Saltar ao contido

Nieves Fariza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Nieves Fariza Alonso»)
Modelo:BiografíaNieves Fariza
Biografía
Nacemento17 de xaneiro de 1911 Editar o valor en Wikidata
Cambados, España Editar o valor en Wikidata
Morte28 de setembro de 1975 Editar o valor en Wikidata (64 anos)
Vigo, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmestra, sindicalista Editar o valor en Wikidata

Nieves Fariza Alonso, nada en Cambados o 17 de xaneiro de 1911 e finada en Vigo o 28 de setembro de 1975, foi unha mestra e sindicalista galega.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Filla do sarxento da Garda Civil Emilio Fariza San Román e de Teodora Alonso Ríos, irmá de Antón Alonso Ríos. Estudou o Bacharelato Universitario en Santiago de Compostela en 1929.[1] Creou e dirixiu a academia Escuela Moderna na Estrada en 1933.[2] Foi mestra da escola privada do Sindicato de Guimarei que abriu o 5 de abril de 1934.[3] Foi mestra en Xacebáns (Quintela de Leirado), onde amosou a súa oposición á Igrexa católica negándose a impartir clases de relixión.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 agochouse en diferentes faiados da Estrada. Foi sancionada en 1940 con suspensión de emprego e soldo durante dous anos e traslado fóra da provincia. Foi destinada a Solduengo (Burgos) e ao rematar o castigo destinárona a Arcucelos (Laza).[4] O seu marido Carlos Martínez, traballador do ferrocarril, morreu de silicose en 1947. Enfrontouse cos empresarios de MZOV para esixirlles o pago de pensións ás viúvas dos operarios ferroviarios afectados pola silicose que carecían de seguridade social, polo que foi coñecida por «A desenterramortos». Tamén defendeu aos operarios do ferrocarril conseguindo a mellora das súas condicións salariais ao lograr que se lles aboase o desprazamento ata os seus postos de traballo, gañando o sobrenome de «A dos quilómetros». Foi denunciada por exercer de laboralista sen estar en posesión do título e condenada a prisión. Defendeuna o avogado ourensán Luís Pérez Colemán. Cando saíu en liberdade matriculouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, obtivo o título de Graduado Social en 1953 e abriu o consultorio social Adelante na rúa do Paseo de Ourense co que fora o seu avogado. O bufete tivo continuidade cando remataron as obras do ferrocarril nas sucursais que abriron noutros puntos de Galicia e na conca mineira asturleonesa. Despois foi mestra en Domecelle (San Xoán de Río),[5] Corvelle (Bande) e Aciveiro (Forcarei).

Finou en Vigo o 28 de setembro de 1975.[6]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou con Carlos Martínez e foi nai de María Elisa, Carlos e José Emilio Martínez Fariza.

  1. El Eco de Santiago, 29-4-1929, p. 2.
  2. El Emigrado, 7-2-1933, p. 4.
  3. El Emigrado, 7-4-1934, p. 3.
  4. La Región, 12-7-1952, p. 4.
  5. La Región, 3-7-1957, p. 2.
  6. Necrolóxica en Hoja Oficial del Lunes, 29-9-1975, p. 6, 16.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]