Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra

Xacobe Carlos Estuardo [1], nado en Edimburgo o 19 de xuño de 1566 e finado en Theobalds House o 27 de marzo de 1625, foi rei de Escocia como Xacobe VI desde o 24 de xullo de 1567 ata a súa morte, e rei de Inglaterra e Irlanda como Xacobe I desde o 24 de marzo de 1603 ata a súa morte.

Modelo:BiografíaA Súa Graza Editar o valor en Wikidata
Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(en) James I (VI) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento19 de xuño de 1566 Editar o valor en Wikidata
Castelo de Edimburgo, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Morte27 de marzo de 1625 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata (58 anos)
Theobalds House, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da mortedisentería Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaAbadía de Westminster Editar o valor en Wikidata
Monarca de Inglaterra
24 de marzo de 1603 (Xuliano) – 27 de marzo de 1625
← Isabel I de InglaterraCarlos I de Inglaterra →
Monarca de Irlanda
24 de marzo de 1603 (Xuliano) – 27 de marzo de 1625
← Isabel I de InglaterraCarlos I de Inglaterra →
Monarca de Escocia
8 de febreiro de 1587 (Xuliano) – 27 de marzo de 1625
← María I de EscociaCarlos I de Inglaterra →
Duque de Rothesay (pt) Traducir
19 de xuño de 1566 – 8 de febreiro de 1587 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
ResidenciaCastelo de Stirling Editar o valor en Wikidata
RelixiónAnglicanismo e Igrexa de Escocia Editar o valor en Wikidata
Educacióntutor (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Londres (1603–1625)
Edimburgo (1567 (Gregoriano)–1603) Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpoeta, monarca, escritor, aristócrata Editar o valor en Wikidata
ProfesoresGeorge Buchanan (mul) Traducir, Peter Young (en) Traducir, Adam Erskine (en) Traducir e David Erskine, Commendator of Dryburgh (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Outro
TítuloMonarca de Escocia
Monarca de Inglaterra
Monarca de Irlanda Editar o valor en Wikidata
FamiliaCasa de Estuardo Editar o valor en Wikidata
CónxuxeAna de Dinamarca (1589–1619), morte do cónxuxe Editar o valor en Wikidata
FillosHenrique Stuart, unnamed son Stuart, Isabel da Boémia, Margaret Stuart, Carlos I de Inglaterra, Robert Stuart, Duke of Kintyre and Lorne, unnamed son Stuart, Mary Stuart, Sofia de Inglaterra Editar o valor en Wikidata
PaisBarón Darnley Editar o valor en Wikidata  e María I de Escocia Editar o valor en Wikidata
Irmánsstillborn twin Hepburn
stillborn twin Hepburn Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
5 de novembro de 1605 (Xuliano)Conspiración da pólvora
1603-1625Jacobean era (en) Traducir
1586Treaty of Berwick (en) Traducir
10 de febreiro de 1567murder of Lord Darnley (en) Traducir
1567 (Gregoriano)Act Anent the demission of the Crown in favour of our Sovereign Lord, and his Majesty's Coronation 1567 (en) Traducir
Entrada de Jaime VI em Edimburgo (pt) Traducir
English subsidy of James VI (en) Traducir
União das Coroas (pt) Traducir
succession to Elizabeth I of England (en) Traducir
Baptism of James VI (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Яков I)
Dictionary of National Biography
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX823910 WikiTree: Stuart-2 Find a Grave: 1974 Editar o valor en Wikidata
Xacobe I, rei de Inglaterra, 1603-1613.

Proclamado rei cun ano de idade, unha serie de rexentes gobernaron no seu nome durante a súa minoría de idade, ata que esta terminou oficialmente en 1578, aínda que non obtivo o verdadeiro control do aparello do Estado ata 1581.[2] En 1603 sucedeu no trono de Inglaterra e Irlanda á última Tudor, Isabel I, que morreu sen descendencia.[3] Rexeu conxuntamente Inglaterra, Escocia e Irlanda por espazo de 22 anos, ata a súa morte aos 58.[4]

Aínda que gobernou con acerto en Escocia, atopouse con grandes dificultades en Inglaterra,[5] incluíndo o soado "Complot da Pólvora" en 1605 e sucesivos conflitos co Parlamento, que lle era hostil, especialmente no tocante á subida de impostos. De acordo a unha tradición historiográfica iniciada a mediados do século XVII, a política absolutista de Xacobe, a súa irresponsibilidade financeira e os favores outorgados a favoritos impopulares sentaron as bases da Guerra Civil Inglesa, durante a cal foi axuizado e executado o seu fillo e sucesor, Carlos I.[6] Con todo, en vida do monarca, a situación política de Inglaterra e de Escocia foi relativamente estable, e os historiadores contemporáneos consideran a Xacobe un soberano intelixente e reflexivo.[7]

Durante o seu reinado continuou a "Era Dourada" do drama e a literatura sabelinos, con grandes escritores como William Shakespeare, John Donne, Ben Jonson e Francis Bacon, aos que o rei patrocinou, contribuíndo ao florecemento cultural.[8] Apaixonado pola teoloxía, o rei ordenou a tradución da Biblia que leva o seu nome, a King James, que aínda é a oficial da Igrexa Anglicana. Probablemente xamais houbo tal concentración de talento literario baixo patronazgo da Coroa inglesa. O propio Xacobe era un erudito de considerable talento, autor de poesía, traducións e un tratado sobre poesía, así como obras condenando a bruxería e o tabaco (Daemonologie [1597] [9] e A Counterblaste to Tobacco [1604]), meditacións e comentarios sobre as Sagradas Escrituras, obras de teoría política (The True Law of Free Monarchies [1598] e Basilikon Doron [1599]), e discursos para o Parlamento. Sir Anthony Weldon afirmou que Xacobe fora chamado "o bobo máis sabio da Cristiandade", e desde entón asociouse o epíteto a este monarca.[10]

Primeiros anos

editar

Nacemento

editar
 
Xacobe VI de Escocia durante a súa nenez

Xacobe foi o único fillo de María I Estuardo, raíña de Escocia, e do seu segundo marido, o aloucado, covarde e pretencioso Henrique Estuardo, duque de Albany, máis coñecido como Lord Darnley. Descendía directamente do rei Henrique VII de Inglaterra a través da súa bisavoa Margarida Tudor, filla deste monarca e irmá de Henrique VIII.[11] O dominio de María Estuardo sobre Escocia foi inseguro, tanto para ela como para o seu marido, e por ser católicos atopáronse cunha rebelión dos nobres protestantes. O seu matrimonio foi particularmente turbulento, en boa parte grazas aos celos patolóxicos de Darnley.[12] Mentres María Estuardo estaba embarazada do futuro Xacobe VI, Lord Darnley aliouse en segredo cos rebeldes e fixo asasinar dun xeito salvaxe, e en presenza da súa raíña e esposa, ao secretario e favorito desta, o cortesano italiano David Rizzio.[13]

Xacobe naceu o 19 de xuño de 1566 no Castelo de Edimburgo, converténdose automaticamente en duque de Rothesay e príncipe e alto senescal de Escocia, como herdeiro da Coroa. Foi bautizado co nome de Xacobe Carlos, en honra ao seu padriño, o rei Carlos IX de Francia, polo que posteriormente sería o primeiro monarca británico en ter máis dun nome. Isabel I de Inglaterra, como madriña in absentia, enviou unha magnífica fonte de ouro como agasallo de bautizo.[14]

Lord Darnley e o seu amante daquel entón foron asasinados o 10 de febreiro de 1567 ao voar polo aire a súa residencia de Kirk O'Field, a casa dos Hamilton en Edimburgo. Parece ser que foi a vinganza da raíña por asasinar ao seu belo e caprichoso favorito. O matrimonio de María o 15 de maio do mesmo ano con James Hepburn, conde de Bothwell, que era o máis evidente sospeitoso do asasinato do duque de Albany, fixo aumentar as sospeitas e a súa impopularidade.[15] En xuño de 1567, os rebeldes protestantes arrestaron a María e encarcerárona no Castelo de Loch Leven; nunca volveu ver ao seu fillo. Foi obrigada a abdicar o 24 de xullo en favor do infante Xacobe, e a nomear ao seu medio irmán ilexítimo, Xacobe Estuardo, conde de Moray, como rexente.[16]

Rexencias

editar

O coidado de Xacobe foi confiado ós condes de Mar (John Erskine, XVII conde de Mar), para ser protexido, criado e educado[17] na seguridade do Castelo de Stirling.[18] O neno foi solemnemente coroado aos 13 meses de idade como Xacobe VI de Escocia na igrexa de Holyrood, no castelo de Stirling, o 29 de xullo de 1567.[14] O sermón correu a cargo do calvinista xenebrino John Knox. E aínda que o monarca fora bautizado católico, de acordo aos ditados da clase dirixente foi educado na máis severa disciplina calvinista, e convertido en membro da Igrexa de Escocia. A súa educación foi supervisada polo historiador e poeta George Buchanan, un home provisto da debida ciencia e erudición para educar a un príncipe, pero, á vez, un personaxe áspero e intolerante, un republicano fatigoso e tenso, cheo de ávidas virtudes, que odiaba á familia do seu discípulo e, máis que probablemente, ao seu propio discípulo. Aínda que o someteu a regulares malleiras, tamén lle deu unha educación notable e inspiroulle unha paixón pola literatura e o saber que duraría toda a súa vida.[19]

En 1568, María Estuardo fuxiu da súa prisión, o que conduciu a un breve período de violencia. O conde de Moray derrotou ás súas tropas na Batalla de Langside, forzándoa a fuxir a Inglaterra, onde foi encarcerada pola súa curmá a raíña Isabel. O 22 de xaneiro de 1570 Moray foi asasinado por James Hamilton de Bothwellhaugh, sendo substituído polo avó paterno do novo rei Xacobe, Mateo Estuardo (IV conde de Lennox), que foi fatalmente ferido ao ano seguinte nun ataque de simpatizantes de María.[20] O seu sucesor na rexencia, John Erskine (I conde de Mar), morreu o 28 de outubro de 1572 por mor dunha misteriosa enfermidade tras acudir a un banquete na leira de James Douglas (IV conde de Morton), o máis poderoso dos nobres escoceses, aínda máis que os propios rexentes. Morton, que sucedeu a Mar, demostrou ser o máis eficaz dos rexentes de Xacobe en todos os aspectos, derrotando ademais ás familias que continuaban apoiando a María,[21] pero fixo moitos inimigos pola súa rapacidade.[22]

A caída de Morton non foi causada polos partidarios de María, senón polos cortesáns máis próximos ao rei, que impresionaron ao novo monarca falándolle do grao dos seus deberes reais, animándolle a que tomase o control do reino nas súas mans. Morton perdeu o favor rexio coa chegada a Escocia do francés Esmé Estuardo, Sieur d'Aubigny, curmán do defunto Lord Darnley e futuro conde de Lennox, que se converteu rapidamente no primeiro dos poderosos favoritos do rei.[23]

Os cortesáns acusaron a Morton de participar no asasinato de Lord Darnley, polo que foi axuizado, condenado e, finalmente, executado o 2 de xuño de 1581.[24] O 8 de agosto Xacobe fixo de Lennox o único duque de Escocia.[25] O rei, de 15 anos de idade, permanecería baixo a influencia de Lennox por espazo dun ano máis.[26] Outro cortesán de grande alcance era Xacobe Estuardo (I conde de Arran), ao que concederon o condado de Arran como recompensa pola súa testemuña contra Morton.

Goberno persoal en Escocia

editar

Aínda que Xacobe xa fose maior de idade, o control do goberno seguía en mans de favoritos e nobres. Lord Arran inclinouse cara ao episcopalismo, gañándose así o odio da nobreza calvinista, mentres que Lennox, aínda que convertido ao protestantismo, era contemplado con receo polos nobres, que advertiron as frecuentes demostracións físicas de afecto entre o favorito e o rei, acusándoo de tratar de manter comercio carnal co soberano.[22] En agosto de 1582, na Incursión de Ruthven, William Ruthven (I conde de Gowrie) e Archibald Douglas (VIII conde de Angus) secuestraron ao rei e conducírono ao Castelo de Ruthven, encarcerándoo,[27] e obrigándoo a desterrar a Lennox.

O rei e o conde de Arran escaparon de Ruthven en xuño de 1583 e recuperaron o poder. En consecuencia, o conde de Gowrie foi executado, os rebeldes víronse forzados a fuxir a Inglaterra, e Xacobe dedicouse a reforzar o seu control sobre o reino. O Parlamento aprobou as "Actas Negras" para afirmar a autoridade real sobre a Kirk (Igrexa de Escocia), póndoa ademais directamente baixo o seu control. Estes actos foron extremadamente impopulares, en especial entre o clero, pero entre 1584 e 1603 o rei logrou establecer un goberno efectivo sobre o país e impor unha paz relativa entre os lores do reino, destramente axudado por John Maitland de Thirlestane, que dirixiu o goberno ata 1592.[28]

En 1586, Xacobe VI asinou o Tratado de Berwick con Inglaterra, seguido da implicación de María no Complot de Babington, un plan que intentou asasinar a Isabel e pór no seu lugar á Estuardo no trono de Inglaterra. Acusada de traizón, María Estuardo foi decapitada en Fotheringay o 8 de febreiro de 1587, o que achandou o camiño de Xacobe á sucesión inglesa.[29] Así mesmo, durante a crise provocada pola Armada Invencible de 1588, asegurou a Isabel o seu apoio como "fillo e compatriota" seu;[30] e en tanto que os anos pasaban e Isabel permanecía solteira, asegurar a sucesión ao trono inglés converteuse no centro da política de Xacobe.

Xacobe fixo fronte a unha sublevación católica en 1588, e foi forzado a reconciliarse coa Igrexa de Escocia, convindo a derrogación das Actas Negras en 1592. Xacobe, temendo de que o trato duro cara aos rebeldes católicos puidese encolerizar aos católicos ingleses, acordou perdoar a algúns dos seus opositores, o que molestou á igrexa protestante. Un dos últimos intentos contra a persoa do rei ocorreu en agosto de 1600, cando Xacobe foi, ao parecer, agredido por Alexander Ruthven, irmán máis novo do John Ruthven (III conde de Gowrie), en Gowrie House, sede da casa Ruthven.[31] Posto que Ruthven foi atravesado polo paxe do rei, John Ramsay (I conde de Holderness), e o conde de Gowrie executado ao fracasar o suposto complot, o relato de Xacobe, dada a falta de testemuñas presenciais e o seu odio cara aos Ruthven, non foi crido por todo o mundo.[32]

A comezos do século XVI, Henrique VIII temera que a coroa inglesa pasase a mans dun Estuardo; por iso, no seu testamento, excluíu á bisavoa de Xacobe, Margarida Tudor, e aos seus descendentes da liña da sucesión ao trono de Inglaterra. Pero aínda que os Estuardo fosen eliminados da sucesión por este testamento e por unha acta do Parlamento, Xacobe seguía sendo o parente máis próximo de Isabel I, e polo tanto o presunto herdeiro da coroa inglesa.

Matrimonio

editar
 
Ana de Dinamarca, por John de Critz, c. 1605.

Ao longo da súa mocidade o rei Xacobe foi encomiado pola súa castidade, xa que mostraba escaso interese polas mulleres, e tras a perda de Lennox, seguía preferindo a compañía masculina.[33] Porén, un matrimonio de conveniencia e un herdeiro seguían sendo necesarios para reforzar o seu trono, de modo que a elixida foi Ana de Dinamarca, a filla de 14 anos de Frederico II de Dinamarca. Tras celebrarse un matrimonio por procuración en 1589, Ana partiu rumbo a Escocia, pero as tormentas conduciron ao seu barco ás costas de Noruega. O 7 de outubro Xacobe tivo noticia da decisión de pospor ata a primavera a viaxe de Ana ata Escocia, e, no que Willson cualifica como "o único episodio romántico da súa vida",[34] partiu do porto de Leith cun séquito de 300 homes para ir en busca da súa esposa persoalmente.[35] A parella casou formalmente no palacio episcopal de Oslo o 23 de novembro, e tras visitar Dinamarca e aloxarse en Elsinore e Copenhague, retornaron a Escocia en maio de 1590. Segundo todas as fontes, nun principio Xacobe estaba fascinado con Ana, e nos seus primeiros anos de matrimonio demostrou unha paciencia e un afecto constantes cara á súa esposa. Pero co tempo fóronse distanciando, e, finalmente decidiron vivir separados logo da morte da súa última filla, Sofía, en 1606.[36]

Teoría da monarquía

editar

En 1597/98, Xacobe escribiu dúas obras, The Trew Law of Free Monarchies e Basilikon Doron (O don real), nas que estableceu a base ideolóxica para a súa monarquía. Na Trew Law desenvolve o "dereito divino dos reis", onde explica que por razóns bíblicas os reis son superiores a outros homes, aínda que "o banco máis alto é o máis esvaradío para sentar".[37] O documento propón unha administración centralizada e unha política absolutista, pola cal un rei debía impor novas leis por prerrogativa real, pero tamén atender á tradición e a Deus, quen podería "accionar os azóutes que lle placesen, para castigo dos reis corrompidos".[38] O Basilikon Doron, escrito como libro de instrución para o seu fillo e herdeiro, o duque de Rothesay, por entón de 4 anos, é unha guía máis práctica para a arte de gobernar.[39] A pesar de certas banalidades e advertencias santurronas,[40] a obra está ben escrita, e é quizais o mellor expoñente da prosa de Xacobe.[41] O consello de Xacobe sobre os parlamentos, que el consideraba só como as cortes pertencentes ao rei, o cal recorda as súas propias dificultades coa Cámara dos Comúns: "Non convoquedes Parlamentos", di ao seu herdeiro, "excepto pola necesidade de novas leis, o que debe ser de cando en cando".[42] Na Trew Law Xacobe afirma que un monarca é propietario dos seus estados do mesmo xeito que un señor feudal posúe o seu feudo, xa que:

"[Os reis xurdiron] antes que ningún estado ou clase dos homes, antes de que ningún parlamento reunísese, e de que ningunha lei promulgásese, e a terra foi distribuída por eles, xa que ao principio era completamente súa. E de aí vén necesariamente o que os reis fosen os autores e facedores das leis, e non as leis dos reis."

O trono inglés

editar

Proclamación como rei de Inglaterra

editar
 
Escudo de armas de Gran Bretaña en 1603.

Desde 1601, nos últimos anos de Isabel I, certos políticos ingleses, en especial Robert Cecil (I conde de Salisbury), o principal ministro e conselleiro da raíña,[44] mantiveron correspondencia secreta co rei de Escocia para preparar a súa sucesión ao trono inglés. Ao morrer a raíña Isabel I (24 de marzo de 1603), a coroa debería pasar (de acordo ao testamento de Henrique VIII) a Lady Ana Stanley,[45] descendente de María Tudor, duquesa de Suffolk, irmá de Henrique VIII. Con todo, Xacobe era o único aspirante serio á coroa inglesa; os outros, incluíndo ao vizconde de Beauchamp e Lady Ana, non tiñan o suficiente poder para defender os seus dereitos. Así, un Consello de Ascensión proclamou a Xacobe rei de Inglaterra poucas horas logo da morte de Isabel.[46]

Segundo avanzaba cara ao sur, os seus novos súbditos ían congregándose para ver ao seu rei, quedando claro que a sucesión non provocara descontentos nin era percibida como unha invasión;[47] No camiño, para probar a súa autoridade, deu orde de aforcar, sen formación de xuízo, a un ladrón. Cando entrou en Londres, Xacobe foi recibido por un xentío, pero non agradou aos seus novos súbditos, que crían que lle faltaba dignidade.[48] El e a súa esposa foron coroados reis de Inglaterra o 25 de xullo de 1603, entre as elaboradas alegorías preparadas por poetas dramáticos como Thomas Dekker e Ben Jonson, pero un gromo de peste suspendeu as festas.[49]

Os comezos do reinado

editar

A pesar da facilidade da sucesión e a calidez con que foi recibido o novo monarca, no seu primeiro ano de reinado Xacobe houbo de facer fronte a dúas conspiracións, o "Complot Bye" e o "Complot Main", que conduciron ao arresto, entre outros, de Henry Brooke (XI barón Cobham) e Sir Walter Raleigh.[50] Xacobe odiaba a Raleigh, o máis acendrado inimigo de España en Inglaterra, e sen dúbida a súa amizade co embaixador español Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, influíu na súa decisión de executalo.

Aqueles que esperaban cambios no goberno coa chegada do novo soberano quedaron defraudados polo mantemento dos membros do Consello Privado da raíña Isabel, tal como planeara en segredo con Cecil,[50] pero agregou ao pouco a un vello partidario seu, Henry Howard (I conde de Northampton), e o seu sobriño, Thomas Howard (I conde de Suffolk), a este Consello, así como a cinco nobres escoceses.[51] Nos primeiros anos de reinado de Xacobe, o día a día do goberno foi estritamente manexado polo perspicaz Robert Cecil, posteriormente conde de Salisbury, habilmente asistido polo experimentado Thomas Egerton (I vizconde de Brackley) (o cal foi creado barón Ellesmere e nomeado Lord Chanceler) e por Thomas Sackville, pronto nomeado I conde de Dorset, que continuou sendo Lord Tesoureiro.[52] En consecuencia, Xacobe puido desentenderse dos problemas administrativos e centrarse en asuntos maiores, tales como intentar unha unión máis firme entre Inglaterra e Escocia e asuntos de política exterior, así como gozar dos seus praceres persoais, en especial da caza.[52]

 
Retrato de Xacobe por Nicholas Hilliard, c. 1603-1609.

Xacobe ambicionaba converter a unión persoal das coroas de Escocia e Inglaterra nun Reino Unificado baixo un monarca, un parlamento e unha lei comúns, un plan que atopou oposición en ambos os países.[53] "Non nos dispuxo a todos nós nunha illa", clamou ante o Parlamento, "circundada por un mar e, pola súa natureza mesma, indivisible?" En abril de 1604, con todo, os Comúns rexeitaron en termos legais a súa petición de autotitularse "Rei de Gran Bretaña".[54] En outubro de 1604 asumiu o título por proclamación, en lugar de por lei. Sir Francis Bacon díxolle que non podería usalo en "ningún procedemento legal, instrumento ou proclama".[55] Escocia e Inglaterra seguirían como estados separados, sendo só a unión persoal no rei, e non foi ata 1707 que a Acta de Unión combinou os dous países para crear un novo estado: o Reino de Gran Bretaña.

En política exterior, Xacobe tivo máis éxitos. Dedicou os seus esforzos a pór fin á guerra con España, e o 28 de agosto de 1604, grazas á hábil diplomacia de Robert Cecil e Henry Howard (xa conde de Northampton), chegouse a un acordo de paz entre ambos os países, que Xacobe celebrou cun gran banquete.[56] Porén, asegurar a liberdade de culto para os católicos en Inglaterra seguiu sendo un obxectivo prioritario para a política española, o que causou constantes dilemas a Xacobe.[57]

A Conspiración da Pólvora

editar

A véspera da solemne apertura da segunda sesión do primeiro Parlamento do seu reinado, o 5 de novembro de 1605, un soldado chamado Guy Fawkes foi descuberto nos sotos do Palacio de Westminster cunha lanterna e fósforos, non lonxe dunha pila de leña e dúas decenas de barrís de pólvora cos que pretendía facer voar polo aire o Palacio ao día seguinte, provocando a morte, como o propio rei sinalou, "non só... da miña persoa, ou da miña esposa e posteridade (...), senón de todo o corpo do Estado".[58] Arrepiado, Xacobe negouse a abandonar a súa residencia por moitos días. Guy Fawkes, o responsable de executar o complot, foi torturado ata que revelou as identidades dos outros conspiradores, todos os cales foron executados ou asasinados durante a súa captura.

O presunto plan destes extremistas católicos, conducidos por Robert Catesby, era substituír a Xacobe pola súa filla Isabel, á cal esperaban poder converter ao catolicismo romano. Co apoio rexio e a volta á obediencia a Roma, toda Inglaterra podería ser recatolizada. O descubrimento da Conspiración da Pólvora, como foi rapidamente coñecida, provocou un sentimento popular que Salisbury explotou para obter do Parlamento uns subsidios moito maiores dos que recibira a raíña Isabel.[59]

Unha teoría, mantida por algúns historiadores, é que o Complot da Pólvora foi destramente urdido por Robert Cecil, ou que polo menos tivo coñecemento previo dela e permitiuna desenvolverse, só para "descubrila" e abortala no último momento. Esta teoría conclúe que o plan de Robert Cecil era crear un sentimento de unidade nacional que permitise que o Parlamento concedese ao rei as sumas de diñeiro que lle pedía. Se esta teoría fose correcta, Guy Fawkes e os seus colegas serían meros peóns nun xogo moito maior.

O rei e o Parlamento

editar

O momento de cooperación entre o monarca e o Parlamento provocado polo Complot da Pólvora constituíu unha desviación da norma. En cambio, foi na sesión previa de 1604 na que quedaron claras as posicións de ambos os bandos durante o resto do seu reinado, aínda que as dificultades iniciais debían máis á incomprensión mutua que a unha inimizade consciente.[60] O 7 de xullo de 1604, viuse obrigado a prorrogar o Parlamento de moi mala gana, tras non lograr o apoio necesario para unificar Gran Bretaña e aprobar novos subsidios financeiros. "Non darei as grazas onde non creo que deba dalas", remarcou no seu discurso de clausura. "Non son tan estúpido como para encomiar a necios (...) vedes cantas cousas non facedes ben (...) confío en que no futuro faredes uso da vosa liberdade con máis modestia".[61]

En 1605, o Parlamento votou catro subsidios para o rei, quen aínda consideraba isto como un rédito inadecuado. Impuxo dereitos de aduanas sen o consentimento parlamentario, algo que ningún monarca atreveuse a facer desde o reinado de Ricardo II. A legalidade de tal acción foi desafiada en 1606 polo mercador John Bates; o tribunal do ministerio de Facenda, con todo, fallou en favor do rei, e tal ditame foi denunciado polo Parlamento. As relacións entre Xacobe I e o Parlamento tamén foron agreadas pola última denegación presentada ao plan do rei de permitir libre intercambio comercial entre Inglaterra e Escocia.

A voda española

editar
 
Retrado de Xacobe por John de Critz, c. 1606

Outra fonte potencial de ingresos era o dote achegado polo matrimonio en perspectiva entre o Príncipe de Gales e a infanta María Ana.[62] A voda tamén atraeu ao rei como un modo de manter a paz con España e evitar os custos adicionais dunha guerra.[63] Seguirían gozando dos beneficios da paz mentres as negociacións matrimoniais estivesen abertas, o que explica por que tanto Xacobe como Francisco de Sandoval y Rojas (I duque de Lerma) permitiron que se alargasen durante case unha década.[64] Apoiada polos Howard e outros ministros e diplomáticos prol-católicos (coñecidos como o "Partido español"), a proposta alianza coa maior potencia católica non foi ben recibida na Inglaterra protestante.

O estalido da Guerra dos Trinta Anos en 1618, pronto absorbeu a toda Europa, e botou a perder a política pacifista do rei. O seu xenro, Frederico V do Palatinado, nomeado rei de Bohemia polos rebeldes protestantes, foi expulsado do país polo emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Fernando II en 1620, mentres que as tropas españolas invadían o Baixo Palatinado. Finalmente, Xacobe convocou ao parlamento en 1621 para financiar unha expedición militar en apoio do seu cuñado.[65] A convocatoria resultou nun dobre fracaso, xa que, por unha banda, os Comúns só aprobaron un orzamento insuficiente para socorrer ao Elector Palatino,[66] e por outro (recordando o botín obtido por Isabel I ripando as frotas españolas procedentes do Novo Mundo), reclamaron a guerra contra España.[67] En novembro de 1621, dirixidos por Sir Edward Coke, formularon unha petición non só para declararlle a guerra con España, senón tamén para que o Príncipe de Gales casase cunha protestante, e para que as leis anticatólicas fosen endurecidas.[67] O rei díxolles tan só que non debían interferir en asuntos de prerrogativa real ou se arriscaban a ser castigados,[68] o que lles levou a protestar esixindo o recoñecemento dos seus dereitos, incluíndo o da liberdade de expresión, e a súa autoridade para discutir calquera materia referente ao benestar do reino.[69] Xacobe eliminou a protesta do diario de sesións e disolveu de novo o Parlamento.[70]

En 1623, o novo príncipe Carlos e Buckingham decidiron tomar a iniciativa e viaxar a España de incógnito,[71] para gañarse a man da infanta persoalmente, pero a misión probou ser un erro e unha temeridade.[72] O goberno español expuxo a necesidade de que o príncipe convertésese ao catolicismo e pasase un ano en España. Príncipe e duque retornaron a Inglaterra en outubro sen a infanta, e inmediatamente romperon o tratado, con gran deleite do pobo chairo.[73] Desenganados tras a súa viaxe a España, Carlos e Buckingham rexeitaron a política hispanófila de Xacobe e reclamaron unha voda con Francia e a guerra a matar contra os Habsburgo.[74] Para obter o financiamento necesario, impuxéronse ao rei e lograron a convocatoria dun novo Parlamento, que se reuniu en febreiro de 1623.

 
George de Villiers, duque de Buckingham, por Rubens.

A raíña Ana morreu en 1619. Os rumores atribúen o pouco que Xacobe se viu afectado pola súa morte a tiña un "especial afecto romántico para George Villiers". Os dous coñecéronse en 1614, alcumando o rei a este mozo como "Steenie" e outorgándolle unha gran cantidade de honras, culminando coa creación de Villiers como duque de Buckingham en 1623. George Villiers foi o primeiro común que sería elevado a un ducado en máis que un século.

Convocaron ao terceiro e penúltimo parlamento do reinado de Xacobe en 1621. A Cámara dos Comúns acordou conceder a Xacobe un pequeno subsidio para demostrar a súa lealdade, pero entón, vólvense a gañar o descontento do rei, o cal volveuse acendido contra eles por se entremeter en asuntos que o implicaban directamente. Villiers, agora principal conselleiro de Xacobe, foi atacado polo seu plan matrimonial do príncipe de Gales coa infanta española. A práctica de vender monopolios e outros privilexios tamén foi desaprobada. A Cámara dos Comúns intentou acusar a Francis Bacon, I vizconde de St. Albans, que foi implicado na venda de tales privilexios durante o seu servizo como Lord Chanceler, baixo os cargos de corrupción. A Cámara dos Lores condenou a Bacon, que foi quitado do seu cargo. Aínda que a acusación era a primeira en séculos, Xacobe non se opuxo, crendo que ao sacrificar a Bacon poderíalle axudar a desviar a oposición parlamentaria. Ao final, Xacobe liberou a Bacon da prisión e concedeulle o completo perdón.

Logo diso, pronto prosentouse un novo conflito constitucional. Xacobe estaba impaciente por axudar ao seu xenro, o elector palatino, e solicita ao parlamento un subsidio. En contrapartida, a Cámara dos Comúns, solicitoulle que abandonase a alianza con España. Cando Xacobe declarou que a Cámara Baixa excedera os seus límites ofrecéndolle este acordo, a Cámara dos Comúns fai unha protesta que demandaba que tiña o dereito de discutir calquera materia referente ao benestar do reino. Xacobe pediu que a protesta fose publicada de xeito censurado no diario dos Comúns, e disolveu o Parlamento.

Últimos días e morte

editar

Durante o seu último ano de vida, mentres Buckingham consolidaba o seu control sobre Carlos para asegurar o seu propio futuro, Xacobe estivo a miúdo seriamente enfermo. Polo xeral foi incapaz de visitar Londres, e a súa figura foi perdendo relevancia nos asuntos de Estado.[75] A comezos de 1625, o soberano padecía artrite, gota e desmaios, e en marzo enfermou seriamente de febres terzás e sufriu un ataque ao corazón.

Finalmente morreu en Theobalds House o 27 de marzo de 1625, aos 58 anos de idade, durante un forte ataque de disentería, con Buckingham ao seu lado.[76] O funeral do defunto rei, magnífico pero desorganizado, tivo lugar o 7 de maio. John Williams, bispo de Lincoln, realizou o sermón, observando que "o rei Salomón morreu en paz, habendo vivido uns 60 anos... e sabedes que así ocorreu co rei Xacobe".[77] Foi sepultado na Capela da Raíña de Henrique VIII na abadía de Westminster

Descrición do rei

editar
 
Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra en 1621, pintado por Daniël Mijtens.

Xacobe Estuardo tivo unha personalidade extremadamente curiosa, excéntrica pero non cegadora, esvaecida entre as sombras das soadas raíñas que lle precederon, Isabel I en Inglaterra e María Estuardo en Escocia, e as desdichas do seu fillo Carlos, o primeiro rei condenado á morte por un Parlamento.

Apaixonado pola caza, gran comedor e desmedido bebedor, Xacobe era un erudito de primeira categoría, capaz de rebater os argumentos dos sabios, teólogos e xuristas, de atafegarlles con testaláns discursos en latín e mergullalos baixo unha catarata de citas bíblicas. Pero, á vez, era un home caprichoso, vaidoso e sumamente covarde, do que se dicía que non podía ver unha espada sen botarse a tremer. Achábase falto de toda graza e lavábase moi raramente, compracéndose con cinismo no seu desaseo. Tiña accesos de cólera durante os cales non sabía ben o que dicía, chegando aos insultos, e os seus súbditos crían que faltáballe dignidade.

Era medorento e desconfiado, e receaba de todo o mundo, temendo constantemente ser asasinado (como o foi o seu coetáneo Henrique IV de Francia, ao que detestaba). Súas mandíbulas prognácicas, moi estreitas, e a súa lingua demasiado longa impedíanlle inxerir alimentos sen provocar ruídos desagradables. Falaba un inglés difícil, cun áspero acento escocés, e tiña unha voz chirlona e alporizante.

A súa pouco disimulada aversión ás mulleres foi notoria a pesar da súa voda con Ana de Dinamarca. Moi probablemente fose homosexual ou bisexual, e outorgou títulos de nobreza, terras, pensións e xoias aos seus diversos favoritos con tal xenerosidade que esgotou o tesouro real. Os ingleses desaprobaron tanto o comportamento do monarca e a súa Corte como os seus gastos.

Ascendencia

editar
Xenealoxía de Xacobe VI e I en tres xeracións[78]
Xacobe VI
e I
Pai:
Henrique Estuardo, Lord Darnley
Avó paterno:
Mateo Estuardo
Bisavó paterno:
Xoán Estuardo (III conde de Lennox)
Bisavoa paterna:
Isabel Estuardo, condesa de Lennox
Avoa paterna:
Margarida Douglas
Bisavó paterno:
Archibald Douglas
Bisavoa paterna:
Margarida Tudor
Nai:
María I de Escocia
Avó materno:
Xacobe V de Escocia
Bisavó materno:
Xacobe IV de Escocia
Bisavoa materna:
Margarida Tudor
Avoa materna:
María de Guisa
Bisavó paterno:
Claudio I de Guisa
Bisavoa materna:
Antonieta de Borbón

Descendencia

editar

Entre 1593 e 1595, Xacobe tivo por amante a Ana Murray, con posterioridade Lady Glamis, da que non tivo descendencia coñecida. Do seu matrimonio con Ana de Dinamarca houbo 9 fillos, dos que só 3 chegaron á idade adulta:[79]

Tratamento e títulos

editar
  • 19 de xuño de 156624 de xullo de 1567: Príncipe Xacobe
  • 19 de xuño de 1566 – 24 de xullo de 1567: Duque de Rothesay
  • 10 de febreiro – 24 de xullo de 1567: Duque de Albany (conde de Ross, Lord Ardmannoch)
  • 24 de xullo de 1567 – 27 de marzo de 1625: Súa Gracia Xacobe VI, rei dos escoceses.
  • 24 de marzo de 1603 – 27 de marzo de 1625: Súa Maxestade Xacobe I, rei de Inglaterra, Escocia, Francia e Irlanda, Defensor da Fe etc.


Predecesor:
María I
  
Rei de Escocia, Señor das Illas
 
1567 - 1625
Sucesor:
Carlos I
Predecesor:
Isabel I
  
Rei de Inglaterra e Irlanda
 
1603 - 1625
Sucesor:
Carlos I
  1. O nome James tradúcese ao galego como Xacobo/e, Xaime, Iago ou Santiago. No caso dos reis de Escocia e Inglaterra que levaron ese nome tradúcese como Xacobo/e.
  2. Stewart, p. 47; Croft, p. 16; Willson, pp. 29-31.
  3. Os dereitos de Xacobe ao trono inglés, como bisneto de Henrique VII, eran con moito superiores aos de calquera outro. Con todo, por vontade de Henrique VIII deixouse de lado á liña escocesa da súa irmá Margarida Tudor en favor da súa irmá menor, María Tudor, duquesa de Suffolk. Stewart, pp. 159-161; Willson, pp. 138-141.
  4. Tras a unión persoal das tres coroas, Xacobe foi o primeiro en pretender titularse Rei de Gran Bretaña, atopándose coa oposición dos parlamentos de Inglaterra e Escocia, que consideraban o título carente de tradición e base legal. Croft, p. 67; Willson, pp. 249–52.
  5. Para un sumario das diferentes interpretacións que fixeron os historiadores dos reinados de Xacobe en Escocia e Inglaterra, convén consultar a introdución da obra King James, de Pauline Croft. A investigacións máis recentes puxeron énfases nos éxitos de Xacobe en Escocia, aínda que ata a este respecto hai desconformes, como o historiador Michael Lynch. Tamén hai unha tendencia a valorar máis os éxitos de Xacobe nos comezos do seu reinado en Inglaterra. Croft, pp 1–9.
  6. Durante os últimos tres séculos, a reputación de Xacobe sufriu por causa das acedas descricións que del fixo Sir Anthony Weldon, ao que Xacobe despedira do seu servizo, que se dedicou a escribir contra el na década de 1650. "A miúdo agudo e perceptivo, pero tamén prexuízoso e inxurioso, a súa condición de testemuña presencial dos feitos e lectura amena e compulsiva levou a demasiados historiadores a consideralo axiomático". Croft, pp. 3-4. Outros influentes historiadores contrarios a Xacobe durante este período foron: Sir Edward Peyton, Divine Catastrophe of the Kingly Family of the House of Stuarts (1652); Arthur Wilson, History of Great Britain, Being the Life and Reign of King James I (1658); e Francis Osborne, Historical Memoirs of the Reigns of Queen Elizabeth and King James (1658). Vide Lindley, p. 44, para máis información sobre a influencia exercida polos historiadores da Commonwealth e a tradición de retrotraer os erros de Carlos I ao reinado do seu pai.
  7. Croft, p. 6; Smith, p. 238.
  8. Milling, p. 155.
  9. Demonoloxía, en forma de diálogo Arquivado 26 de setembro de 2007 en Wayback Machine.; versión online na páxina web da Biblioteca Folger Shakespeare (Washington, DC)
  10. Un home moi sabio dixo unha vez que se consideraba "o bobo máis sabio da Cristiandade", pois aínda considerándose un sabio nas cousas miúdas, sabíase un bobo nos asuntos de peso. Sir Anthony Weldon (1651), The Court and Character of King James I, citado por: Stroud, p. 27; A etiqueta do "bobo máis sabio da Cristiandade', é a miúdo atribuída a Henrique IV de Francia, pero posiblemente foi acuñada por Anthony Weldon, e recolle con precisión as paradoxais calidades de Xacobe. Smith, p. 238.
  11. Margarida Tudor foi a nai de Margarida Douglas, a futura condesa de Lennox e nai de Lord Darnley. Tamén era avoa de María Estuardo, a través do seu fillo Xacobe V de Escocia. Guy, p 54.
  12. Guy, pp. 236–7, pp. 241–2, p. 270.
  13. Guy, pp. 248–50.
  14. 14,0 14,1 Croft, p. 11.
  15. Isabel I de Inglaterra escribiu a María:
    "Os meus oídos foron tan asombrados, a miña mente tan molestada e o meu corazón tan arrepiado na audiencia do horrible informe do abominable asasinato do seu defunto marido e o meu curmán morto brutalmente, que apenas podo convocar o espírito para escribir sobre iso (...) non lle ocultarei que a xente na súa maior parte di que vostede mirará os seus dedos con respecto a este feito en lugar de vingalo e que vostede non se preocupará de tomar medidas contra aqueles que lle deron este pracer."
    O historiador John Guy conclúe non obstante que xamais se atopou unha evidencia sen manipular que demostre que María Estuado sabía algo do plan para asasinar a Darnley. Guy, pp. 312-313. Para David Harris Willson, en cambio, está fóra de dúbida que Bothwell foi o asasino, e case igual de probable que a raíña fose a súa cómplice. Willson, p 18.
  16. Guy, pp. 364–5.
  17. Carta de María Estuardo a Mar, 29 de marzo de 1567:
    "Suffer nor admit no noblemen of our realm or any others, of what condition soever they be of, to enter or come within our said Castle or to the presence of our said dearest son, with any more persons but two or three at the most."
    Citada por: Stewart, p. 27.
  18. Willson, p. 18; Stewart, p. 33.
  19. Croft, pp. 12–13.
  20. Croft, p. 13.
  21. Stewart, p. 45; Willson, pp. 28–29.
  22. 22,0 22,1 Croft, p. 15.
  23. Stewart, pp 51–63; Ao longo da súa vida Xacobe tivo relacións tan estreitas con homes da súa Corte, que os historiadores especularon e debateron por extenso sobre a súa orientación sexual: A evidencia da súa correspondencia e testemuños contemporáneos levou a algúns historiadores a concluír que o rei era homosexual ou bisexual. Pero, de feito, esta conclusión non está clara. Bucholz, p. 208; En Basilikon Doron, Xacobe citaba a sodomía entre os crimes "que en conciencia nunca poderán perdoarse". Sharpe, p 171; "O mesmo patrón de conduta de repetiu con estes homes [Carr e Villiers] como anteriormente fora o caso con Esmé Estuardo. A evidencia suxire que ambos tiveron unha relación física co seu soberano." Barroll e Ceresano (ed), p 239.
  24. David Calderwood escribiu a tal respecto: "Así acabou este nobre, un dos principais instrumentos da Reforma; defensor da mesma e do rei na súa minoría de idade, polo cal era agora tan ingratamente tratado". Citado por: Stewart, p. 63.
  25. Stewart, p. 63.
  26. Willson, p. 35.
  27. Os seus captadores obrigáronlle a asinar unha proclama, datada o 30 de agosto, declarando que non era mantido prisioneiro pola forza ou violencia, por medo ou terror, ou contra a súa vontade, e que ninguén debía vir na súa axuda como resultado de informes contrarios ou sediciosos. Stewart, p. 66.
  28. Croft, p. 17, p. 20.
  29. Escocia rompeu brevemente as súas relacións diplomáticas con Inglaterra por mor deste crime, pero o propio rei escribiu a Isabel que Escocia xamais estivese "libre de faccións de habela permitido vivir". Croft, p. 22.
  30. Croft, p. 23.
  31. Stewart, pp 150–157.
  32. "Os dous principais protagonistas estaban mortos, acabando así cas declaracións das testemuñas presenciais e só quedou a versión do rei Xacobe". Williams, 61; George Nicolson informou: "Comeza a notarse que o contado polo rei podería disentir [dos feitos]". Stewart, p 154. Pauline Croft chama ao complot de Gowrie "a máis escura de todas as conspiracións nobiliarias escocesas". Croft, p 45.
  33. Croft, pp. 23–24.
  34. Willson, p. 85.
  35. Stewart, pp. 107–110.
  36. Willson, pp. 85–95.
  37. "Os reis son chamados deuses polo profético rei David porque asentan sobre Deus o seu trono na terra e han de dar conta da súa administración ante El." Citado por: Willson, p. 131.
  38. Croft, pp. 131–133.
  39. Willson, p. 133.
  40. Segundo Xacobe, un rei non debía parecer un disipador disoluto (Croft, p. 135) e debía evitar a compañía de mulleres, "que non son outra cousa que irritamenta libidinis" (Willson, p. 135).
  41. "O Basilikon Doron é a mellor [obra en] prosa que xamais escribiu Xacobe." Willson, p. 132; "Xacobe escribiu, esparexendo simpáticas digresións a través do texto." Croft, pp. 134–5.
  42. Croft, p 133.
  43. Citado por: Willson, p. 132.
  44. Xacobe describiuno como rei de facto. Croft, p. 48.
  45. O seu curmán en segundo grao, o vizconde de Beauchamp, fillo de Lady Catalina Grey, era o herdeiro maior, pero, de acordo á lei, foi considerado ilexítimo porque o matrimonio dos seus pais foi anulado
  46. Croft, p. 49; Willson, p. 158.
  47. Croft, p. 50.
  48. Stewart, p. 169.
  49. Stewart, p. 172.
  50. 50,0 50,1 Croft, p. 51.
  51. Croft, p 51; a introdución de Henry Howard, pronto nomeado conde de Northampton, e de Thomas Howard, pronto nomeado conde de Suffolk, marcou o comezo da elevación da familia Howard aos máis altos postos de poder, que chegaría ao seu ápice tras a morte de Cecil en 1612. Henry Howard, fillo do poeta Henry Howard (conde de Surrey), fora un dilixente correspondente de Xacobe á hora de obter o trono inglés, e o monarca confiaba nel. A súa conexión con Xacobe podería estar relacionada co intento do seu irmán Thomas Howard (IV duque de Norfolk), para liberar a María Estuardo e casar con ela, o que levou á súa execución en 1572. Willson, p. 156; Guy, pp. 461-468. Para máis información sobre os Howard, ver The Trials of Frances Howard, de David Lindley. Sobre Henry Howard, unha figura tradicionalmente aldraxada (Willson [1956] chamouno "Un home de escuros consellos e intrigas, culto pero ampuloso, e o máis vil afagador". p. 156) cuxa reputación foi mellorando entre os historiadores actuais (Croft, p. 6), ver: Northampton, de Linda Levy Peck.
  52. 52,0 52,1 Croft, p 51.
  53. Croft, pp. 52–54.
  54. Xacobe insistía en que o inglés e o escocés debían "unirse e fundirse entre si, nunha sincera e perfecta unión, como dous xemelgos criados nun mesmo ventre, e amarse o un ao outro como unha única clase, xamais dúas". Willson, p. 250.
  55. Willson, pp. 249–52.
  56. Croft, pp. 52-53.
  57. Croft, p. 118.
  58. Stewart, p 219.
  59. Croft, p 64.
  60. Croft, p. 63.
  61. Citado por: Croft, p. 62.
  62. Willson, p. 357.
  63. Simon Schama, A History of Britain, Vol. II, p. 59 (Nova York, Hyperion, 2001).
  64. J.P. Kenyon, Stuart England, pp. 88–89 (Harmondsworth, Inglaterra, Penguin Books, 1978).
  65. Willson, pp. 408–416.
  66. Willson, p. 417.
  67. 67,0 67,1 Willson, p. 421.
  68. Willson, p. 442.
  69. Xacobe escribiu: "Non podemos aguantar con paciencia que os nosos súbditos empreguen tales palabras antimonárquicas con nos no concernente ás súas liberdades, a menos que engadisen que lles foron concedidas por graza e favor dos nosos predecesores." Citado por: Willson, p. 423.
  70. Willson, p. 243.
  71. Baixo os pouco orixinais nomes de Thomas e John Smith. Croft, p. 118.
  72. Croft, pp. 118–119.
  73. Shama, p. 64. "Houbo un inmenso estalido de alegría popular, con fogos artificiais, campás ao voo e festas rueiras." Croft, p 120.
  74. Croft, pp 120–121.
  75. Algúns historiadores (por exemplo, Willson, p. 425) consideran que Xacobe caera nunha senilidade prematura; en todo caso, sufría, entre outros achaques, dunha dolorosa artrite que lle deixaba indisposto; Pauline Croft suxire que no verán de 1624, aliviado pola bondade do clima, Xacobe recuperou as rendas do poder, rexeitando as políticas agresivas de Carlos e Buckingham e negándose a sancionar a guerra contra España (Croft, pp. 126-127).
  76. Un medicamento recomendado por Buckingham só serviu para que o rei empeorase. "A disparidade entre a política exterior do monarca e a do favorito era tan obvia que houbo un rumor xeral de que o había envelenado." Croft, pp. 127–128.
  77. O sermón de John Williams foi posteriormente impreso co título de "Salomón británico" (sic). Croft, pp. 129–130.
  78. Nobre, 1795: Guy, táboas xenealóxicas, pp. xii–xiv.
  79. Stewart, p. 140 e 142.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Atherton, Ian, e Como, David (2005). The Burning of Edward Wightman: Puritanism, Prelacy and the Politics of Heresy in Early Modern England. English Historical Review, Volume 120, decembro de 2005, Nº 489, 1215-1250. Oxford: Oxford University Press.
  • Barroll, J. Leeds (2001). Anna of Denmark, Queen of England: A Cultural Biography. Filadelfia: Universidade de Pennsylvania. ISBN 0-8122-3574-6.
  • Barroll, J. Leeds e Cerasano, Susan P. (1996). Medieval and Renaissance Drama in England: An Annual Gathering of Research, Criticism and Reviews. Fairleigh Dickinson University Press. ISBN 0-8386-3641-1.
  • Bucholz, Robert e Key, Newton (2004). Early Modern England, 1485-1714: A Narrative History. Blackwell Publishing. ISBN 0-631-21393-7.
  • Croft, Pauline (2003). King James. Basingstoke e Nova York: Palgrave Macmillan. ISBN 0-333-61395-3.
  • Davies, Godfrey ([1937] 1959). The Early Stuarts. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-821704-8.
  • Guy, John (2004). My Heart is My Own: The Life of Mary Queen of Scots. Londres e Nova York: Fourth Estate. ISBN 1-84115-752-X.
  • Krugler, John D. (2004). English and Catholic: the Lords Baltimore in the Seventeenth Century. Baltimore: Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-7963-9.
  • Lindley, David (1993). The Trials of Frances Howard: Fact and Fiction at the Court of King James. Routledge. ISBN 0-415-05206-8.
  • Milling, Jane (2004). "The Development of a Professional Theatre", en: The Cambridge History of British Theatre. Jane Milling, Peter Thomson, Joseph W. Donohue. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-65040-2.
  • Noble, Mark (1795). An Historical Genealogy of the Royal House of Stuarts, from the Reign of King Robert II to that of King James VI. Londres: R. Faulder. Versión online en Google books.
  • Parker, Geoffrey (1986). Europa en crisis, 1598-1648. Madrid: Siglo XXI ISBN 84-323-0411-5
  • Stewart, Alan (2003). The Cradle King: A Life of James VI & 1. Londres: Chatto and Windus. ISBN 0-7011-6984-2.
  • Stroud, Angus (1999). Stuart England. Routledge ISBN 0-415-20652-9.
  • VV.AA. (1987). El apogeo de Europa en: Gran Historia Universal, vol. VI. Madrid: Nájera. ISBN 84-7662-040-3.