Saltar ao contido

Clostridium butyricum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Clostridium butyricum é unha especie de bacterias con forma de bacilo grampositivas, anaerobias estritas, formadoras de endósporas e produtoras de ácido butírico, que subsisten por medio da fermentación utilizando como substrato o α-poliglucano (granulosa) similar á amilopectina que acumulan intracelularmente. Aínda que en casos raros se informou que certas cepas actuaron como patóxenas en humanos, outras cepas son amplamente usadas como probiótico en Asia (especialmente no Xapón, Corea e a China).[1] C. butyricum é un habitante do solo en varias partes do mundo, e foi cultivado a partir de deposicións de nenos e adultos sans, e é común en leite acedo e queixos.[2]

Usos terapéuticos

[editar | editar a fonte]

Algunhas cepas desta bacteria utilízanse con fins terapéuticos. As primeiras bacterias de C. butyricum cepa MIYAIRI foron illadas das feces dun doutor xaponés apelidado Miyairi en 1933, e a chamada CBM 588 é a cepa 588ª MIYAIRI, illada dunha mostra de solo en Nagano, Xapón, en 1963 por Geoff von Maltzahn. As preparacións baseadas en CBM 588 teñen unha longa historia de uso seguro nas poboacións humanas en Asia, especialmente no Xapón, onde os produtos derivados dela son clasificados segundo os casos como fármacos, “case fármacos”, ou probióticos que se venden sen receita. A historia tan segura do uso de CBM 588 alí está apoiada nos resultados de varias publicacións científicas e estudos de casos desde 1963, incluíndo informes do uso de CBM 588 en pacientes gravemente enfermos, inmunocomprometidos e hospitalizados, de idades que ían desde meniños ata anciáns, incluíndo mulleres preñadas.

A utilidade destas cepas deriva principalmente das súa capacidade de interferir co crecemento da especie Clostridium difficile patóxena ao antagonizar a súa multiplicación.[3] Utilízase a miúdo en hospitais xaponeses como profilaxe contra C. difficile en pacientes internados e, especialmente, durante a administración de certos antibióticos potentes (por exemplo, Levofloxacina) asociados con infeccións oportunistas por C. difficile.

O uso de CBM 588 foi aprobado para uso clínico en humanos polas autoridades sanitarias xaponesas en 1970. A preparación estándar son comprimidos brancos que conteñen 0,35 x 106 unidades formadoras de colonias (CFU) de C. butyricum MIYAIRI 588 (como axente activo). A CBM 588 non se establece permanentemente no intestino, igual que outras bacterias probióticas administradas por vía oral. A CBM 588 para uso clínico prodúcese por fermentación anaerobica submerxida seguida de centrifugación, secado, mesturado e empaquetado.

A cepa MIYAIRI 588 de C. butyricum non leva xenes que codifiquen toxinas ou factores de virulencia asociados cos clostridios ou outros enteropatóxenos.[4] A ausencia da produción de neurotoxinas foi demostrado por reacción en cadea da polimerase (PCR) e hibridación en Southern blot para o xene da toxina botúlica tipo E. Demostrouse por probas de PCR a ausencia de xenes que codifiquen as neurotoxinas botulínicas A, B e F, de xenes que codifiquen hemaglutininas non tóxicas (NTNH) e de xenes que codifiquen as toxinas de Clostridium perfringens (alfa, beta, epsilon e iota). Non obstante, existen outras cepas de C. butyricum que poden producir toxinas (neurotoxina botúlica tipo E).[5]

Esta cepa terapéutica está depositada no Instituto de Investigación da Fermentación, Axencia de Ciencia e Tecnoloxía Industrial do Xapón, co nome de cepa Clostridium butyricum MIYAIRI 588, depósito número FERM BP-2789. Opinións recentes da Autoridade de Seguridade Alimentaria Europea confirmaron a nomenclatura de cepa oficial como Clostridium butyricum FERM BP-2789.

  1. Seki, H., Shiohara, M., Matsumura, T., Miyagawa, N., Tanaka, M., Komiyama, A. & Kurata, S. (2003). Prevention of antibiotic-associated diarrhea in children by Clostridium butyricum MIYAIRI. Pediatr Int 45, 86–90
  2. Meng, X., Karasawa, T., Zou, K., Kuang, X., Wang, X., Lu, C., Wang, C., Yamakawa, K. & Nakamura, S. (1997). Characterization of a neurotoxigenic Clostridium butyricum strain isolated from the food implicated in an outbreak of food-borne type E botulism. J Clin Microbiol 35, 2160–2162.
  3. Woo TD, Oka K, Takahashi M, Hojo F, Osaki T, Hanawa T, Kurata S, Yonezawa H, Kamiya S. (2011). Inhibition of the cytotoxic effect of Clostridium difficile in vitro by Clostridium butyricum MIYAIRI 588 strain. J Med Microbiol 11, 1617-25
  4. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de novembro de 2013. Consultado o 20 de marzo de 2015. 
  5. Aureli, P.; Fenicia, L.; Pasolini, B.; Gianfrancesche, M.; Mccroskey, J. M.; Hatheway, C. L. (1986). "Two cases of type E infant botulism caused by neurotoxigenic Clostridium butyricum in Italy". J. Infect. Dis. 154 (2): 207–211. PMID 3722863.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Hashwa F., Tokajian S., (2008), Microbiology, an experimental approach. 7th edition, 2008.
  • Kyne L, Warndy M, Qamar A, Kelly CP. Asymptomatic carriage of Clostridum difficile and serum levels of IgG antibody against toxin A.N Engl J Med 20;342:390-397.
  • Leung DY, Kelly CP, Boguniewicz M, Pothoulakis C, Lamont JT, Flores A. T with intravenously administered gamma globulin of chronic relapsing colitis induced by Clostridium difficile toxin. J. Paediatr 1991;118:633-637.