Pantasma (espírito)
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2009.) |
As pantasmas[1] (do grego φάντασμα, "aparición"), no folclore de moitas culturas, son supostos espíritos ou almas desencarnadas que se manifestan entre os vivos de forma perceptible (por exemplo, tomando unha aparencia visible, producindo sons ou cheiros ou desprazando obxectos (poltergeist), principalmente en lugares que frecuentaban en vida, ou en asociación coas súas persoas próximas.
Estudos recentes indican que moitos occidentais cren nas pantasmas (nos Estados Unidos, unha enquisa amosou que o 32% cre na existencia de pantasmas) e na vida logo da morte (o Alén).
Descrición
editarA crenza nas pantasmas, testemuñada dende os primeiros textos escritos, sumerios e exipcios, atópase espallada por todo o mundo, con variantes moi diversas. Unha das teorías que intentan explicar a relixión derivaríaos da tendencia do pensamento primitivo e prelóxico a considerar que o mundo dos soños forma tamén parte do real; xa que logo, ver en soños a persoas falecidas indica que non morreron e que poden interferir na vida real. A orixe das pantasmas, pois, non sería distinto ao da relixión en xeral.
Nas civilizacións orientais (como a civilización chinesa e civilización india), moita xente cre na reencarnación. Engadida a esta visión e dentro do estudo da Metafísica, as pantasmas son almas que rexeitan ser 'recicladas' dentro do ciclo do Samsara (ciclo da reencarnación), porque deixaron algunha tarefa por rematar. Os perfectos metafísicos, ou os exorcistas de diversas relixións, poden axudar á pantasma a reencarnarse ou facela esvaecerse da existencia sobre desta dimensión cuaternaria (segundo a Metafísica). Na crenza chinesa e india, ademais de reencarnar, unha pantasma pode tamén optar á inmortalidade, transformándose en semideus e poder a través da súa elevación espiritual transcender diversos planos, ademais de servir aos seres humanos, ou pode ir ao inferno e sufrir por ciclos karmáticos.
Outras relixións orientais, como o Shinto no Xapón, recoñecen a existencia de espíritos de todo tipo e aceptan a crenza en pantasmas como parte da vida cotiá.
En occidente, concíbese xeralmente ás pantasmas como almas en pena que non poden atopar descanso trala súa morte e quedan atrapadas entre este mundo e o cosmos. A imposibilidade de atopar descanso responde a unha tarefa que o defunto deixou pendente ou inconclusa: así, pode tratarse dunha vítima que reclama vinganza ou dun criminal que por algunha causa (ser soterrado con símbolos sagrados, por exemplo) ve diferido o seu ingreso no purgatorio ou inferno. Este é o caso da Santa Compaña, considerada pola cultura popular de finais do século XX e comezos do XXI como unha das lendas da mitoloxía popular galega máis arraigada no medio rural.[2]
Na cultura contemporánea
editarNa maioría das culturas contemporáneas, as aparicións de pantasmas están vencelladas a unha sensación de medo ou arrepío. As aparicións son fonte importante de estudo de recentemente nadas pseudociencias, tal é o caso da parapsicoloxía. Aínda é tamén importante dentro do estudo de certas relixións, coma no islam, o Budismo, Xainismo, Hinduísmo, Shintoismo, Espiritualismo e Cristianismo, aínda que cada unha estúdao de xeito diferente.
Nas crenzas da Nova Era, inténtase racionalizar a crenza tradicional afirmando que as pantasmas son cúmulos de enerxía negativa ou que se trata de imaxes holográficas de persoas que deixaron impregnado o ambiente coa súa imaxe e as súas actividades.
Comunicación con pantasmas?
editarA medida que o home moderno foi desenvolvendo novas tecnoloxías de comunicación, os interesados en establecer contacto coas pantasmas trataron de empregalas con este propósito: así, fálase de psicofonías (gravacións sonoras nas que supostamente óese a voz ou os movementos dalgún defunto) e das psicoimaxes (imaxes estáticas ou en movemento nas que, presuntamente, pode distinguirse algunha presenza fantasmal). Con todo, quen pretenden xustificar a existencia doutro mundo e comunicación co mesmo deben xustificar primeiro por que case todas as manifestacións espirituais adoitan ser aplicacións da Psicoloxía do engano ou fraudes, como con frecuencia amosaron magos como Harry Houdini ou James Randi. Así, mediante a comunicación, tamén se foi desenvolvendo o concepto científico sobre este tipo de fenómenos. Crese que máis que algunha manifestación divina ou arrepiante é unha liberación de enerxía do corpo, dito doutra xeito, unha "evolución" da vida no mundo terreal.
Pantasmas soadas
editarNo Pazo de Hampton Court foi gravado nun vídeo a hipotética pantasma dunha das donas de Henrique VIII. Tamén foi fotografado varias veces unha pantasma nunha biblioteca dos Estados Unidos, a coñecida como Lady in gray ou Muller de gris. Hai así mesmo un par de vídeos desconcertantes que esperan aclaración científica. Por outra banda, hai fenómenos como as teleplastias de Bélmez ou Caras de Bélmez que seguen sen explicación científica algunha.[Cómpre referencia]
Pantasmas na literatura
editarSon moitos os escritores que trataron o tema, xeralmente dende o punto de vista da creación de contos de terror. Comezou o xénero co Romanticismo, a finais do século XVIII, mais foi no XIX cando coñeceu o seu máximo auxe. Algúns autores: E. T. A. Hoffmann, Sheridan Le Fanu, M. R. James, Robert Louis Stevenson, Henry James, Edith Wharton, Algernon Blackwood, Arthur Machen, M. P. Shiel etc.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pantasma.
- ↑ Un anaco do libro Algunas calas en los orígenes del gallego [cómpre nº de páxina] de Andrés Suárez, dixitalidazado por Google.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pantasma |
Outros artigos
editar- Santa Compaña
- Os cazapantasmas
- Parapsicoloxía
- Espiritismo
- Exorcista
- Ser espiritual
- Doppelgänger
- Ouija
- Sobrenatural