Trevo rubio
- Para o trevo de flor cor vermella máis intensa ("Trifolium incarnatum"), véxase o artigo "trevo encarnado".
Trevo rubio | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Trifolium pratense L. |
O trevo rubio ou trevo violeta[1] (Trifolium pratense L. ) é unha planta leguminosa nativa de Europa, oeste de Asia e noroeste de África.
O seu cultivo parece datar contra os séculos XVII e XVIII.
Descrición
[editar | editar a fonte]Trátase dunha herbácea perenne de 10-60 cm de altura (pode acadar até os 110 cm) e vilosidade variábel. Talos erectos ou ascendentes. O seu sistema radicular consta dunha raíz pivotante, que resulta pequena en comparación coas numerosas raíces adventicias, que forman unha coroa que parte do colo.
Presenta follas trifoliadas con folíolos ovalados, brandos, de grandes dimensións (1-3 cm de longo e 8-15 mm de largo), con dúas estípulas basais estreitadas en aresta, un pecíolo de 1-4 cm de lonxitude e de cor verde cun característico pálido crecente na metade máis externa da folliña. Dispóñense alternamente.
As flores, de 12-15 mm de lonxitude, posúen corolas formadas por 5 pétalos soldados de cor rosa violáceo e con menor frecuencia brancas ou purpúreas, sendo membranosas na frutificación. O cáliz está formado por 5 sépalos soldados formando un tubo case zigomorfo de aparencia campanulada, é piloso, con 10 nervios, dentes lineares e unha calosidade na gorxa. As flores preséntanse agrupadas en inflorescencias de 2-3 cm de diámetro con forma de cabezas globosas, sésiles e cubertas na súa base polas estípulas das follas superiores.
O froito é un legume sentado, incluído no cáliz, indehiscente, de forma ovoide e contén unha soa semente. Estas son de forma acorazonada, moi pequenas e de tonalidades que varían do amarelo ao violeta.
Respecto da posición das xemas de recambio durante a estación desfavorábel, estas atópanse no chan ou inmediatamente debaixo, é dicir, o seu biotipo é hemicriptófito.
A planta foi nomeada Trifolium pratense por Carl von Linné en 1753. Pratense en latín para "atopado nos prados".
A especie está moi vinculada ó abellón común, xa que polo deseño das flores, só os abellóns e outros insectos teñen a forza que cómpre para abrilas. Ademais o néctar atópase nunha corola profunda que só os abellóns coa súa longa lingua poden alcanzar.
Requirimentos ambientais
[editar | editar a fonte]Temperatura
[editar | editar a fonte]Medra ben en temperaturas medias, tolerando mellor as baixas (encontrándose até os 1 800 m no piso montano e subalpino) que as altas temperaturas, detendo o seu crecemento a partir de 30-35 °C, polo que se adapta ben a climas fríos e/ou temperados, dando peores rendementos nos climas cálidos.
A temperatura inflúe de xeito definitivo no desenvolvemento do cultivo, sendo a vida deste de até 7 anos en climas fríos e de menos de tres anos en climas cálidos.
Tamén aguanta a sombra non moi intensa en ribeiras arboradas.
Necesidades de auga
[editar | editar a fonte]É bastante esixente en humidade, necesitando 700 mm anuais como mínimo (en Galicia son cifras que se superan en todo o territorio). Non atura as enchentes prolongadas nin a seca, sendo as necesidades hídricas o punto máis delicado do seu cultivo, sobre todo nos meses de maio e xuño.
Solo
[editar | editar a fonte]Vexeta en todo tipo de solos, aínda que prefire os profundos (como xa se dixo, non soporta os asolagamentos) e con bo nivel de bases. Soporta solos lixeiramente acedos (pH 6-7,5). Un bo nivel de arxila mellora o cultivo (franco a franco-arxilosos). É pouco produtivo en solos areentos ou liviáns. En comparación coa alforfa, pode ir en solos máis acedos e máis húmidos. As leiras nas que se sementa non deben ter soportado trevo rubio varios anos antes, dous ou tres coma mínimo.
Responde axiña ás achegas de fósforo e potasio.
Distribución e zonas de cultivo
[editar | editar a fonte]É orixinaria do sueste de Europa, oeste de Asia e nordés de África. O cultivo coma forraxeira iniciouse no norte de Europa e actualmente tense estendido por todo o planeta, con grande espallamemto en toda a Europa continental, sur de Australia, Nova Zelandia, nordés asiático, Estados Unidos e máis o cono sur americano. Naturalizouse en moitas áreas temperadas, incluídas as Américas e Australasia, por escape do cultivo.
Na Península Ibérica medra bravo ao longo de todo o territorio, incluído Galiza, en leiras desleixadas, beirís dos camiños, beiras dos ríos etc. É, ademais, a leguminosa de sega máis utilizada nas áreas de clima temperado, sendo as zonas de maior cultivo os regadíos da Meseta Norte (León), a parte alta de Aragón, e en menor medida a cornixa cantábrica, como planta integrante das mesturas de pradeira. No sur cultívase menos, mais con notábeis rendementos baixo rega.
Produción
[editar | editar a fonte]Non existen datos oficiais de produción individualizados para o cultivo do trevo rubio en España nin en Galiza.
A seguir amósase unha táboa coa produtividade de distintas variedades:
Variedade | kg MS /ha/ano |
---|---|
cv. Turoa | +25 000 |
cv. Hamua | +20 000 |
Galiza | 10-15 000 |
Centro e sur | 15-20 000 |
En condicións óptimas de fertilización e humidade pódense acadar rendementos máximos de entre 20-26 tm de MS/ha/ano.
Variedades
[editar | editar a fonte]A clasificación máis habitual adóitase facer atendendo á precocidade de floración, aínda que tamén se clasifican en función do seu porte (alto, máis apto para sega, e baixo, máis axeitado ao pastoreo) e grao de ploidía (2n e 4n).
- Floración temperá: Inclúe as variedades precoces e moi precoces, que florecen en abril ou maio. Adáptase mellor a pradeiras de vida curta e require solos de alta fertilidade Ex.: Kedland, Midland ou Essex.
- Floración intermedia: Floración a finais de maio. Aproximadamente dúas semanas despois que as do tipo anterior e son máis serodias na súa produción primaveral. Xeralmente son máis persistentes que as de floración temperá. Producen bo rendemento de feo, pero o seu gromo non é moi satisfactorio. Ex.:Rotra, Barfiola, Tetri.
- Floración serodia: Inclúe as variedades serodias a extraserodias. Floración de finais de maio a xuño. Dúas ou tres semanas máis tarde que as de floración intermedia e un mes despois que as primeiras. O seu crecemento primaveral é máis serodio, sendo de maior persistencia, polo que se usan en praderías de vida mediana a longa. Presentan bos gromos despois da corta para conservar. Ex.: Gollum, Viola, Marcom
Na actualidade, os principais obxectivos de selección son a mellora da persistencia, en particular introducindo resistencia ao fungo Sclerotinia, así como, a través das variedades tetraploides, conseguir maior perennidade e mellor produción.
Sementeira e cultivo
[editar | editar a fonte]Implántase con facilidade e a súa vida produtiva é de 2-3 anos. Doses de sementeira en cultivo puro: 20 kg/ha, en mestura: <10 kg/ha, adoitando estar mesturado cun cereal de inverno.
Por mor do seu raizame medianamente profundo é menos resistente á seca ca o Lotus e a alforfa, respondendo en forma notábel á rega. Chega a medrar con temperaturas moderadas de verán sempre que dispoña de cantidades suficientes de humidade. Medra ben a temperaturas entre 7 °C e 35 °C, aínda que as temperaturas altas semellan ter un efecto máis depresivo sobre o establecemento, crecemento e persistencia que as temperaturas baixas (Kendall, 1958).
Cómpre sementar cedo no outono, dado que as súas plántulas son sensíbeis ao frío. En sementeiras oportunas, compiten fortemente con outros pastos e leguminosas, particularmente baixo condicións favorábeis de humidade e temperatura e producen altos volumes de forraxe no seu primeiro ano. Esta característica compensa a súa vida curta e xustifica a súa inclusión en mesturas para pradeiras permanentes, as cales normalmente non son moi produtivas no primeiro ano e principios do segundo. Téñense feito estudos sobre o beneficio no establecemento do trevo rubio mediante a sementeira de Pisum sativum, producíndose un aumento da produción que flutuou entre un 85% a un 208%.
Debido ao seu xeito de crecemento, semellante ao da alforfa, a súa utilización debe respectar os períodos de descanso precisos para permitir que tras da defoliación xurdan da coroa os novos gomos e se acumulen na raíz as reservas necesarias.
Adóitase sementar cedo no outono. Se é un bo outono adóitase aproveitar nese mesmo outono e continúase na primavera a seguir. No caso de que se semente na primavera o aproveitamento debe diferirse até o outono seguinte.
Así mesmo, é recomendado especialmente como mellorador de solos. Desenvólvese moi ben en sementeiras asociadas por posuír un alto grao de tolerancia á sombra, podéndose sementar até 8 quilogramos por hectárea.
A escolla do trevo rubio a utilizar depende do destino que se dará ao pasteiro, con referencia ás necesidades de forraxe en inverno ou verán ou da posibilidade de utilizar ou non outras leguminosas.
Aproveitamento segundo a variedade:
Variedade | Nº de cortas |
---|---|
Temperá | 3-4 Cortes/Pastoreo |
Intermedia | 2 Cortes |
Serodia | 1 Corte |
Enfermidades
[editar | editar a fonte]Un dos principais problemas desta especie é a súa escasa resistencia a enfermidades, o que desemboca en baixa persistencia nalgunhas zonas. Sofre ataques principalmente de dous fungos, Sclerotinia e Rhizoctonia, que atacan a coroa da raíz e a base do talo, ocasionando marelecemento e despois a morte da planta.
Tamén sofre ataques foliares por oídio, ferruxe, Stemphylium e Pseudopeciza.
Aproveitamentos forraxeiros
[editar | editar a fonte]É unha especie que proporciona pasto abondoso e de moi boa calidade, mesmo no verán, se recibe suficientes achegas hídricas; tanto é así, que en Francia se di que contribuíu máis que a pataca ao desenvolvemento da economía agraria do país. Porén non é persistente no pasteiro, ou pola súa curta vida (tres-catro anos máximo) ou porque non resiste a competencia con outras especies.
Despois dunha defoliación, os gromos empezan desde a coroa das plantas ou desde os entrenós basais dos talos desenvolvidos. Porén, dado que se trata dunha especie de ciclo invernal, as plantas pasan o outono e o inverno en forma de roseta, producíndose o alongamento dos talos unha vez chegada a primavera. Isto significa que durante un período longo do seu ciclo, todos os puntos de crecemento están situados preto do nivel do chan.
As flutuacións no volume de substancias de reserva das raíces do trevo rubio seguen unha evolución moi semellante ás da alforfa, aínda que baixo usos similares o trevo rubio sempre posúe niveis bastante menores. Neste último sentido ocupa unha posición intermedia entre a alforfa e o lotus (Smith, 1962). Ademais, observouse que os devanditos niveis descenden de xeito apreciábel tanto durante o inverno como durante o verán, o que pode afectar notabelmente á produtividade e a persistencia desta especie nesas épocas do ano. Este comportamento do trevo rubio esixe que os seus cultivos sexan feitos de xeito que se permita ás plantas recuperaren as súas reservas despois de cada período de pastoreo.
O trevo rubio adáptase así a un uso racional tipo pastoreo rotativo. Nos devanditos períodos críticos, o trevo rubio deberá permanecer con áreas foliares axeitadas, co que se equilibrarán os gastos en metabolitos e no verán favorecerase ademais unha mellor utilización da auga. Neste último sentido é fundamental entrar no período estival con sistemas radiculares estendidos.
Aínda que ten un menor contido proteico que a alforfa, presenta unha elevada proporción de glícidos e unha maior dixestibilidade. Se se pace só pode producir meteorismo, por iso se recomenda asocialo a unha gramínea; vai ben cultivado en asociación con raigrás italiano. Ademais, dado o alto contido en isoflavonas, algunhas variedades teñen unha considerábel actividade estroxénica.
A mestura con trevo branco é moi usada, porque como é máis rápido na súa instauración, o primeiro ano ten bo aproveitamento, e despois é desprazado polo branco.
Ten un aproveitamento moito mellor como sega que como pastoreo (por ser unha especie de porte case erecto, con coroa superficial, susceptibilidade de pastoreo, con ciclo de reservas etc.). Unha vez segado, pódese dar en verde ou conservarse mediante ensilado ou fenación. Por mor da súa elevada proporción en glícidos a respecto da proteína, é unha das leguminosas con mellor capacidade de ensilado, sendo o momento máis axeitado entre o estado de xemas florais e o comezo da floración, cando as plantas posúan o 50 por cento de floración. Se se ensila un cultivo puro de trevo débense tomar as precaucións recomendadas para outras leguminosas, debido ao seu baixo contido de carbohidratos, alto contido en proteínas e humidade.
Polo contrario non é demasiado apto para a fenación, xa que o feo desta leguminosa é de calidade algo inferior, proporcionando porcentaxes menores de proteína dixestible que a alforfa. Tamén ao pouco tempo de cortado e murchado as follas máis expostas á acción da luz denigren, o que xunto coa proporción alta de talos grosos, fan que perda valor comercial. O momento axeitado de fenar é cando o cultivo presenta de media a completa floración e antes de que as súas flores collan cor amarronada. Se a corta se realiza con anterioridade, na época de iniciación da floración, alcanzarase un alimento de alta calidade equivalente en proteínas ao feo de alforfa, pero cun menor rendemento (Fergus e Hollowell, 1960).
Aínda que o aproveitamento é peor (e de feito é o seu uso máis común) tamén se pode pacer, véndose afectada a súa persistencia. Polo seu elevado talle é máis axeitado para gando bovino que para o ovino.
Variedades de cultivo de interese forraxeiro
[editar | editar a fonte]Existen variedades de cultivo de Trifolium pratense L. desenvolvidas co obxectivo de mellorar aspectos da especie, directamente relacionados co seu uso como forraxe. Desenvolvéronse en Nova Zelandia e Australia, variedades con menor contido na isoflavona formononetina, responsábel do descenso na fertilidade das ovellas:
- Variedades diploides de floración temperá.
- Trifolium pratense L. cv. Grasslands Colenso
- Variedades tetraploides de floración serodia.
- Trifolium pratense L. cv. Enterprise
- Trifolium pratense L. cv. Redquin
Existe outro cultivar australiano digno de mención, dada a súa doada propagación vexetativa grazas ao seu hábito estolonífero, e a súa gran persistencia ao ser pastado a dente.
- Trifolium pratense L. cv. Astred
"FAO Grassland, Trifolium pratense L. Cultivars.". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2015. Consultado o 31 de marzo de 2014.
Trifolium pratense L. cv. Redquin
[editar | editar a fonte]Orixe
[editar | editar a fonte]A variedade de cultivo (cultivar) Redquin, de trevo rubio (Trifolium pratense L.), obtívose mediante métodos de selección a partir do cultivar chileno Quinequeli, co obxectivo de conseguir unha variedade con baixo contido na isoflavona formononetina, responsábel do descenso na fertilidade das ovellas. O programa de selección foi dirixido desde o Instituto de Agricultura, da Universidade de Australia oeste coa colaboración do Departamento de Agricultura de Nova Gales do Sur. A semente obtida polos melloradores consérvase na División de Enxeñaría Vexetal, do Departamento de Agricultura de Nova Gales do Sur (Australia). A variedade foi rexistrada nos Comités de coordinación de plantas forraxeiras en Australia, en abril de 1979.
Descrición morfolóxica
[editar | editar a fonte]Trátase dunha planta de vida curta, perenne, cun hábito de crecemento denso. Forma numerosas mouteiras con dez a quince entrenós, a partir dunha coroa basal na que se atopa o meristema de afillamento. A formación de talos secundarios a partir das xemas axilares presentes en cada mouteira é rara. Os folíolos que compoñen cada folla son xeralmente ovados ou ovobados. As marxes das follas son enteiras ou dentadas. As marcas nas follas poden non aparecer ou si facelo. Se están presentes varían, desde un punto central verde brillante, até unha marca irregular en forma de media lúa. Tanto a face superior coma o envés dos folíolos presentan tricomas. O pecíolo é estirado e piloso, con finos feixes vasculares de cor verde escura. As estipulas son longas, con forma oval, glabras e membranosas, cunha marxe diferenciada pola ausencia de feixes vasculares. Na zona vascularizada aprécianse nervios de cor verde escura ou púrpura, que se dividen en dirección á marxe das estípulas. Forma unhas inflorescencias globosas de cor púrpura rosada. As sementes son púrpura amarelentas.
Características agronómicas
[editar | editar a fonte]A variedade Redquin está adaptada a climas temperados frescos. Medra en solos con pH de 5 a 7. O óptimo de crecemento dáse desde o comezo da primavera deica a fin do outono. O Departamento de Agricultura de Nova Gales do Sur levou a cabo estudos comparativos da variedade respecto doutras variedades de trevo rubio. A súa produtividade é igual ou superior á doutras variedades da mesma especie. A produtividade de Redquin é especialmente superior nas condicións ambientais do outono e mais do inverno. A persistencia das plantas orixinais baixo pastoreo é igual ou mellor que no caso doutras variedades. O contido en formononetín era de 0,09 % en peso seco, comparado co 0,85 % presente no cultivar orixinario Quinequeli. Este contido é menor que a concentración a partir da cal se considera que existen efectos adversos sobre o potencial reprodutivo das ovellas. Tratándose de especies alógamas, cómpre manter en illamento o cultivar Redquin, e non cultivalo preto de variedades con alto contido en formononetín. Redquin é polo tanto unha leguminosa baixa en estróxenos, interesante para mellorar a produción forraxeira no inverno, en climas temperados costeiros ou de meseta, onde a precipitación é de moderada a alta. Pode ser tamén interesante en zonas de regadío.
"Register of Australian Herbage Plant Cultivars." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de abril de 2012. Consultado o 31 de marzo de 2014.
Cultivo histórico
[editar | editar a fonte]Na ligazón a seguir amósase un Manual de Labranza de 1860, onde queda de manifesto a importancia histórica do cultivo.
Outros usos
[editar | editar a fonte]As isoflavonas e fitoestróxenos do trevo rubio téñense usado para tratar algúns dos síntomas da menopausa (véxase sufocación). As mulleres grávidas e lactantes (que aleitan) deben evitar inxerir a planta. Úsase tamén coma antitusíxeno e para o tratamento da bronquite, o eccema, as chagas, a escrófula e, en gargarexos, para úlceras e feridas.
É a flor nacional de Dinamarca e a flor estatal de Vermont.
É un ingrediente da mestura para fumar 'Spice.
É tamén unha das oito herbas ingredientes do té anticanceroso en:essiac.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Trifolium pratense foi descrito por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 768. 1753.[2]
Número de cromosomas de Trifolium pratense (Fam. Leguminosae) e taxons infraespecíficos: 2n=16[3] 2n=14[4]
Trifolium: nome xenérico derivado do latín que significa "con tres follas".[5]
pratense: epíteto latino que significa "dos prados"[6]
- Variedades
Hai sete variedades:
- Trifolium pratense var. pratense moi cosmopolita
- Trifolium pratense var. americanum sueste de Europa (a pesar do nome)
- Trifolium pratense var. frigidum montañas de Europa central e sur (Pireneos, Alpes, Balcáns)
- Trifolium pratense var. maritimum sur das costas do mar Báltico
- Trifolium pratense var. parviflorum Europa
- Trifolium pratense var. sativum (Schreb.) Cincovic Mediterráneo. Robusto crecemento, glabras ou case
- Trifolium pratense var. villosum Alpes. Densa follaxe pilosa
- Trifolium borysthenicum Gruner
- Trifolium bracteatum Schousb.
- Trifolium lenkoranicum (Grossh.) Roskov
- Trifolium pratense var. lenkoranicum Grossh.
- Trifolium ukrainicum Opperman
- var. americanum Harz
- Trifolium expansum Waldst. & Kit.
- var. sativum Schreb.
- Trifolium baeticum Boiss.
- Trifolium sativum (Schreb.) Crome
- Trifolium sativum subsp. praecox Bobrov[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome vulgar galego en Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991; e Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004
- ↑ "Trevo rubio". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 5 de xaneiro de 2013.
- ↑ Trifolium baeticum Boiss. e Trifolium pallidum Waldst & Kit. Valdés, B. & F. González Bernáldez (1972) Lagascalia 2(2): 189
- ↑ Estudios cariohistológicos en el género Trifolium. Angulo Carpio, M. D., M. C. de Figueras & A. M. Sánchez de Rivera (1981) Bol. Soc. Brot. ser. 2 53(2): 877-885
- ↑ En Nomes Botánicos
- ↑ En Epítetos Botánicos
- ↑ Trevo rubio en PlantList
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Trevo rubio |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Trevo rubio |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- MUSLERA PARDO, E. e RATERA GARCIA, C. “Praderas y forrajes” Ed. Mundi-Prensa. 2ªEdición 1991. ISBN 84-7114-329-1
- DUTHIL, Jean. “Producción de forrajes”. Ed. Mundi Prensa. 3ªEdición 1976. ISBN 87-7114-050-0
- ERASO, Juan Ramon. “Las plantas de nuestros prados”. Ed. Mundi-Prensa. 1990. ISBN 87-7114-323-2
- GUERRERO, Andrés. “Cultivos herbáceos extensivos”. Ed.Mundi-Prensa. 6ªEdición 1999. ISBN 87-7114-797-1
- BUENDÍA. Fernando.”Especies pascícolas españolas”. Publicacións do Ministerio de Agricultura de España. 1965 Depósito legal: M.5982-1965.
- UPNA. “Flora Pratense y forrajera cultivada en la península ibérica” www.unavarra.es [en liña]
- MENENDEZ VALDERREY, Juan Luis. “Trifolium pratense L.” Asturnatura.com [en liña]. Núm. 75 , 17/01/06. ISSN 18
- CARÁMBULA, Milton "Producción y Manejo de Pasturas Sembradas" Ed.Hemisferio Sur. Depósito legal Nº 119.742/77
87-5066
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Red-clover seed production in the Intermountain States hosted by the UNT Government Documents Department
- Flora Europaea: Trifolium pratense
- Germplasm Resources Information Network: Trifolium pratense
- Embassy of Denmark, Washington - Other National Symbols
- FAO Grassland, Trifolium pratense L. Cultivars Arquivado 12 de marzo de 2015 en Wayback Machine.
- Register of Australian Herbage Plant Cultivars
- http://aunatura-land.com/germinados-brotes-microvegetales Arquivado 24 de abril de 2014 en Wayback Machine.