Saltar ao contido

Independentismo ryukyu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Movemento independentista ryukyu»)
Bandeira histórica do Reino de Ryukyu.

O independentismo ryukyu (en xaponés: 琉球独立運動; Ryūkyū Dokuritsu Undō) é un movemento político que defende a independencia das Illas Ryukyu (tamén coñecidas como Okinawa por ser esta a meirande illa) e a súa separación política do Xapón.[1]

A manifestación política actual do movemento xurdiu en 1945, trala fin da guerra do Pacífico. Algúns membros do pobo ryukyu sentiron que, cando comezou a Ocupación Aliada (USMGRI 1945–1950), que as Illas Ryukyu deberían converterse nun estado independente no canto de seren devoltas ao Xapón. Porén, as illas foron devoltas ao Xapón o 15 de maio de 1972 como a prefectura de Okinawa segundo o Acordo de Restitución de Okinawa de 1971. O Tratado de Seguridade EUA-Xapón (ANPO) asinado en 1952 prevé a continuación da presenza militar estadounidense no Xapón, e os Estados Unidos seguen mantendo unha forte presenza militar na illa de Okinawa. Isto sentou o escenario para un renovado activismo político para a independencia de Ryukyu.

O movemento de independencia ryukyu sostén que tanto a invasión de 1609 polo Dominio de Satsuma como a constitución da prefectura de Okinawa na era Meiji foron anexións coloniais do Reino de Ryukyu. O movemento é moi crítico cos abusos cometidos cara ao pobo e ao territorio, tanto no pasado como na actualidade (como o uso da terra de Okinawa para albergar grandes bases militares estadounidenses).[2] Okinawa comprende só o 0,6% de todo o territorio xaponés, aínda que o 75% de todas as forzas militares dos Estados Unidos están estacionadas en instalacións estadounidenses que ocupan o 10,4% da prefectura de Okinawa, é dicir, o 18,8-20% de toda a illa de Okinawa.[3][4]

  1. Dudden 2013, p. 177.
  2. Dudden 2013, p. 177, 181.
  3. Dudden 2013, p. 178.
  4. Tanji 2007, p. 1.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]