Moeda visigoda
Moeda visigoda a nome de Suintila | |
---|---|
Busto real de fronte; +SVINTHILAREX. | Busto real de fronte; +EMIRITAPIVS. |
AV Tremissis. 1,47 g. Ceca de Emerita (Mérida). |
A moeda visigoda abrangue as cuñaxes levadas a cabo polos visigodos na Galia e en Hispania durante os inicios da Idade Media, entre o século V e o ano 710 aproximadamente.[1]
As moedas principais destas series eran o sólido e o tremissis (ou triente), dúas moedas de ouro emitidas xa na época imperial tardía e, posteriormente, cuñadas tamén polos emperadores bizantinos en moi diversas cecas.[2]
A cuñaxe de moeda visigoda comezou na Galia, onde este pobo se instalou a comezos do século V, e logo pasou a Hispania a partir do inicio do século VI, onde o centro de gravidade do reino visigodo mudou, logo da toma da maior parte de dominios góticos na Galia por parte dos francos.
As primeiras desas moedas, comunmente chamadas pseudoimperiais, eran imitacións das emitidas polos romanos occidentais e posteriormente polos bizantinos, que repetían mesmo as lendas orixinais. Foi a partir de 580 cando se iniciaron as auténticas moedas autónomas, que xa incorporaban os nomes dos reis visigodos. Estas emisións concluíron na segunda década do século VIII, coa conquista musulmá da Península Ibérica que acabou co reinado visigodo.[3]
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Visigodos.
- Artigo principal: Reino visigodo.
Na historia dos visigodos divídense adoito tres grandes períodos:
Imitación dunha moeda de Honorio | |
---|---|
DN HONORI-VS [PF] AVG, busto toucado como tiara de perlas, e con manto e coiraza, á dereita. | VICTOR [I-] A AVGGG, Roma sedente á esquerda con armadura, sostendo a Vitoria nun globo coa dereita e unha espada coa esquerda. |
AR siliqua. 1,37 g. Cuñada na Galia cara a 415. |
- Un período "migratorio" (salpicado de episodios violentos), que comezou en 376 e terminou co establecemento deste pobo no suroeste da Galia en 418.
- Unha etapa "gala", que remata en 507 coa batalla de Vogladum, cando Clodoveo I, rei dos francos, conquistou case toda a Galia visigoda.
- Un período "hispánico", entre 507 e 714, ata a conquista islámica da Península Ibérica.
Os visigodos entraron nos territorios do Imperio Romano nos anos setenta do século IV e sufriron un profundo proceso de romanización. En 418 o emperador Honorio concedeu aos visigodos o status de foederati e asignoulles o territorio da Aquitania (gala central-meridional). Este foi o primeiro núcleo do reinado romano-bárbaro dos visigodos, que no transcurso do século V se estendía alén dos Pireneos e incluía unha parte significativa da Hispania romana.[4] Na primeira metade do século VII, logo da caída do Reino Suevo (cara a 585 ) e do abandono definitivo do Levante hispánico polos bizantinos, os reis visigodos ampliaron a súa soberanía sobre case toda a Península Ibérica e mantivérona ata a invasión islámica, que comezou en 711.[5]
No estudo das emisións de moeda por parte dos visigodos utilízase, porén, unha periodización diferente. Malia non se teren identificado moedas vinculadas ao primeiro período ("migratorio"), no segundo período ("galo") produciuse, no entanto, unha grande serie de imitacións imperiais. E o seguinte período pódese dividir en dúas fases, a primeira delas caracterizada pola continuación das emisións que imitaban as moedas imperiais e unha segunda en que as moedas foron xa emitidas directamente a nome dos reis visigodos.[6]
Cuñaxes da Galia
[editar | editar a fonte]Imitación dunha moeda de Honorio | |
---|---|
DN HONORI-VS P F AVG; busto diademado e con coiraza á dereita. | VICTORIA AVGVSTORVM ; Vitoria en pé cun globo; CONOB no exergo. |
AV tremissis. 1,44 g. Cuñado nunha ceca incerta. |
Imitación dunha moeda de Valentiniano III | |
---|---|
DN PLA VALENTINIANVS PG; busto diademado á dereita. | COMOB;, cruz rodeada por unha coroa de loureiro. |
AV tremissis. 1,44 g. Cuñado ca. 471-507. Catalogación: MEC 171 |
Imitación dunha moeda de Libio Severo | |
---|---|
DN HBIVS SEVE-RVS PF AVG, busto á dereita. | O emperador de pé, pisando unha serpe androcéfala, con cruz longa e Vitoria: RA // COMOB. |
AV Sólido. 4,38 g. Cuñado cara a 461-466. Catalogación: MEC 175 |
A Galia centro-meridional foi o corazón do Reino Visigodo de 418 a 507. As cuñaxes de imitación imperial dos visigodos nesa rexión, comunmente coñecidas como emisións do "Reino de Tolosa", consisten exclusivamente en sólidos e tremissis, que eran, pola súa vez, as moedas utilizadas naquela época no Imperio Romano; delas imitaban non só os modelos senón tamén os bustos, as lendas e os atributos imperiais. Ao careceren estas moedas de letras, monogramas e outros signos de identificación da súa autoridade emisora, a súa atribución faise con base nos seus achados, o que fai que mesmo a súa datación non poida ser máis que aproximada.[7]
As cecas
[editar | editar a fonte]O obradoiro monetario principal debeu estar situado en Tolosa, no sur da Galia, que era a capital do reino. Suponse que, polo menos durante un curto período, tamén debeu haber cecas en Narbona, onde en 414 Ataúlfo casou con Galla Placidia, irmá do emperador romano Honorio. Esta hipótese, reportada por Grierson, está baseada nun sólido (agora perdido pero do que se conserva unha reprodución do século XVIII), cuñado a nome de Priscus Attalus, un usurpador apoiado por Ataúlfo, no que hai unha marca de ceca NB que podería indicar Narbona. Tamén se fai mención dunha ceca en Narbona nun poema de Sidonio Apolinar (carme XXIII) de 460, pero nesa data a cidade estaba baixo o control imperial e non se coñecen moedas imperiais desta ceca. Segundo Grierson, podería tratarse simplemente dunha licenza poética.[8][9][10]
A ceca de Narbona debeu existir con moita probabilidade durante o reinado de Leovixildo, pero seguramente estaría xa activa desde 507, cando a cidade se converteu por algún tempo na capital dos visigodos.[8]
Se estas primeiras emisións dos visigodos na Galia foron, xa que logo, de imitación romana e continuaron imitando os emperadores occidentais ata preto de 481, máis tarde, a partir dunha data posterior a 509, pasaron a imitar tamén as do Imperio Romano de Oriente, comezando coas de Anastasio I.[8]
Imitacións de Honorio
[editar | editar a fonte]As primeiras moedas de ouro cuñadas polos visigodos, batidas nas décadas de 420 a 440, imitan as imperiais emitidas na casa da moeda de Rávena a nome do emperador Honorio (393-423). O tipo predominante leva no anverso a lenda DN HONORI - VS PF AVG e o busto do emperador con tiara e coiraza, en tanto que no reverso aparece a lenda VICTORI - A AVGGG e unha representación do emperador en pé sostendo o lábaro coa man á dereita e un globo sobre o que se representa a Vitoria na esquerda; o pé esquerdo descansa adoito sobre un prisioneiro que está no chan. Aos lados do emperador, as letras R-V actúan como marca da ceca de Rávena, e o tradicional COMOB aparece no exergo.[8][11]
As moedas visigodas de imitación distínguense polo estilo (o deseño é máis cru, nos personaxes menores a cabeza é esaxeradamente grande en comparación co corpo etc.) e polas letras: en particular as barras verticais do "G" son curtas, en tanto que nos orixinais eran particularmente longas.[12]
Imitacións de Valentiniano III
[editar | editar a fonte]A partir dos anos 450 as moedas imitadas foron as de Valentiniano III (425-455), a cuxo nome se coñece un sólido e dous tremissis, e as de Libio Severo (461-465).[8]
O sólido (MEC 167-169 –Medieval European Coinage–) imita unha moeda de igual valor dese emperador (RIC X 2011 –Roman Imperial Coinage–; Cohen VIII 212.19). No anverso amosa o busto imperial á dereita, cun diadema, un manto e unha coiraza; no reverso o emperador está en pé, pisando unha serpe cunha cabeza humana. Na súa man dereita ten unha cruz longa e na súa esquerda un globo sobre o que está representada a Vitoria.[13][14] A imaxe do emperador co pé sobre a serpe é introducida na iconografía imperial por primeira vez por Valentiniano III; na iconografía cristiá, a serpe é unha das imaxes que simbolizan o diaño.[8]
O primeiro dos tremissis (MEC 171-172) amosa no reverso unha cruz rodeada por unha coroa de loureiro e imita un tremissis cuñado en varias cecas (Cohen VIII 216, 49), en tanto que o segundo (MEC 173) imita un sólido (Cohen VIII 212.17) en cuxo reverso se representa unha vitoria de pé de fronte, e cunha cruz longa e cunha estrela no campo do anverso.[15]
Imitacións de Severo III
[editar | editar a fonte]As moedas a nome de Severo III (461-465) son varios sólidos que imitan unha moeda análoga á deste emperador (Cohen VIII, 227.8). O tipo é o mesmo que o dos sólidos a nome de Valentiniano, co emperador esmagando a serpe androcéfala.[16]
Cuñaxes de Hispania
[editar | editar a fonte]En 507 tivo lugar a batalla de Vogladum entre os francos liderados polo rei Clodoveo I e os visigodos encabezados por Alarico II. Este último morreu na batalla e o exército visigodo sufriu unha dura derrota, que lle franqueou a Clodoveo a ruta cara a Tolosa, capital do Reino Visigodo e do territorio abranguido entre os actuais Poitou e Berry, no norte, e a Gascuña ao mediodía). Das súas posesións galas, os visigodos lograron defender só a Septimania, unha rexión situada entre a desembocadura do Ródano e os Pireneos.
Imitación dunha moeda de Anastasio | |
---|---|
Busto con diadema de perlas. | VCT [O] RΛI A VAICVSTOIΛ, Vitoria andando á dereita, con palma e coroa; COHOB en exergo. |
AV Tremissis. 1,47 g |
O centro de gravidade do estado mudou entón, naqueles anos, primeiro á antiga Tarraconense, entón na parte central da Península Ibérica, onde o seu reino prosperou ata a invasión islámica do 711.
Moeda pseudoimperial (509-580)
[editar | editar a fonte]As emisións deste período consisten en sólidos e tremissis de ouro, aínda que se coñece unha moeda de cobre historicamente considerada como parte destas series que amosa o monograma AMR, o que a asocia cun tremissis no que aparece o mesmo monograma. Anteriormente estas moedas (MEC 341) foran asignadas a Amalarico (510-531), pero os estudos máis actuais atribúenas ao rei borgoñón Gundemaro (524-534).[17][18]
Imitación dunha moeda de Xustiniano | |
---|---|
CN IVSTIИIINVS IPVC, busto á dereita. | VICTOΛ VIΛ IIVSTOVI, Vitoria; COИOB. |
AV Tremissis. 15 mm. 1,42 g. Ceca de Narbona ou Barcelona. Ca. 527-565. |
Os sólidos cuñados neste período levan os nomes dos emperadores bizantinos Anastasio I (491-518), Xustino I (518-527) e Xustiniano I (527-565 ). Aínda que a calidade das moedas é boa, diferéncianse das orixinais no seu estilo, e tamén axuda na súa identificación o feito de teren aparecido unicamente en achados na Península Ibérica.[17]
Os tipos máis frecuentes son o da Vitoria en pé sostendo unha cruz longa coroada pola letra rho, que xa fora imitada previamente, e tamén o da Vitoria camiñando, que leva unha palma nunha man e unha coroa na outra.[17]
Reis visigodos entre 580 e 714 |
---|
|
Moeda real (580-710)
[editar | editar a fonte]A partir dos anos 80 do século VI, os reis dos visigodos comezaron a cuñar moedas ao seu propio nome. Esta derradeira fase da moeda visigoda estendeuse durante aproximadamente cento trinta anos, ata 710: non se coñecen moedas emitidas despois desta data xa que o reino visigodo deixa de existir ao pasar a Península Ibérica a estar baixo o dominio árabe.
A única denominación utilizada foi tremissis, cuxo contido en ouro diminuíu progresivamente. As moedas levan o nome e o busto do soberano (este cuns trazos moi esquemáticos), e tamén o nome da ceca onde foron cuñadas.[19]
De Leovixildo a Chindasvinto
[editar | editar a fonte]Moeda real de Leovixildo | |
---|---|
Busto á dereita; cruz bordada na roupa. | Vitoria camiñando, con palma e coroa, lúa crecente sobre a liña e exergo; ILOON. |
AV Tremissis. 1,39 g. Cara a 580-583. Ceca incerta de Hispania. Catalogación: MEC209 |
As primeiras moedas emitidas directamente a nome dun gobernante visigodo apareceron durante o reinado de Leovixildo (567-586).[19] Durante un breve período, mantivéronse as cuñaxes a imitación das moedas do Imperio Romano de Oriente, pero xa a nome dos gobernantes visigodos; sirva como exemplo o tremissis conservado no Gabinete Numismático do Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC), en Barcelona, cuñado por Leovixildo e catalogado como MEC 210 (segundo Medieval European Coinage). O anverso desta peza amosa o busto estilizado do rei ollando á esquerda e a lenda XIVVIGILDVS, e o reverso unha cruz sobre chanzos coa lenda REX VARCINONA, a modo de marca de ceca do obradoiro monetario de Barcinona (Barcelona).[20] O outro tipo, catalogado como MEC 209, amosa o busto real ollando á dereita no anverso e a Vitoria con palma e coroa no reverso, unha tipoloxía usada anteriormente en moedas bizantinas.
Coñécense moedas de Leovixildo que reproducen o busto real tanto no anverso como no reverso. Segundo Grierson, este novo tipo, característico da moeda visigoda, comezou entre 579 e 586, nos derradeiros anos do reinado de Leovixildo, despois da morte do seu irmán Liuva, con quen reinara.[19]
Moeda real de Chindasvinto | |
---|---|
+ CN • SVINLVS PX, busto de fronte. | + ISPΛLIS PIVS, busto de fronte. |
AV Tremissis. 1,56 g. Ceca de Hispalis (Sevilla). Catalogación: MEC 255 |
Grierson afirma que tanto os novos tipos como a presenza dos nomes dos reis visigodos en troques dos dos emperadores bizantinos están relacionados cos sucesos acaecidos ao fillo máis vello de Leovixildo, Hermenexildo, que en 573 fora nomeado consorcios (cogobernante) e que en 579 casara con Ingonda, unha princesa franca, un pobo que, de maneira diferente aos visigodos, non se adscribía ao arianismo senón ao catolicismo. Logo do casamento, o propio Hermenexildo abandonou o arianismo, rebelándose contra o seu pai e asumindo, no mesmo 579, o título de rei. A súa revolta abranguía todas as rexións do sur do Reino Visigodo e non foi sufocada ata 584. Hermenexildo foi executado o ano seguinte e a súa morte abriulle o camiño o seu irmán Recaredo para a sucesión no reino. A loita entre Leovixildo e Hermenexildo tamén deixou a súa pegada nas moedas, que nestes anos levaban por vez primeira dous nomes reais, é dicir, os dos dous contendentes á coroa.[19]
Entre 584 e 649, aproximadamente, o tipo máis habitual foi o do busto real en ambas as faces, co nome do soberano nunha delas e o lugar de cuñaxe na outra. Este tipo comezou cando logo da derrota definitiva de Hermenexildo a mans de Leovixildo e crese que a innovación perseguía indicar o novo status do reino consorciado entre ambos. As moedas foron acuñadas con esta tipoloxía durante máis de sesenta anos, ata o final do reinado de Chindasvinto (641-652).[19]
Os tipos de busto das moedas son variables en función das cecas e dos reinados. Nótese a ausencia da coroa nos monarcas, malia a atribución por parte de Isidoro de Sevilla a Leovixildo da introdución deste símbolo na monarquía visigoda.[21] Pola contra, obsérvase polo menos un busto con cabelo longo á altura dos ombreiros, un atributo da autoridade real propio dos antigos pobos xermánicos.[19]
De Recesvinto a Vitiza
[editar | editar a fonte]Logo da morte de Chindasvinto, as cecas non recibiron instrucións acerca do estilo e dos deseños das novas emisións e, en consecuencia, optaron por seguir criterios diferentes: algunhas regresaron aos dous bustos, un en cada cara (por exemplo Córdoba e Toledo ), outros (Sevilla) continuaron co monograma e o busto no perfil, outros (Xirona) utilizaron o busto de perfil e unha cruz no reverso.[19]
Durante o resto do reinado de Recesvinto, todas as cecas emitiron un tipo caracterizado polo busto de perfil e unha cruz montada nuns chanzos no reverso. Coñécense diferentes tipos de bustos: nalgúns casos portan cascos e noutros amósanse coas cabezas descubertas; algúns monarcas locen barba, en contraste coas emisións anteriores, que foran estilizados seguindo os padróns bizantinos. Nos reinados seguintes, continuouse coa mesma tipoloxía, coa única excepción dun novo tipo durante o reinado conxunto de Éxica e Vitiza, que presentaba dous bustos afrontados separados por un cetro coroado por unha cruz.[19]
Moeda real de Ervixio | |
---|---|
+ ID IN MN ERVIGIVS RX [22]. Busto de Cristo de fronte e cruz tras a cabeza. | + EMERITΛ PIVS. Cruz sobre tres chanzos. |
AV Tremissis. 1,43 g. Ceca de Emerita (Mérida). Catalogación: Miles 415a; MEC 267. |
Outra emisión diferente é a representada polo tremissis de Ervixio (MEC 267), coa face de Cristo en lugar da do monarca, e no reverso unha cruz sobre chanzos. A primeira moeda desta tipoloxía foi cuñada na ceca de Mérida. Este novo deseño precedeu outro similar, de estilo máis refinado, utilizado por Xustino II a partir de 692, aproximadamente, co busto de Cristo cunha cruz superposta na súa auréola.[23]
Grierson formula a hipótese de que estas emisións representen posturas teolóxicas moi importantes nese tempo, en particular a condena da herexía do monotelismo nun sínodo en Roma en 679, e no Concilio de Constantinopla de 680 e 681.[19]
Non se coñecen cuñaxes lexítimas con posterioridade á fin do reinado de Vitiza en 710. Testemúñanse, porén, falsificacións a nome de Rodrigo (MEC 1471), malia que algúns autores, como Heiss, cataloguen e acheguen debuxos de tremissis correspondentes a este monarca.[24]
Lendas e epigrafía monetaria
[editar | editar a fonte]A lenda xeralmente presenta o nome do rei en latín, en ablativo, seguido por REX, ás veces abreviado en forma de monograma.[25][26]
Durante o reinado conxunto de Exica e Vitiza a fórmula do título foi reges, abreviados como RGS, RG etc. Só baixo Leovixildo e Hermenexildo o nome aparece en xenitivo precedido pola abreviatura DN (dominus ).[25] Baixo Chindasvinto, a ceca de Toledo introduciu a forma INDN (In Nomine DomiNi; "en nome do Señor"), que se converteu en estándar a partir de Vamba, con variantes como INDNM, INDIMN etc. Con Éxica ás veces aparece a fórmula abreviada N+PN•M• (IN XPisti NoMine; "en nome de Cristo").[27]
Os nomes dos monarcas aparecen escritos de diversas maneiras: por exemplo, Suintila pódese amosar como SVINTHVLΛ, SINTILΛ, SVINTH: L:, SVINTIIV..., Liuva atópase como LEOVΛ, LIVVΛ... E a variabilidade aumentou considerablemente cos nomes máis complicados, como Chindasvinto e Recesvinto, onde é común a presenza de letras en ligadura ou en forma de monograma.[25]
Os reversos inclúen o nome da ceca, tamén o latín: TOLETO (Toledo), CORDODΛ, CORΛOBΛ, CORDOBΛ, CORΔOBΛ (Córdoba), ELLIBERI, IIBERI (Granada), ISPΛLI (Sevilla), ELVORΛ, ERBO: RΛ (Évora)... Nalgúns casos, a ceca aparece indicada en forma de monograma. O nome da ceca adoita aparecer seguido dun epíteto (os máis usados son PIVS e IVSTVS, e tamén son frecuentes FELIX e VICTOR), referido non ao nome da ceca senón ao do soberano, que aparece na outra face da moeda.[25][28]
A epigrafía das moedas visigodas é característica. A letra "A" normalmente escríbese sen o trazo horizontal ("Λ"). A letra grega correspondente ("Δ") úsase con frecuencia para a letra "D". Nos nomes, o grupo "th" adoita ser substituído pola letra grega correspondente ("Θ"), a letra "L" pode aparecer representarse cunha cruz (por exemplo: +IVVIGI+DVS por LEOVIGILDVS) e ás veces emprégase o sinal "D" en lugar da letra "B". Tamén é frecuente a aparición de ligaduras de dúas e de tres letras (máis raramente de catro e ata de cinco). Ás veces algunhas letras substitúense por un ou varios puntos (como en SVINTH : L :).[25]
Obradoiros monetarios
[editar | editar a fonte]Miles determinou a existencia de 79 cecas e desde aquel momento coñecéronse algunhas novas, polo que se pode afirmar que o seu número pasa das 80. A maioría delas tivo unha produción moi escasa e coñécense unicamente polo testemuño duns poucos exemplares, ás veces mesmo só un.[29][30]
En torno á metade das aproximadamente 3.500 moedas conservadas correspóndense con catro obradoiros monetarios, a capital, Toleto (Toledo), e tres centros meridionais: Emerita (Mérida), Ispalis (Sevilla) e Cordoba (Córdoba). Con menos produción (preto de cen ou douscentos espécimes) hai unha ceca meridional (Eliberis, preto de Granada) e tres no norte: Cesaracosta (Cæsaraugusta, Zaragoza), Tarraco (Tarragona) e Narbona, esta última a única que se mantivo como visigoda ao norte dos Pireneos logo da batalla de Vogladum. Outros obradoiros menores estiveron na Gallaecia (Galicia).[29][31]
Hoxe non existe constancia documental do funcionamento das cecas nin da súa organización, nin tampouco do seu encadramento dentro da Administracións visigoda nin da súa relación coas autoridades políticas, alén do que se poida inferir dos cambios sufridos pola moeda ao longo do tempo.[29][32]
Cecas galegas
[editar | editar a fonte]Hoxe coñécese arredor dunha decena de obradoiros monetarios visigodos que funcionaran na Gallaecia, aínda que existen outros moitos de localización incerta. Este notable número de obradoiros non está, no entanto, en consonancia coa cantidade de moedas emitidas por eles. Pola contra, a produción das cecas visigodas foi moi escasa e en determinados casos a súa actividade limitouse a períodos moi breves, polo que os exemplares hoxe conservados son moi escasos. Esta escaseza pode explicarse presumiblemente pola utilización do ouro extraído de numerosos depósitos esparexidos por todo o país, aínda que dunha produción moi cativa, polo que, logo de esgotados, serían abandonados e os labores de amoedación dos obradoiros situados nesas áreas quedarían definitivamente abandonados[33]
Os tremissis visigodos emitidos en territoirio galego, en paralelo aos do resto de Hispania, amosan como marca de ceca o topónimo íntegro do lugar de cuñaxe: ARROS (Arón, Cedeira), AVRENSE (Ourense), AVIONO (Avión), BERGANCIA (Betanzos), CATORA (Catoira), GIORRES (Valdeorras), INCEIO (O Incio), IRIA (Santiago de Compostela), LVCV (Lugo), PINCIA (Pinza), TORNIO (Torroña), TVDE (Tui), OLIVES (probalemente Olives), FRAVCELLO e outras de atribución incerta (ALIOBRIO, CALABACIA, CELO, LAURE, MANDOLAS, TORNIO, VALLEGIA...).[33][34]
Catalogación
[editar | editar a fonte]Un dos textos de referencia para o estudo e a catalogación da moeda visigoda é o publicado en 2007 por Philip Grierson e Mark Blackburn, como primeiro volume da serie Medieval European Coinage (MEC), no que ás emisións visigodas se lles asignan os números entre o 166 e o 277.
Outros textos fundamentais son o estudo de George Carpenter Miles, publicado previamente, en 1952, pola Sociedade Americana de Numismática, que se centra nas cuñaxes visigodas no período 580-713, e o de Alberto Canto e Fátima Martín, publicado pola Real Academia da Historia en 2002, moi rigoroso na catalogación das moedas visigodas da Península Ibérica.[35][36]
Para as moedas a imitación das imperiais romanas, as referencias máis frecuentemente utilizadas na literatura numismática son o texto de Henry Cohen, numismático do Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, na obra Description Historique des monnaies frappées sous l'Empire Romain (vol. 8), e o de John Kent no décimo volume do proxecto Roman Imperial Coinage (RIC), un traballo monumental dirixido por Harold Mattingly, da Royal Numismatic Society, e outros autores a partir de 1924.[37][38]
A referencia máis habitual para a catalogación das emisións a imitación da moeda bizantina é a obra de Wolfgang Hahn Moneta Imperii Byzantini (MIB). As moedas imitadas polos visigodos foron as dos emperadores desde Anastasio I (491-518) ata Xustino II (565-578).[39]
O único estudo que abrangue, porén, a totalidade das emisións visigodas e o de Wilhelm Reinhart, con obras separadas para as series galas e para as hispanas.[40]
Tesouros e achados
[editar | editar a fonte]Cómpre salientar algúns achados moi relevantes de moeda visigoda.
- En 1731 descubriuse un tesouro na localidade cacereña de Garrovillas de Alconetar constituído por moedas cuñadas por Recaredo e, en menor medida, doutros monarcas. Descoñécese a súa composición exacta, pero a maior parte das pezas foron adquiridas pola Real Academia da Historia, de Madrid, onde aínda se conservan.[41][42]
- En 1803 atopouse un tesouro en Bordeos con 38 tremissis visigodos, correspondentes ao período desde o reinado de Leovixildo ata o de Vamba. O tesouro, hoxe conservado no Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, en París, constaba de 178 exemplares, 140 merovinxios e 38 visigodos.[41][42]
- En 1816 descubríronse máis de 800 moedas na aldea de La Grassa, preto de Constantí, en Tarragona, pero todo o tesouro acabou por esparexerse e non se conserva agrupado.[41][43]
- O tesouro da granxa La Capilla, en Carmona, Sevilla, atopado en 1891, constaba de entre 800 e 1.000 moedas. Aínda que estas se dispersaron case inmediatamente despois da descuberta, máis dun terzo do achado está agora na colección da Hispanic Society of America.[43]
- En 1932 atopáronse 110 moedas visigodas en Abusejo, na provincia de Salamanca, que se manteñen no Museo Arqueolóxico Nacional de España e no Instituto Valencia de Don Juan en Madrid.[44][45]
- En 1945 achouse o tesouro de Zorita de los Canes, en Guadalaxara, no lugar dunha igrexa da antiga cidade visigoda de Reccopolis, que incluía 90 tremissis, o máis moderno do reino Leovixildo, que aínda que carecían de nome da ceca, é probable que fosen cuñados localmente.[46][47][48]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pliego Vázquez, R. (2009).
- ↑ "Sólido (1)" e "tremís". En Alfaro Asins (2009).
- ↑ Vico, J.; Cores, M. C. (2008)
- ↑ González García, A. (2012). "La imperialización de los reinos romano-germánicos: los casos visigodo y vándalo". En Antesteria. 1. ISSN 2254-1683
- ↑ Orlandis, J. (2003).
- ↑ Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Páxina 39.
- ↑ Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Páxinas 44-46.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Páxina 44.
- ↑ Grégoire, J.; Collombert, F. Oueuvres de C. Sollius Apollinaris Sidonius. Tomo III. 1836. Carmen XXIII "Narbone". Páxina 282. "Salve, Narbo, potens salubritate / Urbe et rure simul bonus videri, / Muris, Civibus, ambitu, tabernis, / Portis, porticibus, foro, theatro, / Delubris, Capitoliis, monetis, [...]
- ↑ Kent, John (1974). Páxina 24.
- ↑
- ↑ Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Páxina 44.
- ↑
- ↑
- ↑
- ↑
- ↑ 17,0 17,1 17,2 Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Páxinas 46-49.
- ↑ Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Páxina 76.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 19,7 19,8 Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Páxinas 49-52.
- ↑ "Tremissis Arquivado 07 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". Museu Nacional D'Art de Catalunya.
- ↑ Isidoro de Sevilla. Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum, 51.
- ↑ In DeI NoMiNe ERVIGIVS ReX, In nome di Dio, re Ervige
- ↑
- ↑ Heiss, A. (1872).
- ↑ 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Páxina 52.
- ↑ Ruiz Trapero, M. (2004). Páxina 192.
- ↑ Pliego Vázquez, R. (2012).
- ↑ "Cecas en Gallaecia y Lusitania", "Cecas en Baetica y Carthaginensis", "Cecas en Tarraconensis y Narbonensis". En Período Visigodo en Hispania. www.tesorillo.com.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 29,3 Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Páxina 53.
- ↑ Miles, G. (1952).
- ↑ Ruiz Trapero, M.(2004). Páxinas 189-190.
- ↑ Pliego Vázquez, R. (2008). Páxinas 117-141.
- ↑ 33,0 33,1 Pita Fernández, Ricardo L. (1999). "Numismática galego-xermana", páxinas 20-24; "Cecas galegas da época xermana". Páxinas 47-60.
- ↑ Mateu y Llopis, F. (1942). "Los nombres de lugar en el numerario suevo y visigodo de Gallaecia y Lusitania". En Analecta Sacra Tarraconensia. 15. 1942.
- ↑ Miles, G. (1952)
- ↑ Canto García, A.; Martín Escudero, F. (2002)
- ↑ Cohen, Henry (1892: tomo VIII).
- ↑ Kent, John (1994).
- ↑ Hahn, Wolfgang (1973-1981).
- ↑ Reinhart (1938) (1949).
- ↑ 41,0 41,1 41,2 Pliego Vázquez, R. (2016). Páxina 518.
- ↑ 42,0 42,1 Miles, G. (1952). "Hoards of Visigothic Coins". Páxina 165.
- ↑ 43,0 43,1 Miles, G. (1952). "Hoards of Visigothic Coins". Páxina 166.
- ↑ Pliego Vázquez, R. (2016).
- ↑ Miles, G. (1952). "Hoards of Visigothic Coins". Páxina 171.
- ↑ Miles, G. (1952). "Hoards of Visigothic Coins". Páxina 172.
- ↑ Pliego Vázquez, R. (2016). Páxina 521.
- ↑ Cabré Aguiló, J. (1946).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda visigoda |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
- Cabré Aguiló, J. (1946). El Tesorillo visigodo de Trientes de las excavaciones del plan nacional de 1944-45 en Zorita de los Canes (Guadalajara) Arquivado 07 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.. Ministerio de Educación Nacional. Informes y Memorias. Comisaría General de Excavaciones Arqueológicas. Nº 10.
- Canto García, A.; Martín Escudero, F. (2002). Monedas visigodas. Real Academia de la Historia. ISBN 9788489512061
- Cohen, Henry (1892: tomo VIII). Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain communement appelées médailles impériales. Cez M. Rollin. París.
- De Francisco Olmos, J. (2009). "El Morbo Gothico. La moneda como fuente de estudio de la sucesión al trono en la monarquía visigoda". En VIII Jornadas Científicas sobre Documentación de la Hispania Altomedieval. ISBN 978-84-692-8280-9
- Grierson, Ph.; Blackburn, M. (2007). Medieval European Coinage (MEC). Tomo I: The Early Middle Ages (5th–10th Centuries). Cambridge University Press. Páxinas 39-54. ISBN 978-0-521-03177-6
- Hahn, Wolfgang (1973-1981). Moneta Imperii Byzantini.
- Vol. I (1973): Von Anastasius I. bis Justinianus I (491-565). Viena. ISBN 9783700100058
- Vol. II (1975): Von Justinianus II. bis Phocas. (565-610).Viena. ISBN 9783700100966
- Vol. III (1981): Von Heraclius bis Leo III., Alleinregierung (610-720). Viena. ISBN 9783700104001
- Heiss, A. (1872). Description géńerale des monnaies des rois Wisigoths d'Espagne. París.
- Kent, John (1974). "Un monnayage irrégulier du début du Ve siècle de notre ère". En BCEN. Bulletin trimestriel du Cercle d'Études Numismatiques. 11.
- Kent, John (1994). The Roman Imperial Coinage. Vol 10: The divided empire and the fall of the western parts : AD 395-491. Spink. Londres. ISBN 9780907605430
- Mateu y Llopis, F. (1936). Catálogo de las monedas previsigodas y visigodas del Museo Arqueológico Nacional. Imp. Góngora. 1936.
- Miles, G. (1952). The Coinage of the Visigoths in Spain: Leovigild to Achila II. American Numismatic Society. Nova York.
- Orlandis, J. (2003). Historia del reino visigodo español: los acontecimientos, las instituciones, la sociedad, los protagonistas. 2ª ed. Rialp. Madrid. ISBN 8432134694
- Pita Fernández, Ricardo L. (1999). Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela. ISBN 84-605-9958-2
- Pliego Vázquez, R. (2008). "La acuñación monetaria en el reino visigodo de Toledo. El funcionamiento de las cecas". En Els tallers monetaris: organització i producció, XII Curs d’Història monetària d’Hispania. pp. 117–141
- Pliego Vázquez, R. (2009). La moneda visigoda. Universidad de Sevilla. ISBN 9788447212125
- Pliego Vázquez, R. (2012). "La moneda visigoda: Anexo 1". En SPAL Revista de Prehistoria y Arqueología de la Universidad de Sevilla. 21.
- Pliego Vázquez, R. (2016). "La presencia de tesoros y hallazgos monetarios visigodos en las colecciones de museos e institucionesArquivado 07 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Actas del XV Congreso Nacional de Numismática. Patrimonio numismático y museos. Madrid, 28-30 octubre 2014. RCM-FNMT. Madrid. Páxinas 517-528. ISBN 978-84-89157-73-6
- Reinhart, W. (1938). "Die Münzen des tolosanischen Reiches der Westgoten". En Deutsches Jahrbuch für Numismatik. Kreß & Hornung. 1: 107-135.
- Reinhart, W. (1940). "Die Münzen des westgotischen Reiches von Toledo". En Deutsches Jahrbuch für Numismatik. 3: 69-101.
- Ruiz Trapero, M. (2004). "En torno a la moneda visigoda Arquivado 07 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". En Documenta & Instrumenta. 1. ISSN 1697-4328
- Vico, J.; Cores, M. C. (2008). "La moneda visigoda". En Gaceta Numismática. 169. Xuño. Asociación Numismática Española.