Dolichovespula
Dolichovespula | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Dolichovespula maculata | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||
|
Dolichovespula é un xénero de insectos himenópteros da suborde dos apócritos, superfamilia dos vespoideos, familia dos véspidos, unha das comprendidas na subfamilia dos vespinos.
As súas especies son avespas eusociais que, xunto coas do taxon relacionado, Vespula, adoítanse chamar colectivamente co nome de avespas comúns.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]O xénero foi descrito en 1916 polo entomólogo estadounidense, especializado nos himenópteros, Sievert Allen Rohwer,[1] nun traballo publicado en Bull. Connecticut Nat. Hist. Surv., 22: 642.[2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome científico Dolichovespula está formado polos elementos Dolicho- e -vespula. O primeiro está tirado do grego antigo δολιχός dolichós, "longo",[3] e o segun do do xénero Vespula. Literalmente, "as avespas longas".
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]
- Boreovesoula Bluthgen, 1943
- Metavespula Bluthgen, 1943
- Pseudovespula Bischoff, 1931
Nota taxonómica
[editar | editar a fonte]A división do xénero orixinal Vespula Thomson 1869 nos novos xéneros Vespula e Paravespula é hoxe rexeitada pola maioría dos autores. Paravespula só se considera como un subxénero de Vespula e xa non é válido como nome xenérico.
A relación entre os xéneros en función das características xenéticas móstrase no seguinte cladograma:[4]
Vespinae |
| ||||||||||||||||||
Os xéneros Vespula e Dolichovespula son, polo tanto, grupos irmáns, e a monofilia dos xéneros apóiase na análise xeral, pero o seu clado común non se confirma en todas as análises individuais. O xénero Vespula comprende 27 especies, en comparación coas 22 especies de Dolichovespula (ou 21, segundo a EOL).[5]
Especies
[editar | editar a fonte]No xénero recoñécense as seguintes especies:[2]
- Dolichovespula adulterina (Buysson, 1905)
- Dolichovespula alpicola Eck, 1984
- Dolichovespula arenaria (Fabricius, 1775)
- Dolichovespula asiatica Archer, 1981
- Dolichovespula baileyi Archer, 1987
- Dolichovespula carolina (Linnaeus, 1767)
- Dolichovespula flora Archer, 1987
- Dolichovespula intermedia Birula, 1930
- Dolichovespula kuami Kim, 1996
- Dolichovespula lama (Buysson, 1903)
- Dolichovespula maculata (Linnaeus, 1763)
- Dolichovespula media (Retz., 1783)
- Dolichovespula norvegicoides (Sladen, 1918)
- Dolichovespula norwegica (Fabricius, 1781)
- Dolichovespula omissa (Bischoff, 1931)
- Dolichovespula pacifica (Bir., 1930)
- Dolichovespula panda Archer, 1980
- Dolichovespula saxonica (Fabricius, 1793)
- Dolichovespula silvestris (Scopoli, 1763)
- Dolichovespula stigma Lee, 1986
- Dolichovespula sylvestris (Scopoli, 1763)
- Dolichovespula xanthicincta Archer, 1980
Características
[editar | editar a fonte]As especies de Dolichovespula son bastante semellantes ás do xénero Vespa, aínda que un conxunto de trazos as distingue, en especial o espazo óculo-malar, é dicir, o espazo entre o ollo e a mandíbula, que é máis alongado en Dolichovespula (ao que alude a etimoloxía do xénero).
Os niños de Dolichovespula adoitan seren aéreos, é dicir, construídos en arbustos, árbores ou espazos elevados, mentres que os de Vespula xeralmente están baixo terra.
Nutrición
[editar | editar a fonte]Dieta
[editar | editar a fonte]A causa da súa incapacidade para almacenaren mel, as especies de Dolichovespula son basicamente carnívoras. As larvas aliméntanse de multitude de insectos, arañas e outros artrópodos. Aínda estas avespas só atacan presas vivas, observouse que outras especies similares da subfamilia dos vespinos aproveitan tamén cadáveres e alimentos humanos de orixe animal (carne, peixe). Os adultos aliméntanse sobre todo de néctar e froitas, aínda que poden matar as presas e alimentarse dos seus zumes. As larvas producen unha secreción coa cal tamén se alimentan os adultos. A trofalaxe é un proceso común entre as avespas, mediante o que un membro transfírelle comida a outro membro de boca a boca. Os membros do niño anfitrión son os responsábeis de alimentaren ás larvas das tres especies parasitas, D. adulterina , D. arctica e D. omissa.[6]
Busca do alimento
[editar | editar a fonte]O proceso para procurar alimento en Dolichovespula é unha actividade principalmente visual, aínda que determinados olores poden desencadear o ataque por parte das avespas. As obreiras cazan en forma independente, sendo incapaces de comunicar a outras obreiras a situación de fontes de alimento. As obreiras poden comezar a buscar alimento unha hora antes da saída do sol, e terminan unha hora antes da posta do sol. A busca de alimento é máxima ao principio da mañá, despis diminúe lixeiramente e ao atardecer volve a ser intensa. A busca de alimento está en función da intensidade da luz solar. As obreiras buscan comida nunha zona que chega até 180-275 m de distancia do niño.[6]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Relación obreiras-raíña
[editar | editar a fonte]En Dolichovespula existe unha xerarquía social débil entre as raíñas e as obreiras. A miúdo as raíñas participan en actividades que normalmente só realizan as obreiras. Isto inclúe malaxar, é dicir, amasar ou bater as presas para facer unha pasta homoxénea,[7] coidar os peches das celas e participar en actividades destinadas a manter a orde social do niño. En comparación con Vespula, isto é indicativo dun comportamento máis primitivo.[6]
Dominancia
[editar | editar a fonte]A actividade de dominancia é un comportamento propio de Dolichovespula mediante o cal un membro da colonia "mastiga" a outro individuo, que permanece quieto durante o acto. Pensouse que este comportamento de "maltrato" está asociado a unha xerarquía e relación de dominancia, consistente en que o individuo dominante "maltrata" aos individuos inferiores e lles exixe que lle dean alimento. Esta teoría foi desbotada e require de investigacións adicionais que validen a hipótese orixinal. Tamén se observou que as obreiras que resultan marcadas cun aroma estraño tamén son "maltratadas". En realidade descoñécese a razón exacta deste comportamento.[6]
Comunicación larvaria
[editar | editar a fonte]Para facer saber que teñen fame, as larvas fan ruído rascando as paredes das súas celas. As raíñas e as obreiras de Dolichovespula tamén se comunican coas larvas. Cando pousan sobre as celas do panal, os adultos producen unha vibración dorso-ventral co abdome. Unha vez que unha larva é alimentada, a vibración finaliza.[6]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Morfoloxía. Obsérvese o espazo óculo-malar
-
Dolichovespula arenaria
-
Avespeiro (niño) de Dolichovespula media
-
Dolichovespula omissa
-
Dolichovespula sylvestris
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dolichovespula Rohwer, 1916 en BioLib.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Dolichovespula Rohwer, 1916 no GBIF. Consultado o 9 de xuño de 2021.
- ↑ dolicho- en etymologeek.com.
- ↑ Federico Lopez-Osorio, Kurt M. Pickett, James M. Carpenter, Bryan A. Ballif & Ingi Agnarsson (2014): "Phylogenetic relationships of yellowjackets inferred from nine loci (Hymenoptera: Vespidae, Vespinae, Vespula and Dolichovespula)". Molecular Phylogenetics and Evolution 73: 190–201.
- ↑ Dolichovespula na EOL.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Akre, Roger D. (1982): "Social Wasps", en Henry R. Hermann (editor): Social Insects. Volume IV. Ámsterdam: Elsevier Inc. ISBN 978-0-1234-2204-0, pp. 1-105.
- ↑ malaxar no Dicionario da RAG.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dolichovespula |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Dolichovespula |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Aguiar, Alexandre P. et al. (2013): "Order Hymenoptera". En Zhang, Z.-Q. (ed.): "Animal Biodiversity: An Outline of Higher-level Classification and Survey of Taxonomic Richness (Addenda 2013)". Zootaxa 3703: 1–82.
- Arnett, R. H. Jr. (2000): American insects, 2ª ed. Boca Ratón, Londres, Nova York, Washington DC: CRC Press. ISBN 0-8493-0212-9.
- Borror, D. J., DeLong, D. M. & Triplehorn, C. A. (1976): An introduction to the study of insects, 4ª ed. Nova York, Chicago: Holt, Rinehart and Winston. ISBN 0-0308-8406-3.
- Grimaldi, D. & Engel, M. S. (2005): Evolution of the Insects. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-5218-2149-0.
- Huber, John T. (2009): "Biodiversity of Hymenoptera". Capítulo 12. En Robert G. Foottit & Peter H. Adler: Insect Biodiversity: Science and Society. Hoboken, New Jersey: Blackwell Publishing. ISBN 978-1-4051-5142-9.
- Michener, Charles D. (2007): The Bees of the World. 2ª ed. Baltimore: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8573-0.
- O'Toole, Christopher & Raw, Anthony (1999): Bees of the world. Londres: Cassell & Co. ISBN 0-8160-5712-5.
- Sharkey, Michael J. (2007): "Phylogeny and Classification of Hymenoptera". Zootaxa 1668: 521–548.
- Sharkey, M. J.; Carpenter, J. M & Vilhelmsen, L. (2012): "Phylogenetic relationships among superfamilies of Hymenoptera". Cladistics 28 (1): 80–112.
- Vilhelmsen, Lard (2001): "Phylogeny and classification of the extant basal lineages of the Hymenoptera (Insecta)". Zoological Journal of the Linnean Society 131: 393–442.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Genus Dolichovespula en BugGuide (en inglés).