu, encabezou o exército que protexeu a Mongke no seu traslado ao centro do Imperio para ser proclamado Gran Khan polo kurultai. O poderío e prestixio das súas tropas e as de Sartaq desprazaron á dinastía de Ögödei e Chagatai do poder mongol. Tras a morte de Sartaq, da que algúns o fan sospeitoso, e o breve reinado de Ulaghchi, gobernou con eficacia a Horda de Ouro. Esmagou os intentos de rebelión dos seus súbditos liderados por Daniel de Galitzia en 1259 e saqueou Polonia, Lituania, Bulgaria e a Tracia bizantina.
Un dos fins destas mortíferas correrías era fornecerse para unha campaña bélica contra o seu parente Hulagu Khan. Berke convertérase ao islam e xurara vingarse do saqueo de Bagdad e da morte do Califa na campaña altamente destrutiva de Hulagu Khan contra o Imperio musulmán Abasida. Cando Hulagu volveu do kurultai que elixiu a Khublai Khan como Gran Khan, dirixiuse cara ao Cáucaso. O sobriño de Berke, Nogai, derrotouno na batalla do río Terek (1262). O conflito continuaría co fillo de Hulagu Abaqa.
O mundo estaba por primeira vez diante dunha guerra aberta entre os invencibles descendentes de Xenxis Khan e contemplaban o fin da unidade do Imperio Mongol. Esta guerra freou o avance cara ao centro de Europa da Horda de Ouro e supuxo o abandono dos propósitos de consolidar unha fronteira no Mediterráneo por parte do Ilkhanato de Hulagu Khan. Terra Santa xa nunca sería mongol e Europa, pola súa vez, comezaba a respirar.