Saltar ao contido

Turonio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Turonio é unha rexión xeográfica do suroeste de Galicia con entidade de seu durante a Idade media, cuxa extensión e límites non ten até de agora consenso entre os investigadores.[1][2] O Cronicón de Hidacio sinálaa como terra invadida polos vándalos cara ao ano 445, co nome de Turonium. Un século despois, o Parochiale suevorum menciónaa como unha das igrexas con vencello á sé de Tui e co nome de Turonio.[2] Especúlase que na súa orixe fose unha oppidum ou gran castelo con poboación que medrou nos seus dominios por mor do seu poder. Neste fío as súas ruínas atoparíanse no castelo de Torroña, en Torroña, no actual concello de Oia.[1] Para outros autores, Turonio en tanto territorio facía alusión aos dominios do bispo de Tui.[2]

Toponimia

[editar | editar a fonte]

O topónimo, con testemuños desde o século V, caeu en desuso no século XV[2][3] . O seu xentilicio é turonián/turoniá. É un topónimo bastante escuro e chegou á actualidade por medio de fontes pouco claras. É tratado, segundo o informante, como reguengo, condado, e de forma máis xenérica como Terra/s de Turonio[4][5][2]. Tamén o topónimo vacila a súa forma: Turonium[1][6], Toroño[7][8], Toronio[9][10], Turonio[7][11], Turonia[2], Torona, Toronho... A utilización do feminino Turonia emprégase para referirse ao local do castelo, actual Torroña[12], e o masculino Turonio para o terreo máis extenso.

Extensión xeográfica

[editar | editar a fonte]

Seguindo os estudos de Manuel Fernández Rodríguez, Turonio tería por límites ao sur o río Miño, ao leste o río Avia e parte do Miño, ao oeste o océano Atlántico, ao norte o río Avia e a terra de San Xoán de Penacorneira; estenderíase polos altos das serras do Suído e do Galiñeiro até a ría de Vigo.[1]

Referencias históricas

[editar | editar a fonte]

No Cronicón, do bispo Hidacio, ano 445, fálase de Turonia coma lugar onde chegaron os vándalos desembarcados dun navío atracado nun porto veciño, e prendendo moitas familias.[1] No Concilio de Lugo do ano 569 fálase, entre outros lugares, de Turonia como terra do bispo de Tui.[1][6] O Rei visigodo Recaredo acuñou moeda en Turonio coa lenda "Vitoria", pouco despois da conquista do reino suevo polos visigodos no ano 585.[13]

O rei Ordoño II doou o 1 de setembro de 915 a Recaredo, bispo da diocese de Lugo, o poboado de Bembivere (hoxe Bembrive, parroquia de Vigo), en Turonia.[2] San Rosendo, ao fundar o mosteiro de San Salvador de Celanova, 942, fai mención de Turonia.[2]

A primeira referencia documentada de Vigo na Idade Media é de 1097, e cítase como parte do condado de Turonio.[14] O rei e emperador Afonso VII e a súa dona Berenguela de Barcelona doaron no ano 1142 a Don Paio Méndez, bispo da diocese de Tui, o castelo de Santa Helena de Turonia.[2][15]

Referencias literarias

[editar | editar a fonte]

O trobador portugués Garcia Mendiz de Eixo, presente na corte de Sancho I a finais do século XII, e falecido en 1239 fai referencia a Turonio nunha cantiga:

Ala uuaz que la Torona
e los parens son tauz
e la terra he trou bona
e ja quites son los chauz
c'ora me volho tornar
a Sousa a lo mon logar (...)[16]

Reminiscencias na zona

[editar | editar a fonte]

Existen varios topónimos na zona de Turonio que posiblemente proveñan ou sexan orixe do topónimo en cuestión, como Troña (na parroquia de Pías, concello de Ponteareas, onde está o castro de Troña) ou Torroña (lugar do concello de Oia). En Gondomar está o IES Terra de Turonio.[2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]