Coliseo de Roma
O Coliseo, orixinariamente coñecido como Anfiteatro Flavio, ou simplemente como Amphitheatrum, é un anfiteatro da Roma antiga, con total probabilidade o máis famoso do mundo. Podía acoller 50.000 espectadores, sendo usado, principalmente, para espectáculos de loitas de gladiadores.
(la) Colosseum | ||||
Tipo | xacemento arqueolóxico | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | parque arqueolóxico do Coliseo | |||
Localización | ||||
División administrativa | Roma Capitale, Italia, Roma, Italia e Municipio I, Italia | |||
Localización | Piazza del Colosseo | |||
| ||||
Características | ||||
Dimensións | 48 () × 155 () × 187 () m | |||
Material usado | fachada: travertino de Roma muro: tufo bóveda: formigón | |||
Superficie | exposición: 5.000 m² exposición: 30.000 m² | |||
Ben cultural de Italia | ||||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 82 | |||
Cronoloxía | ||||
80 | Xogos inaugurais do Coliseo | |||
Actividade | ||||
Uso | xogos romanos, canteira e atracción turística | |||
Visitantes anuais | 1.633.436 (2021) | |||
Fundador | Vespasiano | |||
Páxina web | colosseo.it… | |||
O edificio forma unha elipse de 527 m de perímetro, con eixes que miden 188 m x 156 m. A "arena" interna mide 86 m por 54 m, cunha superficie de 3.357 m². A altura actual acada 48,5 m, mais en orixe chegaba a 52 m.
O Coliseo foi construído sobre o terreo que ocupaba o enorme pazo de Nerón, a Domus Aurea, que estaba precisamente situado na depresión de Velia, entre o Caelius, o monte Oppius e o Palatino, cerca do barrio de Subura, e xusto sobre o lago do pazo, que foi desecado, e dunha "arena" de madeira para gladiadores, que foi destruída. Está no cruzamento da Vía Triunfal e a Vía Sacra.
Financiouse co diñeiro conseguido na campaña vitoriosa de Tito en Xudea, e sobre todo procedente do saqueo do Templo de Xerusalén, no ano 70 d.C.
Unha enorme estatua de Nerón, o Coloso de Nerón, que foi desprazada a raíz da construción do Templo de Venus e de Roma, atopábase erguida á beira do Anfiteatro Flavio; de aí saíu o seu nome de Coliseo: Colosseum, durante a Idade Media, debido aos restos que perduraban do Coloso de Nerón. O Coliseo, pois, foi chamado así despois da Antigüidade e nunca na época imperial romana.
Construción
editarA edificación comezou cara ao ano 70 d.C. con Vespasiano. El mesmo consagrou a construción en 79 d.C. cando o anfiteatro non tiña máis que dúas alturas. Sería rematado polo seu fillo o emperador romano Tito no 80 d.C., que engadiu a terceira e cuarta alturas.
A construción enteira do edificio durou menos de dez anos, a pesar do seu impoñente tamaño e dos medios da época. Tito consagrou a ampliación da edificación con magníficos xogos que duraron 100 días.
Domiciano engadiu aínda algúns retoques decorativos uns anos máis tarde[1]. O nome de Anfiteatro Flavio débese evidentemente á dinastía da que formaran parte estes tres emperadores: os Flavios.
Arquitectura
editarO anfiteatro ten planta de forma elíptica. O eixe principal, Noroeste-Sueste ten unha lonxitude de 188 m, e o eixe menor 156 m. O exterior está construído con grandes bloques de mármore travertino. O resto dos muros interiores con bloques de "peperino" (un conglomerado) e de formigón, que poden ir ou non revestidos de ladrillo. Algunha toba foi tamén empregada na parte inferior dos muros interiores. O muro externo -na fachada superaba os 48,50 m de alto-, susténtase sobre un estilóbata, que está alzado como dúas alturas por medio dunha plataforma de travertino, que ten 17,50 m de ancho, e rodeaba a construción toda por enteiro. O muro externo mesmo está dividido en catro alturas, das que as tres inferiores se compoñen de fileiras de arcadas abertas, un modelo arquitectónico imitado do próximo Teatro de Marcelo.
Primeira altura
editarAs bóvedas da arcada inferior teñen 7,05 m de altura e 4,20 de ancho. As pilastras que os sustentan son de 2,40 m de ancho e 2,70 de profundidade. Diante destas pilastras, columnas de orde toscana sustentan un entaboamento de 2,35 m de alto, mais sen as características distintivas desta orde. Había oitenta bóvedas na arcada inferior, nas que se localizaban as catro entradas principais do anfiteatro, correspondentes aos puntos cardinais, carecendo de numeración. As restantes bóvedas si foran numeradas.
Segunda altura
editarProxeccións enriba das columnas da primeira altura serviron de pedestais ás columnas pegadas da segunda arcada. Esta ten as mesmas dimensións que a anterior, salvo que as bóvedas teñen soamente 6,45 m de altura. As columnas son de orde xónica, e sustentan, á súa vez, un entaboamento de 2,10 m de altura, pero non é unha orde xónica ideal.
Terceira altura
editarA terceira altura é tamén unha arcada con columnata de orde corintia. As bóvedas son de 6,40 m de alto. Novamente un entaboamento coroa a arcada. Tanto na segunda como na terceira altura, cada arco abrigaba unha estatua.
Cuarta altura
editarA cuarta altura carece de arcada: é un muro ornamentado de pilastras de orde corintia, colocadas seguindo o eixe das columnas das alturas inferiores. Como nos casos anteriores, as pilastras sustentan o correspondente entaboamento.
Coroando o conxunto, había consolas, tres entre cada par de pilastras. Nelas colocábanse mastros que servían para soster toldos (velaria), cos que se protexía a cávea dos elementos atmosféricos.
Usos
editarO Coliseo usábase para pelexas de gladiadores así como unha gran variedade de eventos. Os espectáculos, chamados munera, sempre eran patrocinados por cidadáns no canto de polo Estado. Tiñan un forte elemento relixioso pero tamén eran unha demostración de poder e influencia familiar, e resultaron ser incriblemente populares na plebe. Outro espectáculo popular era a caza de animais, ou venatio. Nela usábanse unha gran variedade de bestas salvaxes, a maioría importadas de África, e incluían rinocerontes, hipopótamos, elefantes, xirafas, leóns, panteras, leopardos, crocodilos e avestruces. As batallas e a caza representábanse en escenarios con árbores e edificios movibles. Estes eventos celebrábanse ás veces a unha grande escala; dise que Traxano celebrou as súas vitorias en Dacia no 107 con xogos que incluíron a 11.000 animais e 10.000 gladiadores, desenvolvéndose durante 123 días.
Durante os primeiros días do Coliseo, os escritores clásicos dicían que o edificio usábase para naumachiae (máis coñecidas como navalia proelia) ou simulacións de batallas navais. As fontes que nos contan os xogos inaugurais que fixo Tito no 80 describen que o piso inferior enchíase de auga para mostrar a cabalos e touros previamente adestrados nadando. Tamén nos contan unha recreación dunha famosa batalla naval entre os gregos de Corfú e os corintios. Isto foi obxecto de debate para os historiadores, xa que, aínda que encher o edificio de auga non presentase problemas, non está claro como podían facer que a area fose impermeable, nin se había espazo suficiente para que os barcos de guerra se movesen. Suxeriuse que as fontes falaban doutro lugar, ou que o Coliseo tiña nas súas orixes unha ancha canle inundable que ía ata o seu eixe central, e que posteriormente sería substituída polo hipoxeo.[2]
O poeta Marcial tamén se fixo eco de devanditos xogos inaugurais, e máis concretamente, descríbenos unha loita de gladiadores que pasaría á historia, a de Vero e Prisco. Ambos loitaron ata a extenuación ante o emperador Tito, sen que ningún dos dous chegase a impoñerse sobre o outro. Tal empeño e capacidade de resistencia foi recompensado co clamor popular, que levou ao César a perdoarlles. Tan excepcional foi este feito que Marcial recolleuno na súa obra Liber spectaculorum.
Tamén se facían sylvae ou recreacións de paisaxes naturais na area. Pintores, técnicos e arquitectos construían unha simulación dun bosque con árbores e arbustos reais que se plantaban no chan da area. Poñían animais para poboar a paisaxe e asombrar á multitude. Eses escenarios poderían haberse usado simplemente para mostrar unha contorna natural á poboación urbana, ou como pano de fondo para a caza ou obras que narraban episodios mitolóxicos. Ocasionalmente tamén se usaban para execucións nas que o heroe da historia -interpretado polo condenado a matar- era asasinado de xeito espantoso pero mitoloxicamente auténtica, sendo devorado por bestas ou queimado ata a morte.
O Coliseo, na actualidade
editarO Coliseo é a maior atracción turística de Roma e miles de turistas pagan cada ano por entrar e ver a area. Nel está situado un museo dedicado ao deus grego Eros, no piso superior do edificio. Parte do chan da area foi reconstruído.
Un dos usos actuais do Coliseo é a procesión do Viacrucis, que preside o Papa cada Venres Santo.
Notas
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Coliseo de Roma |
Bibliografía
editar- Carcopino, Jérôme (2001). La vida cotidiana en Roma en el apogeo del Imperio (en castelán). Madrid: Temas de hoy.
- Claridge, Amanda (1998). Rome: An Oxford Archaeological Guide (en inglés). Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-288003-9.
- Luciani, Roberto (1994). El Coliseo (en castelán). Madrid: Anaya. ISBN 84-8162-981-2.
Ligazóns externas
editar- ColosseumWeb Sitio oficial do Coliseo.
- Relato da Inauguración do Coliseo
- Sitio de recursos sobre o Coliseo
- Artigo de Philip Smith, da Universidade de Londres.
- The Roman Colosseum Vídeos de Alta calidade e audioguías en MP3