Oso pardo europeo

O oso pardo europeo (Ursus arctos arctos) é unha das subespecies do oso pardo (Ursus arctos)[2] a cal habita en gran parte de Eurasia, dende a Península Ibérica até Escandinavia e Rusia. En Galicia está catalogado como en perigo de extinción.[3] A diversidade xenética dos osos pardos actuais (Ursus arctos) foi estudada extensamente ao longo dos anos e parece estar estruturada xeograficamente en cinco clados principais baseados na análise do ADN mitocondrial.[4]

Oso pardo europeo
Ursus arctos arctos

Femia adulta en Eslovenia.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Ursidae
Subfamilia: Ursinae
Xénero: Ursus
Especie: Ursus arctos
Nome trinomial
Ursus arctos arctos
Linnaeus, 1758 [1]
Distribución do oso pardo europeo.
Distribución do oso pardo europeo.

Distribución do oso pardo europeo.
Distribución do oso no Cantábrico
Distribución do oso no Cantábrico

Distribución do oso no Cantábrico

Descrición

editar
 
O oso pardo ten entre 36 e 38 dentes

É un habitante característico de bosques maduros de Europa, en hábitats boscosos na zona occidental e na oriental en hábitats de tundra. A súa lonxevidade vai dos 25 aos 30 anos, chegando até os 47 en catividade. Nos Pireneos constatouse que un oso ao que se lle chamaba Papillon contaba con 29 anos cando morreu. Aínda que se constatou que algún exemplar alcanzou os 34 anos de idade o normal é que vivan entre 20 e 25 anos.

O oso ten unha lonxitude do fociño á base da cola de 1,60 a 2,0 m e unha altura na cruz de 90 a 100 cm. Os machos adultos pesan entre 110 e 270 kg, e as femias poden pesar até 150 kg. A súa cor é moi variable dun individuo a outro. Pode variar entre o marrón moi escuro e o dourado claro, pasando por diversas gamas de grises.

As crías adoitan presentar manchas brancas no pescozo e no peito, a modo dun colar esbrancuxado máis ou menos amplo, marca que habitualmente desaparece a partir da primeira muda ao ano de idade, mais pode quedar algún resto nos adultos.

A súa pelaxe renóvase unha vez ao ano, na época estival,

A visión non a teñen moi desenvolvida comparada con outros sentidos, aínda que si pode ver en cor durante a noite. A longa distancia recoñecen formas mais non detalles, e detectan moito mellor animais ou obxectos en movemento que inmóbiles. Nalgunhas situacións desfavorables poden erguerse sobre as súas patas traseiras para aumentar o seu campo de visión. O seu oído é extremadamente agudo e desenvolvido do mesmo xeito có olfacto que é excelente, finísimo e, sen dúbida, o seu sentido máis desenvolvido e o que máis lles axuda na súa vida cotiá. Grazas a el poden detectar a longa distancia moitas das súas fontes de alimento e tamén o estado sexual doutros exemplares durante a época de celo.

As súas mandíbulas teñen entre 36 e 38 dentes, entre os que destacan 4 caninos puntiagudos e robustos como os doutros carnívoros. Con todo, a presenza de incisivos aptos para cortar herba e talos, e de molares amplos e aplanados capaces de triturar alimentos de orixe vexetal, fan que a dentadura deste carnívoro estea perfectamente adaptada a un réxime omnívoro.

Xenética

editar

No continente europeo existen dúas liñas xenéticas: a oriental e a occidental; esta, á súa vez, está subdividida en dúas subpoboacións xeneticamente diferenciadas por terse refuxiado durante a glaciación de Würm unha no denominado refuxio ibérico e a outra no refuxio balcánico.

Só teñen poboacións viables na área de distribución da súa liña xenética oriental: Rusia, Estonia, Letonia, Polonia, Eslovaquia, Romanía e Ucraína (estas catro últimas localizadas nos Cárpatos) e na Península Escandinava en Suecia, Finlandia e Rusia.

Das poboacións da liña xenética occidental só a do refuxio balcánico ten viabilidade a longo prazo e localízase na antiga Serbia e zonas fronteirizas de Austria e Italia. En Austria e Italia leváronse a cabo cadanseu proxecto para a reintrodución do oso: Reintroducción do oso na Austria central e Reintroducción do oso no Trentino (Alpes italianos).

As poboacións pertencentes a esa mesma liña xenética pero no refuxio ibérico localízanse na Cordilleira Cantábrica, Pireneos e sur da Península Escandinava e están nun estado de conservación moi precario. Aínda que grazas á Fundación Oso Pardo a situación do oso pardo cantábrico está mellorando na Cordilleira Cantábrica. O oso pardo pirenaico con todo viuse abocado á extinción das súas particularidades xenéticas pola existencia unicamente de osos autóctonos machos do mesmo xeito cós osos do sur de Escandinavia que entraron en contacto coa liña xenética oriental. O goberno francés levou a cabo dous proxectos de Reintroducción do oso nos Pireneos coa intención de recuperar a especie mais os seus esforzos non conseguiron de momento acadar unha poboación viable.

Dimorfismo sexual

editar

Nesta subespecie hai un claro exemplo de dimorfismo sexual: en termo medio, os machos teñen un peso de 115 kg podendo acadar máis de 250 kg e as femias 85 kg, podendo acadar 150.

Reprodución

editar

Os osos acadan a madurez sexual entre os 3 e os 5 anos. Son polígamos e o seu celo ten lugar entre maio e xullo. Nas femias, a cópula provoca a ovulación -en linguaxe técnica chámase "ovulación inducida"-, o que incrementa as súas posibilidades de quedar preñadas. A implantación é diferida, é dicir, o óvulo fecundado frota libremente no útero e non se implanta ata o outono; só entón comeza a verdadeira xestación, que dura uns dous meses. En plena hibernación, no mes de xaneiro e na seguridade da oseira, a femia pare dunha a tres crías, excepcionalmente catro, que pesan ao nacer uns 350 g, e os oseznos acadan entre 20 e 25 kg ao cumprir o seu primeiro ano de vida. Viven coa nai aproximadamente un ano e medio. O intervalo entre dous partos é de, polo menos, dous anos.

Alimentación

editar

Os osos son omnívoros: na primavera e no outono a súa alimentación é sobre todo vexetal, mais tamén aprecian as preas. O seu alimento preferido son os panais de mel. Ademais cazan pequenos vertebrados e insectos e, no momento de remonte dos salmóns nos ríos, fanse piscívoros, concentrándose preto das beiras. Unicamente algúns individuos se especializan na captura de grandes presas, sobre todo animais domésticos e de caza.

Costumes

editar
 
Oso pardo europeo durmindo á mañanciña

Os osos pasan o inverno nas súas oseiras, nas que dormen cun sono entrecurtado, sen variacións na súa temperatura corporal. É tamén neste período cando os osos paren (decembro, xaneiro) e comezan a criar aos seus oseznos.

As femias adoitan moverse por áreas dalgunhas decenas de km² que empregan de forma intensa. Pola contra, os machos teñen grandes áreas de campeo, que abranguen a varias femias. Un macho adulto radiomarcado no actual Parque Rexional de Riaño (León) moveuse durante catro anos por unha extensión de 2.447 km². A calidade do hábitat ten unha notable influencia sobre a extensión da área de campeo. Os exemplares que viven nos bosques boreais de coníferas -moito menos produtivos cós bosques caducifolios temperáns- teñen áreas de campeo moito maiores. Por exemplo, os machos estudados en Suecia e Noruega móvense por extensións de 5.430 km² de media, mentres que as femias teñen áreas de campeo medias de 345 km².

No tocante aos hábitats que ocupan, prefiren as carballeiras, faiais e bidueirais, pero tamén utilizan as formacións arbustivas, as matogueiras e os rochedos.

Como detectar a súa presenza

editar

As pegadas do oso pardo, grandes, anchas, e onde aparecen marcadas con claridade as fortes unllas e os dedos, e a planta de pés e mans, son moi distintivas. Os expertos poden detectar así mesmo a presenza do oso polas marcas de unllas nos troncos das árbores, as pedras viradas, as colmeas atacadas, ou os pelos perdidos nas codias e aramiadas.

Distribución

editar
 
Distribución do oso pardo europeo nos Pireneos (2019).

Status de poboación da especie

editar

A nivel xeral atópase nunha situación vulnerable con extincións parciais en toda a súa distribución coincidindo coas zonas máis humanizadas e coas subespecies en máis alto risco de extinción.

  • España
    • Cordilleira Cantábrica: occidental 250, oriental 120 (censo de 2023)[5]
    • Pireneos: uns 22 (en común con Francia)
  • Francia
    • Pireneos: uns 22 (en común con España)
    • Alpes: 5-10
  • Italia
    • Alpes: 15-17
    • Abruzzo: 40-70
  • Eslovenia 350 - 450
  • Croacia 400
  • Bosnia - Hercegovina 1195
  • Serbia 180
  • Montenegro 250
  • Macedonia 90
  • Albania 500
  • Grecia
    • Leste: 15-20
    • Oeste: 95-110
  • Bulgaria 700
  • Romanía 6000
  • Austria
 
Un oso pardo europeo nun billete de 50 rublos belarusos

Central: 15-20 Sur: 10-12

  • República Checa 2 - 3
  • Noruega 20
  • Suecia 600
  • Finlandia 400
  • Estonia 440 - 600
  • Letonia 20 - 40
  • Polonia 80
  • Belarús 120 - 250
  • Ucraína 400 - 900

O oso pardo no Cantábrico

editar
 
En verde: termos municipais con presenza de exemplares de oso pardo europeo entre 1993 e 2012. En vermello: área núcleo da especie.

Núcleo occidental

editar

A poboación occidental distribúese por uns 2.600 km² e é a máis importante no tocante ao número de exemplares, xa que inclúe a maior parte da poboación cantábrica de osos, cun censo en 2023 de 250 exemplares.[5] Esta poboación espállase polos montes do Alto Sil leonés e tamén polos montes lindeiros de Lugo, aínda que en Asturias é onde ocupa maior superficie. En León, os osos localízanse principalmente nos concellos de Villablino, Palacios e Páramo del Sil, mentres que en Lugo adoitan ser vistos nos municipios de Cervantes e Navia de Suarna. Os concellos asturianos onde habitan preferentemente son Cangas del Narcea, Degaña, Somiedo e Belmonte de Miranda, que é onde se contabiliza o meirande número de reproducións cada ano, aínda que tamén se localizan exemplares nos concellos de Proaza, Allande, Ibias, Tineo, Salas, Yernes e Tameza, Quirós, Teverga, Lena, Grado e Santo Adriano.[6]

Existen puntos críticos que interesa conservar como corredores ecolóxicos para evitar os problemas asociados aos procesos de illamento. En torno ao porto de Lechariegos prodúcese un estreitamento de tan só 10 km de ancho, causado por actividades mineiras e turísticas. Outras zonas importantes para o futuro desta poboación son os montes próximos ao porto de Cienfuegos, que permiten o paso de Degaña (Asturias) ata a Serra dos Ancares (Lugo-León), a Serra de Begega, comunicación entre Somiedo e a Serra do Courio, nos Concellos de Salas e Bellmonte de Miranda (Asturias), o estreito corredor boscoso entre o macizo das Ubiñas e a serra de Sobia, nos concellos asturianos de Teverga e Quirós.

Distribución en Galicia

Tense constancia da presenza do oso pardo en Galicia xa dende a Idade Media. A distribución do oso pardo chegou a abranguer as catro provincias galegas, aínda que de xeito irregular. O oso debeu chegar incluso ata a costa como denota a toponimia; como por exemplo a parroquia costeira de Oseiro no concello de Arteixo cuxo topónimo fai referencia á abondosidade de osos.[7] Os derradeiros osos galegos foron abatidos nos anos 20 do século XX. Ortuño e De la Peña (1977) citan a unha osa e maila súa cría como os derradeiros osos cazados nos Ancares en 1920.

A presenza do oso en Galicia regresou a comezos da década de 2000 de maneira esporádica nas rexións montañosas orientais,[8] procedentes de Asturias e León. Estas visitas fixéronse cada vez máis frecuentes como consecuencia das accións proteccionistas. A Fundación Oso Pardo (FOP) informou que, desde o 2007, o límite xeográfico entre Lugo e León considérase xa un espazo reprodutor para a especie, e rexistráronse dúas femias paridas nun mesmo ano, o que constata o importante crecemento que está experimentando a poboación de osos no alto Sil e no alto Narcea, non descartándose que, de seguir coa política de restauración dos seus hábitas naturais, cheguen a reproducirse outra vez en Galicia.[9] No censo de 2023, constatouse a existencia de 11 exemplares de oso en Galicia.[5]

Núcleo oriental

editar

A poboación oriental abrangue unha superficie de aproximadamente uns 2.480 km², que se espallan polos montes do nordeste leonés e norte de Palencia (87%) e as montañas cántabras próximas (10%), así como por un pequeno sector asturiano nos concellos de Caso e Ponga (3%). Segundo o censo de 2023, neste núcleo habitan 120 exemplares.[5]

Ademais nesta poboación existen puntos críticos que ameazan con acrecentar os problemas asociados aos procesos de illamento. A serra de Curavacas, imprescindible corredor entre os núcleos oseiros de Riaño (León) e das cabeceiras boscosas do Pisuerga (Palencia), os vales de Lechada, Río Vargas e Naranco que permiten a comunicación entre Cantabria e Castela e León están ameazados pola futura estación de San Glorio[10].

  1. Ursus arctos Linnaeus, 1758 no SIIT.
  2. Wozencraft, W.C. (2005). "Ursus arctos arctos". En Wilson, D.E.; Reeder, D.M. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (en inglés) (3ª ed.). Johns Hopkins University Press. pp. 588–589. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494. 
  3. Fauna en perigo de extinción: Oso (Ursus arctos) Arquivado 21 de decembro de 2009 en Wayback Machine. Medioambiente.xunta.es, Consultada o 18/07/09
  4. Calvignac, S.; Hughes, S (1998). "Ancient DNA evidence for the loss of a highly divergent brown bear clade during historical times" (PDF). Molecular Ecology 17 (8): 1962–1970. PMID 18363668. doi:10.1111/j.1365-294x.2008.03631.x. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Galicia acolle 11 dos 370 osos pardos detectados no último censo, que confirma a conexión entre Ancares e Courel". Praza Pública. 7 de febreiro de 2023. Consultado o 14 de abril de 2023. 
  6. Distribución y censo Oso pardo Arquivado 15 de xullo de 2009 en Wayback Machine. Fundaciónosopardo.org, Consultada o 18/07/09
  7. Distribución histórica del oso pardo en la Península Ibérica - Ministerio de Medio Ambiente Arquivado 15 de decembro de 2007 en Wayback Machine. Mma.es 18/04/06, Consultada o 07/07/09
  8. Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), pp. 90-91.
  9. El oso pardo trota por Los Ancares. Diario La Voz de Galicia, 19 de abril de 2013.
  10. Asociación "San Glorio Leonés": Intereses de "TresP" no son ni los de León y ni los del Oso

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Delibes de Castro, Miguel; Juan Carlos Velasco Marcos, Miguel Lizana Avia, Jacinto Román Sancho, Jesús Fernández Gutiérrez, Carlos Sánchez Alonso (2005). Guía de los peces, anfibios, reptiles y mamíferos de Castilla y León. Náyade editorial. ISBN 84-933730-1-X. 
  • Díaz d'a Silva e Carrtelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96883-20-7.
  • Kowalski, K. (1981): Mamíferos. Manual de teriología, pp. 464–472. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar