Saltar ao contido

Entroido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Carnaval»)
Cigarróns no Entroido de Verín.

O Entroido[1][2] ou carnaval[3] é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos.

O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.[4]

Entroido ou carnaval

[editar | editar a fonte]

A palabra entroido deriva do latín introitus, que significa "entrada" ou "comezo" da primavera e do rexurdimento da vexetación. Na zona norte de Galiza emprégase antroido, como no antroido ribadense e na zona da Fonsagrada ou incluso Monforte de Lemos; no leste da provincia de Ourense, nas terras de Viana do Bolo, a forma tradicional é entrudio[5], mentres que no sur é máis frecuente entroido que é a forma que o DRAG recolle como normativa. Outras variantes recollidas no Atlas Lingüístico Galego son antroiro, entroiro, entrudio e entruido[6]. A forma entroido aparece documentada dende 1251[7]. O entroido coñécese tamén como carnaval (vid. infra), que tamén é un termo galego, ou co francés mardi gras, literalmente "martes graxo" (derivado de graxa, touciño). Nalgúns países onde o entroido desapareceu por presión eclesiástica ou policial, cando foi recuperado utilizouse o termo "carnaval" (así no Brasil[8]). Tamén é carnaval o termo correcto para festas similares celebradas fóra dos días anteriores á Coresma, como os carnavais de verán.

Orixe da palabra carnaval

[editar | editar a fonte]
Celebración do entroido en Río de Xaneiro.

A palabra vén do italiano carnevale, que ten como orixe, segundo a maioría dos etimoloxistas modernos[9] o latín vulgar carne-levare, que significaba "abandonar a carne" (o cal xustamente era a prescrición obrigatoria para todo o pobo durante todos os venres da Coresma). Noutras zonas de España as denominacións populares de carnestoltes ou carnestolendas, respectivamente, parecen indicar que esta é a opción etimolóxica máis sensata (do latín tolere, retirar).

Posteriormente xurdiu outra etimoloxía manexada no ámbito popular: a palabra italiana carnevale significaría que durante a época do carnaval a "carne vale", ou sexa que se pode comer. Tamén se propón outra etimoloxía sen fundamento [10] que provén da expresión latina carrus navalis, ou sexa unha especie de carro triunfal que posiblemente saíse en desfile durante estas datas.

Calendario

[editar | editar a fonte]
Cigarrón no Entroido de Verín.

O Entroido, ao variar conforme a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro. É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda. En realidade non é o ciclo máis longo pois este é o de Laza onde o ciclo comeza segundo se dan as badaladas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións máis longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o entroido de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido pois en Verín o ciclo dá comezo o día de santo Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso o ciclo dá comezo o día de Candelas (2 de febreiro). As súas datas fundamentais, por orde, son:

  • Domingo fareleiro
  • Domingo oleiro
  • Xoves de compadres
  • Domingo corredoiro
  • Xoves de comadres
  • Domingo de entroido
  • Luns de entroido
  • Martes de entroido
  • Mércores de cinza
  • Domingo de piñata

Non en todas as vilas se conservan ou existiron todas estas festividades. Ademais, aínda que os días grandes adoitan ser o domingo e o martes de Entroido, noutras localidades, como Laza, a data referencial é o luns de Entroido.

As máscaras

[editar | editar a fonte]
Boteiro, Vilariño de Conso.

As máscaras do entroido galego presentan, segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir dous grandes grupos:

  • As máscaras da zona atlántica, nunha zona non continua que vai dende Cangas e Vilaboa ao sur ata as comarcas do Deza e o val do Ulla. Son traxes tamén coloristas, pero que frecuentemente deixan o rostro descuberto. Neles o traballo individual de elaboración do vestido é importante, pero máis o é a performance, que adoita ser colectiva. É o caso dos xenerais de Deza e de Ulla, as damas e galáns de Cangas e Vilaboa e as madamitas e madamitos do entroido de Cerdedo-Cotobade.

Tamén existen outros costumes:

A comida do entroido

[editar | editar a fonte]
As filloas non poden faltar no entroido.

Parte da filosofía que rodea as festas do entroido inclúe a idea de comer e beber ben e ata encherse, sendo outra das facetas da idea de exceso e provocación destas festas.

Durante as festas tómanse grandes cantidades dos tradicionais chourizos, lacóns e cachuchas. As androllas e o caldo non faltan tampouco na maioría dos fogares xa que fan falta para repoñer as forzas de toda a foliada destes días.

Tamén nestas datas elabóranse sobremesas especiais como son as orellas e as filloas, que son os pratos máis típicos do entroido.

[editar | editar a fonte]
Madamas e galáns de Cobres.
  • A muller gobernadeira, no Antroido lava a salgadeira.
  • Algún día será domingo e martes de entroido.
  • Antroido á raxeira, Pascuas á lareira.
  • As pascuas con quen quixeres, os Antroidos coas vosas mulleres.
  • Cada entroido seu choqueiro.
  • Día de entroido e domingo de Páscoa, cada larpeiro na súa casa.
  • Domingo de Entroido larafuzán, comícheme a carne, deixácheme o pan.
Adeus martes de entroido,

adeus, meu amiguiño,
ata domingo de pascua
non comerei máis touciño.

Adeus, martes de antroido,
adeus meu queiridíño
ata o domingo de pascua

non volvo untar o fuciño.
—Cantiga popular.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para entroido.
  2. A variante antroido, que malia ser usada, non figura como forma correcta no VOLGa.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carnaval.
  4. Turgalicia (ed.). "Festas de interese turístico nacional de Galicia no Entroido". Arquivado dende o orixinal (html) o 19/05/2011. Consultado o 26/01/2011. 
  5. Álvarez Pousa, Concepción (2023). A lingua de Viana do Bolo: descrición e textos. Universidade de Vigo. Servizo de Publicacións. p. 164. ISBN 978-84-8158-948-1. A celebración que ten lugar antes da Coresma, consistente en desfile de folións, comparsas e foliadas, recibe o nome das formas tradicionais de Entrudio e Intrudio, que se substitúen habitualmente na xente nova por Carnaval como solución maioritaria fronte a Entroido do galego común. 
  6. "Entroido, antroido, entroiro, antroiro, entruido, entrudio". ILG vía twitter. 
  7. Santamarina, Antón. Antroido ou Entroido. Portal das Palabras (vídeo). 00:41 No minuto.
  8. Dicionário Houaiss
  9. Segundo o Dicionario da RAE, do it. carnevale, haploloxía do ant. 'carnelevare', de 'carne', carne, e 'levare', quitar, e este calco do gr. ἀπόκρεως; e no Houaiss: latín medieval 'carneleváre' ou 'carnileária' (s. XI-XII) 'véspera do Xoves de Cinza, día en que se inicia a abstinencia de carne esixida na Coresma', do latín clásico 'carnem leváre'(...); ocorre en varios dialectos de Italia, provén do milanés 'carnelevale' (1130), fíxase no it. 'carnevale' (séc. XIV) e de aí no fr. 'carneval' (1552) 'carnaval' (1680), pasando ás demais linguas europeas aínda no séc. XVII.
  10. Houaiss: "Parecen sen fundamento histórico hipóteses que derivan a palabra da locución latina carrus navalis ('carro naval'), por asociación coa carreta en forma de barco usada en festas populares romanas, ou que lle atribúen ao 2º elemento do vocábulo orixinal no latín vale (adeus) ou no francés aval (abaixo).
  11. Sande reivindica sus 'bonitas' de Entroido (en castelán)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]