Mateu o Evanxelista
San Mateu Evanxelista,[1] tamén designado como Mateu Leví, Leví de Alfeo e Mateu apóstolo, foi un dos doce apóstolos de Xesús e tamén un dos catro evanxelistas. Represéntase cun libro na man, signo do seu evanxeo, e ás veces cunha pluma.
Nome orixinal | (he) מַתִּתְיָהוּ |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | século I Terra de Israel |
Morte | 74 Etiopía |
Causa da morte | morte non natural, decapitación |
Apóstolo | |
Datos persoais | |
Residencia | Cafarnaún |
Relixión | Cristianismo |
Actividade | |
Ocupación | recadador de impostos, presbítero, Publicano |
Profesores | Xesús de Nazaret |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 21 de setembro (Igrexa católica) 16 de novembro (Igrexa ortodoxa) |
Símbolo iconográfico | Angel of Saint Matthew (en) |
Familia | |
Cónxuxe | sen valor |
Pai | Alfeu, pai de Levi |
Cronoloxía | |
Chamado de Mateus (pt) | |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Enciclopedia Bíblica de Archimandrita Nicéforo Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
|
O nome procede do hebreo Matithyah, que significa don de Iavé, ou presente, regalo de Deus. De aí adaptouse ó grego Maththaios e ó latín Matthaeus, de onde vén o nome Mateu nas linguas romances.
Dáselle o tratamento de santo por tódalas confesións cristiás que admiten esta distinción. A Igrexa Católica celebra a súa festa o 21 de setembro, pero a igrexa ortodoxa faino o 16 de novembro.
Biografía
editarAntes de ser apóstolo, era recadador de impostos para os romanos en Cafarnaún, na antiga Galilea, e chamábase Leví (Mateu 9:9, Marcos 2:14, Lucas 5:27-29). Cando escoitou a predicación de Xesús abandonou todo e se incorporou ós seus discípulos, momento no que Xesús lle cambia o nome polo de Mateu e lle encarga a administración dos cartos que el e mailos apóstolos recibían como esmolas ou doazóns. Esta circunstancia fíxoo patrón dos banqueiros.
Trala morte de Xesús, a tradición di que foi evanxelizar Etiopía, aínda que non existen fontes documentadas disto nin das circunstancias da súa morte, martirizado nesta terra [2]. Crese que os seus restos se conservan na catedral de Salerno (Italia).
Escribiu o primeiro evanxeo tal como aparecen ordenados nas biblias cristiás, cara aos anos 70-80, segundo Eusebio de Cesarea. Para algúns autores antigos, como Agostiño de Hipona, escribiuno en arameo, aínda que o certo é que tódolos materiais coñecidos, tanto completos como fragmentarios, están en grego. Corre tamén a teoría de que o texto coñecido é unha tradución posterior.
Atributos
editarA imaxinería relixiosa represéntao cun libro na man ou cunha pluma, símbolos do labor como evanxelista. Como sexa que o seu evanxeo comeza describindo a xenealoxía humana de Xesús, tamén aparece acompañado dun home ou anxo, ou substituído por estas figuras. Igualmente, como trazo do seu oficio de recadador de impostos e tesoureiro dos apóstolos, tamén se lle representa escribindo sobre un cofre.
Noutros casos, aparece tamén dotado dunha macheta, dun coitelo, dunha lanza ou dunha fouce, como hipotéticos instrumentos do seu martirio.
Galería de imaxes
editar-
San Mateu, no ángulo superior dereito do Tetramorfo (Pórtico da Gloria)
-
San Mateu, representado por un anxo (Catedral de Burgos)
-
Códice Áureo de Canterbury
-
A chamada de san Mateu (Hendrick ter Brugghen)
San Mateu en Galicia
editarÉ patrón do concello de Trazo [3] e titular de cinco parroquias galegas:
- Trasancos (Narón, A Coruña)
- Vidal (Trabada, Lugo)
- Pusmazán (Carballeda de Valdeorras, Ourense)
- Toutón (Mondariz, Pontevedra)
- San Mateo de Oliveira (Ponteareas, Pontevedra)
Refraneiro
editar- A doutrina de san Mateu, primeiros son os meus.
- Chuvia outoneira, por san Mateu a primeira.
- Convidoume Xan Mateu e o viño pagueino eu.
- Esmola san Mateu i esmolou prós seus.
- Polo san Mateu bota os teus centeus.
- Polo san Mateu deixa a cegoña a torre e por Brais a recolle.[4]
- Polo san Mateu, vendima eu, vendimarei eu.
- Por san Mateu vindima do teu.
- Pregúntalle a Mateu que eu tan bo coma eu.
- San Mateu enche as lameiras e san Marcos as baleira.[5]
Notas
editar- ↑ "Mateu na Guía de nomes da RAG". academia.gal. Consultado o 8 de xullo de 2022.
- ↑ Epifanio de Salamis, bispo de Chipre, afirma que Mateu morreu en Partia (hoxe Irán) e foi Matías, outro dos apóstolos, quen morreu en Etiopía.
- ↑ Tamén o é do concello oscense de Monzón.
- ↑ San Brais celébrase o 3 de febreiro. Quérese dicir que a cegoña emigra a África en setembro e regresa para san Brais.
- ↑ San Marcos, 25 de abril. Quérese dicir que as lameiras, prados enchoupados permanentemente de auga, aparecen coas chuvias de setembro, para secar a finais de abril.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- FERRO RUIBAL, Xesús (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
Outros artigos
editar- Mateo de Prado, escultor barroco.
- Mestre Mateu, escultor do século XII.
Ligazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Mateu o Evanxelista |
- San Mateo, na Academia Católica
- San Mateo Arquivado 29 de xuño de 2011 en Wayback Machine.