Baluarte
Un baluarte (do provenzal baloart, do neerlandés bolwerk) ou bastión (do francés bastion) é unha construción defensiva que se proxecta cara ao exterior na muralla dunha fortaleza.[1] Adoita situarse nas esquinas dos "muros de cortina", como punto forte da defensa contra o asalto de tropas inimigas.
Pode ter a forma pentagonal e, neste caso, componse de dúas faces, dous flancos e a liña de gola pola cal se entra á obra. O deseño do baluarte e o feito de que sobresaia do corpo da fortaleza permite cubrir os outros baluartes e os muros de cortina con fogo cruzado.
O baluarte era utilizado como plataforma de artillaría, o que obrigaba o asaltante a situar as súas baterías de artillaría máis lonxe dos muros, diminuíndo deste xeito a súa efectividade.
O bastión foi desenvolvido a finais do século XV en Italia como parte do chamado trazado italiano e espallouse por toda Europa a principios do século XVI. A súa adopción é consecuencia da ineficiencia das fortificacións tradicionais (altas e delgadas murallas) ante o canón.[2]
Tipos de baluarte
[editar | editar a fonte]- Baluarte en tenaces ou atenazado. Aquel cuxo ángulo flanqueado forma un entrante.
- Baluarte truncado. O que ten substituído o ángulo flanquedo por un ou dous ángulos entrantes.
- Baluarte de orellóns. Aquel cuxos ángulos retirados e convexos están cubertos cara ao centro pola extremidade da face chamada de orellón.
- Baluarte destacado. Reduto en forma de baluarte.
- Baluarte duplo. O que se constrúe en anfiteatro combinado con outros cando o terreo permíteo.
- Baluarte irregular. O que carece de simetría.
- Baluarte terraplenado ou cheo. O que está terraplenado interiormente.
- Baluarte medio. O que ten unha face e un flanco.
- Baluarte plano ou chan. O que ten medias golas en liña recta.
- Baluarte real. O que se constrúe nas extremidades dos polígonos de oitenta a cen toesas porque ademais de ser susceptíbel de moitos atrincheiramentos e aloxar un crecido número de tropas pode resistir pola súa solidez os esforzos das minas e os ataques máis vigorosos.
- Baluarte regular. Aquel cuxa liñas e ángulos correspondentes son iguais entre si.
- Baluarte romo. O construído en ángulo entrante.
- Baluarte simple. Aquel cuxo terraplén coas mesmas dimensións que o da cortina segue arrodeado polas faces e flancos deixando a consecuencia un espazo baleiro que se utiliza para construír algún edificio como unha polvoreira, por exemplo.
- Baluarte baleiro. Aquel que non está terraplenado totalmente.[3]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Un dos bastións no castelo de Copertino en Italia.
-
Plano dunha fortaleza.
-
Baluarte no Castelo de Salvaterra de Miño.
-
Fortaleza de Bourtange en Vlagtwedde, Países Baixos. Fortaleza de forma pentagonal, mostra 5 baluartes, en cadanseu ángulo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definición
- ↑ The Estafes Atlas of Medieval Civilizations
- ↑ Dicionario enciclopédico Popular Ilustrado Salvat
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Baluarte |